O
venres 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Xurxo Souto, Serafín Mourelle, Luís Dopico, o ilustrador do libro, Roberto Castro e Paco Souto. (A foto do autor é de François Davo).
Ourense: presentación de E meterei a miña Lei no seu peito, de Rebeca Baceiredo
Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf, por Lara Rozados
Artigo
de Lara Rozados para A Sega:
“(…) É unha moi boa noticia a aparición desta nova editorial, pequena e independente, dedicada á tradución ao galego de clásicos da literatura universal. Irmás Cartoné, creada por Carlos Valdés e Celia Recarey, preséntase ante as lectoras e os lectores cunha novela [Orlando. Unha biografía] que constitúe, en palabras de Nigel Nicolson (fillo, por certo, de Vita Sackville-West) na contracapa, “a máis longa e encantadora carta de amor da literatura…” O libro foille dedicado pola súa autora, Virginia Woolf, a Vita Sackville-West, e en efecto preséntase como un canto de amor e liberdade, escrito coa intelixente ironía, co afán experimental e co bo facer técnico que caracterizan á escritora.
Baseada en pasaxes da vida da propia Sackville-West, a novela preséntanos os paradoxos da sociedade patriarcal e tamén da historia británica: @ protagonista (a arroba aparece aquí cargada de significado) vive, ao longo de catro séculos e dos dous sexos, todas as emocións e pensamentos posibles, nun impecable exercicio de creación de ficción. “A natureza e as letras parecen terse mutua antipatía: se un as xunta, esnaquízanse unha á outra”. (p. 16). Comeza o biógrafo situando a quen le na época isabelina para leval@, da man do seu/da súa Orlando, a través dos séculos. Un mozo nobre e ilustrado vive libre de preocupacións, até que, a piques de contraer matrimonio, chega unha Grande Xeada. Orlando escribe, antes de facer vinte e cinco anos, “unhas corenta e sete obras, relatos, novelas, poemas” (p. 59), posuído pola “enfermidade” da escrita. E con trinta anos, “este xove nobre non só vivira todas as experiencias que a vida ten que ofrecer, senón que vira a futilidade de todas elas”. (…)”
Vilaboa, Culleredo: recital poético conxunto
Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco Martín → Marica Campo → Darío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.
Eduardo Santiago, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz
Helena Villar: “O libro Remontar o río é como a miña manda poética. Unha obra unitaria, ontolóxica…”
Entrevista
de Montse Dopico a Helena Villar en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): É un libro [Remontar o río] moi especial. De que maneira optastes por ese formato?
– Helena Villar (HV): Pois tivo que ver coa xénese do libro, que naceu nunha viaxe en barco polo Danubio. Eu nunca pensara, porque ás veces non pensamos nas cousas máis sinxelas, que cando un barco descende por un río despois ten que volver ascender. Ademais, ao final do traxecto había unhas exclusas, máis difíciles de pasar na viaxe de retorno. Pois a orixe do libro estivo nese choque con esa evidencia elemental que me pasara desapercibida. Quixen remontar o meu propio río da memoria. Isto foi hai catro anos, en xuño do 2010. Levaba un caderno no que fun apuntando as impresións que me causaba a paisaxe, as lendas… E moitos deses apuntamentos nin tiveron reescritura posterior. Ao chegar á casa gardeinos, mais despois decidín facer un libro.
Paseille os poemas á miña querida amiga e gran artista Luz Darriba para que se encargase das ilustracións. E como ela quere facer todo ao grande, pensou en facer un libro en forma de río. Nun principio fixo ilustracións dixitais, mais a súa filla Aymará, que foi quen maquetou o libro, díxolle que como a artista que é podía facer algo moito máis bonito… E entón Luz remontou tamén o seu propio río: volveu aos pinceis e a tinta, á súa época de estudante de Belas Artes. Despois houbo tamén moito traballo de litografía. Son 500 exemplares, pegados á man. Un río de 12 metros sobre o meu texto. Unha auténtica paráfrase… (…)
– MD: Remontas o río da vida. Dos recordos.
– HV: O vals e a rosa, que son tamén Viena, son imaxe da adolescencia. Nos poemas están as paisaxes reais que vin naquela viaxe en barco e as miñas paisaxes emocionais. Hai tamén unha tetratonía, as catro estacións, con Vivaldi, que son as estacións da vida. Co inverno volven o vals e a rosa na memoria, e tamén somos persoas máis fortificadas, arriquecidas, tranquilas… Creo que Remontar o río é un libro optimista. Porque nada foi en balde. O bonito quedou aí e o que non fíxonos máis fortes. Xa na desembocadura do meu propio río móstrome optimista, alegre…
– MD: É optimista, se cadra, porque apunta ás cousas importantes da vida.
– HV: É un libro moi unitario. Podería ser un poema só. É moi sensual tamén. A sensualidade sempre está presente nos meus poemas. Hai un poema, por exemplo, sobre a ausencia de pracer nun momento. Sobre o desexo de pracer, do pracer dos sentidos, que tamén é o do amor. Os poemas reivindican, si, cousas imprescindibles da vida. Nun dos poemas está tamén a dor: a ortografía da dor, como se escribe a dor, porque a vida tamén é iso… Eu tiña moitas ganas de facer un libro unitario, redondo. E a verdade é que chegou a darme moito medo a súa beleza, como obxecto. Cando chegou, estiven varios días sen abrilo. Porque tiña medo de que o meu texto defraudase, ante tanta beleza. Cando me atrevín a abrilo non me defraudou, é certo… Dalgunha maneira, Remontar o río é tamén como a miña manda poética. O cal non significa que vaia deixar de escribir. É unha obra ontolóxica, existencial… Teño a impresión de que non vou facer outro libro así. Aínda que é verdade que eu, sendo tan combativa na vida real, o que me sae cando escribo poesía é algo máis ontolóxico, existencial, intimista… Cústame saír dese marco. Por iso na miña obra atópanse dous tipos de poesía, a erótica e esta. (…)”
Gondomar: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández
O
mércores 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), preséntase O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa Miguel Anxo Mouriño.

