Vigo: actividades destacadas do mércores 28 de maio na Feira do Libro

O mércores 28 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Presentación de 50 anos de Grial, pola Editorial Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Fernández, Domingo Docampo, Uxío Labarta e Xurxo Martínez.
20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor do libro Modesto Hermida, Antón Costa Rico e Manuel Bragado.

Ramón Villares inicia o seu último mandato no Consello da Cultura Galega

Desde Sermos Galiza:
“As normas do Consello da Cultura Galega contemplan que o tempo máximo de permanencia na presidencia é dun mandato de catro anos, mais Ramón Villares acóllese para a súa reelección a que a aprobación foi en 2008 e, polo tanto, a súa aplicación non ten carácter retroactivo.
Ramón Villares foi reelixido para os vindeiros catro anos, con 22 votos a favor e un en branco, nunha sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar na tarde desta quinta feira no propio Consello da Cultura Galega. Para se candidatar á presidencia da institución, precísase o aval de, cando menos, seis membros do Pleno que, no caso de Villares, foron, entre outros, Francisco Díaz Fierros, Rosario Álvarez, Xosé López, María Xosé Agra, Concepción Varela, Yzquierdo Perrín e Iago Seara. O último trámite para que a elección sexa efectiva será a publicación do decreto da Xunta por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Con carácter previo, informarase ao Parlamento da proposta para que poida dispor para a súa comparecencia. (…)
O novo pleno do CCG muda tamén a súa composición no apartado de personalidades representativas da cutura galega no que entran Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro ao tempo que son reelixidos Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela e Maximino Zumalave, unha paridade de xénero que se perde no órgano pola participación de representantes nas institucións, na súa totalidade masculinos.”

Cuestionario Proust: Rafael Laso

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rafael Laso:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O que elas agardan de min.
4.– A súa principal eiva?
– Son teimudo de máis.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder compartir o tempo coa miña dona e meu fillo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor ou pintor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste noso país.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O alecrín.
12.– O paxaro que prefire?
– O xiroto.
13.– A súa devoción na prosa?
– A listaxe sería moi longa.
14.– E na poesía?
– Celso Emilio, Cunqueiro, Rosalía…
15.– Un libro?
– Tantos…, dicir un só sería case pecado.
16.– Un heroe de ficción?
– Mazinger Z.
17.– Unha heroína?
– A pantera rosa.
18.– A súa música favorita?
– Bob Dylan e Milladoiro.
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Sorolla.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os dous: meu pai e miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Antela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei se un feito militar, a revolta irmandiña.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Argallando e pensando cousas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O ser lambón.
30.– Un lema na súa vida?
– A felicidade está nas cousas arredor de nós.”

Vigo: actividades destacadas do martes 27 de maio na Feira do Libro

O martes 27 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. An Alfaya presenta o seu libro O fío vermello, publicado por Xerais. Xunto á autora, participarán no acto Helena Pérez e Antonio García Teijeiro.
19:30 h. O escritor Pedro Feijoo asinará na caseta de Libraría Pedreira.
20:00 h. O escritor e xornalista Pemón Bouzas presenta o seu libro A voz do vento, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.

Armando Requeixo: “Díaz Castro desexaba reflectir a parálise dunha Galiza inmobilista que non conseguía avanzar, que non se espreguiza”

Entrevista de Montse Dopico a Armando Requeixo en Praza:
“Xosé María Díaz Castro non é só Nimbos. Non fora publicada nin a terceira parte da poesía en galego do homenaxeado no Día das Letras do 2014. E, dela, só Nimbos xerou un impacto crítico importante. Un dos maiores expertos na súa obra -se non é o maior-, Armando Requeixo, recuperou os dous poemarios de xuventude do autor, os ata entón inéditos Follas verdes e Follas ô aire, nun volume no que tamén recolle Nimbos, Nascida d’un sono e poemas soltos e non compilados, alén dunha escolma epistolar. Neste libro, Xosé María Díaz Castro. Poesía galega completa (Galaxia), Requeixo reivindica o Díaz Castro “poeta de denuncia que arremete contra a pasividade da sociedade galega” e contra a “penosa realidade migratoria do pobo galego”.
– Praza (P): Divides a obra de Díaz Castro en tres etapas. A primeira iría do 31 ao 36, con Follas verdes e Follas ô aire (dos que salientas o maxisterio rosaliano, paisaxismo mindoniense e pegada da lírica francesa). Achegaríase entón á Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e ao Ruralismo. En que aspectos?
– Armando Requeixo (AR): Díaz Castro, nesa altura, comparte moitos trazos característicos da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e, tamén si, do Paisaxismo Humanista, Neovirxilianismo ou Ruralismo, como a súa ampla formación humanística, a escolla da paisaxe mindoniense como escenario poético, a procedencia rural que permea na escrita, presentar textos formalmente moi elaborados e, polo xeral, sometidos á disciplina métrica e procurar a dignificación do idioma a través da reivindicación do popular e o dialectal como propicia arxila poética, extremos todos que, en efecto, cumpre a poesía do autor. (…)
– P: A segunda etapa abrangue do 36 ao 47. Desta fase son o Caderno-Borrador Manuscrito e o Caderno-Borrador Mecanoscrito, ou o poema Mediodía. Tamén Nascida d’un sono e El cántico de la Ciudad. Aumenta neles o ton confesional e tamén de celebración do cotián, de lugares, de xentes. De que maneira a sinxeleza, as métricas clásicas… adiantan Nimbos?
– AR: Os ensaios cada vez máis dúctiles de metros e fórmulas rítmicas preanuncian a mestría que neste eido alcanzou en Nimbos, do mesmo xeito que o recurso a certas temáticas, motivos e mesmo solucións estilísticas están na base das ensaiadas no poemario de 1961.
– P: A terceira etapa abrangue do 47 ao 90. Son Nimbos e poemas publicados en revistas como Alba, Dorna, Xermolos ou Amencer, ou en escolmas como a de Fernández del Riego. Nimbos tivo un proceso de creación moi longo. Por que?
– AR: Porque o poeta, cando Francisco Fernández del Riego en 1956 lle escribe por vez primeira pedíndolle un poemario para Galaxia, non ten materiais suficientes que o convenzan para compor un volume de versos. Ese feito fai que demore máis do esperable en publicar o libro, pois a súa situación vital (afastado en Madrid), familiar (coas obrigas que supuñan os fillos que entón comezaron a nacerlle) e profesional (cos moitos compromisos tradutores que tiña que atender nos organismos que traballou e, fóra deles, coas editoras coas que colaboraba) dificultaron que reunise en menos tempo poemas abondos para conformar un libro que, ao final, acabou publicándose con tan só trinta e dúas composicións, das cales catorce foran reaproveitadas de entre as xa aparecidas na prensa periódica ou antoloxías. (…)”

Xosé María Díaz Castro: Euskal Herría ao fondo, por Xosé Estévez

Artigo de Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“O Día das Letras Galegas deste ano 2014 foi dedicado a Xosé María Díaz Castro, autor de Nimbos e poeta da Lus. Abondaron deica agora as colaboracións, conferencias, artigos, documentais, libros e toda clase de actividades encol das diferentes facianas da súa polifacética personalidade. Mais foron dabondo escasos os que trataron dous temas: a xeira de Manuel María na canonización, espallamento e acollemento de Díaz Castro no universo literario galego e as súas vinculacións con Euskal Herria. A este segundo asunto vou dedicar as liñas seguintes. (…)
Na obra recentemente publicada pola editorial Galaxia, Poesía galega completa, inclúese correspondencia entre Díaz Castro e outros dous persoeiros galegos, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, que amosa unha rolda de vencellos filoeuscaros de Díaz Castro. (…)
Mantiña correspondencia co esgrevio filólogo vasco, Koldo Mitxelena, daquela profesor en Salamanca, por medio de Ramón Piñeiro, xebre amigo do vasco e compañeiro de estadía no cárcere a finais do anos 40, presos a causa de activades clandestinas relacionadas co Galeusca e as conversas ca ANFD. No arquivo de Koldo Mitxelena non se atopan esas cartas, pero si un exemplar da primeira edición de Nimbos, datado en 1982.
Coñecía e gustaba da poesía, a semellenza de Koldo Mitxelena, dun grande vate vasco, Xabier Lizardi, seudónimo do zarauztarra José María Aguirre. Impresionou a Díaz Castro o seu poema elexíaco “Illeta” (funeral), que forma parte dun quinteto titulado “Biotzean min dut” (Dóeme o corazón), que Lizardi escribira en memoria da súa avoa materna, Klementina Belauntzaran, finada en 1930. Non é de estrañar que Díaz Castro conectase ca poesía de Lizardi, pois existen moitas analoxías entre os dous: a acción destrutiva do tempo e da morte, o amor polo entorno xeográfico máis próximo (estacións, animais, plantas, a beleza da natureza), sentimento telúrico de comuñón ca Terra, desexo de altura e de luz, visión cristián da existencia, resignación dolorosa e esperanza na transcendencia.
En 1960 Ramón Piñeiro pediulle o envío dun poema seu para incluílos nunha escolma de poesía española contemporánea, a pedido do D. Ramón Martínez López, que impartía docencia desa materia na Universidade de Austin, en EEUU. Díaz Castro mandoulle algúns poemas seus para que Ramón Piñeiro escollera o máis axeitado e engadiulle o citado poema de Xabier Lizardi, Illeta(funeral). (…)”