Gondomar: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Rosa Pascual.

Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do venres 19 de abril

O venres 19 de abril comeza unha nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:

Pola mañá. Encontro poético con alumnado do IES A Xunqueira I, IES Sánchez Cantón e IES Valle-Inclán.
18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño s/n).
Inauguración de PontePoética 3 e recital dos poetas: Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta e Roger Wolfe. Presenta: Xaime Toxo.
20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: Raquel Lanseros, Lino Braxe e Rosa Alice Branco. Presenta: Goretti Canario.
22:30 h. Pub Pequeño Karma (rúa de Paio Gómez Chariño, 29, baixo).
Performance poético-musical: A marcha da sombra. Poesía en vivo con voz, corpo e alma, con Claudio Pozzani.

Coñécense os gañadores da 4ª e 5ª categoría do Premio Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Martín Sarmiento:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:
4ª categoría: 1º e 2º de ESO: Ledicia Costas e Pere Tobaruela, por Mortos de ningures, publicado en Everest.
5ª categoría: de 3º a 4º de ESO e Bacharelato: Xosé Henrique Rivadulla Corcón, por O noso amor será eterno, publicada por Xerais.”

Carballo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 19 de abril, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo (Rúa Vázquez de Parga, 1), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e o Instituto de Estudos Bergantiñáns, coa colaboración da Libraría Brañas, participan, xunto ao autor, Xan Fernández Carrera, Xosé Manuel Varela e Manuel Bragado.

Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular

Desde Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”

Arteixo: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta-feira 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado polos Cadernos Q de Vián. No acto, xunto ao autor, participa Paco Gallego.

María Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. (…)
O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a María Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. (…)”.