Rafa Vilar: “Para os nosos gobernantes a nosa literatura e a nosa cultura carecen de importancia”

EntrevistaRafa Vilar a Rafa Vilar en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Se algo podemos dicir de ti, Rafa, é que es un escritor comprometido co teu tempo. Ten que implicarse a poesía no momento no que se atopa?
– Rafa Vilar (RV): Penso que a implicación social sempre estivo, con maior ou menor grao, presente na poesía. Supoño que nunha época actual, marcada pola crise (que é máis que económica), esta presenza tende a ser maior, nas temáticas, no tratamentos dos asuntos, etc.
– NG: Como definirías a túa obra? Como te definirías como escritor?
– RV: A miña, penso, que é unha obra sincera e humilde; unha poesía espida que procura a complicidade -emocional e intelectual- dos posíbeis lectores e lectoras. Como escritor, como na vida, síntome como “clase obreira”, nin máis, nin menos.
– NG: E como foi a evolución dende os inicios da túa actividade?
– RV: Pois foi unha evolución tranquila; non fixen grandes mudanzas na miña escrita, se acaso pequenas innovacións. Nese sentido, a miña percepción é de bastante coherencia na miña evolución poética. (…)”

Radiocrítica do 17-02-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela Pasaia blues, de Harkaitz Cano, en tradución de Isaac Xubín (I, 1:27); o poemario Territorios estraños, de Ramón Sandoval (I, 7:25); o ensaio Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, de Manuel Forcadela (II, 00:10) e mais o libro para nenos O raposo e a mestra, de Manuel Rivas (II, 4:40).

Alfonso Blanco: “O que abraiaba a Díaz Castro era a paisaxe, a fala, o patrimonio que mamou na súa terra”

Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Blanco en Magazine Cultural Galego, sobre Xosé María Díaz Castro:
“(…) – Montse Dopico (MD): Vostede é o seu testamenteiro. Foi reunindo os seus escritos durante anos, supoño.
– Alfonso Blanco Torrado (ABT): Como a súa familia mudou de piso en Madrid e en Euskal Herría, algunhas cousas acabaron perdéndose. El deixou dito, mesmo no leito de morte, que quería que me desen a min os seus papeis. Entre eles atopei os dous libros que el dixo que non tiña porque algún amigo non llos devolvera, Follas verdes e Follas ó aire, que agora van ver a luz da man de Armando Requeixo. Despois fun eu tamén buscando máis cousas. E temos todo gardado na Casa das Palabras. Tamén cartas e moitos outros documentos moi revelantes para a historia da nosa lingua e literatura. (…)
– MD: Tivo moita relación con outros escritores: Manuel María, Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra…. Cal foi a influencia mutua entre eles?
– ABT: Estivo illado en Madrid, e de feito buscaba calquera oportunidade para falar galego. Tivo relación con Uxío, con Ben-Cho-Shey, con Celso Emilio… Eu mesmo fun testemuña do seu primeiro encontro con Manuel María, no 84. Presenteinos, tivemos unha tarde-noite marabillosa nunha das poucas ocasións nas que Díaz Castro aceptou recitar. E naceu así unha gran amizade con Manuel María e con Saleta. E testemuña desa amizade é a correspondencia entre eles. Tamén fun testemuña do seu primeiro encontro con Carvalho Calero. Máis que influencia mutua, eu diría que o que houbo entre Díaz Castro e os escritores cos que tivo relación era unha comunicación de alento, de ánimo, de traballo polo país. El dicía, “levo Galicia en min”, e así era. Mantívose sempre firme, rexo, na súa relación coa terra. Unha vez atopouse con Lois Pereiro en Madrid. Comezaron a falar de poesía, e Lois empezou a dicirlle que poetas galegos lle gustaban. Entre os libros que citou, dixo Nimbos. E Díaz Castro díxolle: “pois ese son eu”. Cando vía que alguén estaba falando galego, achegábase, malia a súa timidez, para falarlle. El, realmente, estaba devecendo por volver á terra. (…)”

Achan no Arquivo de Lugo fragmentos do Livro da montaria de João I de Portugal, que se daba por desaparecido

Desde Sermos Galiza:
“Esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal e críase perdida. María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial (AHV) de Lugo, sinalan que o estado de conservación dos pregos atopados é ”moi bo en xeral”.
María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela son arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial de Lugo. A principios de abril de 2013, un investigador advirte que no índice dos protocolos notariais do distrito de Monforte de Lemos consta erroneamente no campo de observacións dun asento que a cuberta do protocolo é un pergamiño que contén un texto musical.
“Tomamos nota do comentario e revisamos o protocolo para comprobalo”, indican estas días arquiveiras nun comunicado achegado por Anabad, “pero chámanos poderosamente a atención o pergamiño en cuestión”. Esa atención vai da pé ao descubrimento, na encadernación de varios protocolos de Monforte, “de pregos de pergamiño que parecen fragmentos dun códice que trata de caza, escrito en galego ou en portugués e en escritura gótica”.
No proceso de identificación da obra nun cotexo co texto da copia publicada, “descubrimos que se trata do Livro da montaria de João I de Portugal”. Esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal, “ao parecer, por iniciativa directa do rei”. Adoita datarse entre 1415 e 1433 e está estruturada en tres libros, sumando un total de 70 capítulos. É unha das obras portuguesas máis notables do século XV. (…)”

O recorte comeza polos libros

Desde Cultura Galega:
“As familias galegas están a facer grandes recortes no gasto en bens e servizos culturais, ata o punto de reducir o seu consumo máis dun 15% entre 2011 e 2012. Das diferentes partidas, é o libro non de texto o que leva a peor parte. As familias gastaron 15.3 millóns menos neste ámbito en 2012, nun contexto de recortes xerais. Así o revela o informe Evolución do gasto cultural dos fogares galegos, feito público polo Obervatorio da Cultura Galega. (…)
No apartado de Libros e Publicacións periódicas en Galicia os fogares gastan de media seis euros máis que no conxunto de España, pero no ámbito dos servizos culturais, entre os que se conta a asistencia a espectáculos, cada galego gasta 7,5 € menos de media ca no conxunto de España.
Sen embargo, é precisamente no grupo de gasto Libros e Publicacións periódicas onde se produce a maior redución de gasto en 2012 con respecto ao 2011. En Galicia cae un 26.9%, que se traduce en 15.3 millóns de euros menos de gasto. Esta redución é máis acusada no libro “non de texto” que nas publicacións periódicas. (…)”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (I)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Filomena Dato, de Barbadás:
“Hoxe, 24 de febreiro de 2014, celebramos o Día de Rosalía. Durante a pasada semana cada curso traballou coa súa obra. Os máis cativos colorearon o seu retrato, os maiores escolleron versos da súa obra e déronlle vida cos seus debuxos. Todos os días escoitamos os seus versos cantados por distintos artistas.
Este é o resumo do voso traballo. Toda unha homenaxe á poeta!”

A Pobra do Caramiñal: presentación de Cadeas, de Xabier López

O venres 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na Tenda-Escola O Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13) da Pobra do Caramiñal, nun acto convocado pola Asociación Cultural Barbantia, Edicións Xerais, La Voz de Galicia e a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal, preséntanse o número 92 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e Cadeas, de Xabier López. Intervirán Amparo Cerecedo, Agustín Agra e o propio autor.