O
mércores 19 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Novos pasos por Bretaña, de Pemón Bouzas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Eva Millán, Xurxo Fernández e Manuel Bragado.
Vídeo Todas con Rosalía [segunda parte]
“Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva”.
Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía.
Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.
As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Marta Dacosta, María Canosa, Concha Blanco, Mercedes Leobalde, Berta Roca, Fina Casalderrey, Isabel Risco, Lorena Souto e Pilar García Negro.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
A Coruña: presentación de Moda galega reloaded, de María Reimóndez
O
martes 18 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase Moda galega reloaded, de María Reimóndez, publicado por Positivas. No acto, xunto á autora, participan Antía Otero e Francisco Macías.
Betanzos: presentación de A lúa da colleita, de Anxos Sumai
Entrevista a Xosé Neira Vilas
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Xa ten contado noutras ocasións que Memorias dun neno Labrego orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Efectivamente Memorias non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura. (…)
– NG: Agora, dende a súa perspectiva actual, á fronte da Fundación que leva o seu nome, como ve vostede a situación da literatura galega? E no que respecta ao futuro?
– XNV: A literatura galega vai ben a pesar da crise e a pesar de que merman lectores. Temos editoriais, concursos, premios nacionais e internacionais. Non é pouco para un pequeno país coma o noso e nas circunstancias actuais. En canto ao futuro, non sei, pero penso que seguirá consolidándose.
– NG: En canto a situación na que se atopa Galicia? Como era o pobo que deixou e como é o que atopou anos despois?
– XNV: Completamente distinto. Cando me fun, o ano 1949, a maioría das aldeas non tiñan nin electricidade. O tractor non se coñecía, as estradas non estaban asfaltadas, non existían os grupos escolares de hoxe. En fin, se nos poñemos a comparar as diferenzas son grandes aínda que queda moito `por facer e hai que seguir loitando para que se faga, para lograr un maior benestar para o noso pobo, e sempre mantendo a solidariedade cos que menos teñen.
– NG: E un home do seu compromiso social e cultural, como valora a situación actual na que nos atopamos?
– XNV: A actual situación, en sentido xeral, é moi complexa, algo así como un impase do que non sabemos o que sairá. Son optimista, aínda que tamén realista. Penso que todo cambiará para mellor. Malia á corrupción, etc. (…)”
Coñecemos o poeta Díaz Castro con José Antonio Cascudo e O instante eterno
Castro Ribeiras de Lea: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo
O
luns 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (terra natal do autor), terá lugar a presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, publicado en Xerais.
Manuscritos: Xerardo Méndez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Compostela: charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar
O
martes 18 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría O Fogar das Palabras (Rúa dos Castiñeiros, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, que presentará a novidade Mel de abellón, do sueco Torgny Lindgren.
Cuestionario Proust: Henrique Alvarellos
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Alvarellos:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ardiente paciencia da que falaba Neruda.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Autenticidade
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto (obviamente) e sentido do humor.
4.– A súa principal eiva?
– Inseguridade?
5.– A súa ocupación favorita?
– O meu traballo (sic).
6.– O seu ideal de felicidade?
– A doce normalidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir de preto e non poder evitalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son (sen as devanditas eivas).
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Falando da percha, calquera escura (negro, marrón, azul).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Mapoula espontánea na beira de calquera estrada.
12.– O paxaro que prefire?
– Vencello (sempre no máis alto de xuño…).
13.– A súa devoción na prosa?
– A boa prosa poética. Tamén o xornalismo literario. E o ensaio.
14.– E na poesía?
– Imposible elixir. Un quere poesía en todo. É unha vontade.
15.– Un libro?
– Segundo as épocas fóronme marcando varios e moi distintos: Quijote, Cien años de soledad, a narrativa e a poesía de Cunqueiro (Herba aquí ou acolá), a poesía luguesa de Pimentel ou Novoneyra, De catro a catro, Música para camaleones, Mortal y rosa, Livro do desassossego…
16.– Un heroe de ficción?
– Do cinema reteño dende a adolescencia a miña querenza por ser coma Jeremías Johnson.
17.– Unha heroína?
– As mulleres de Vermeer, por exemplo.
18.– A súa música favorita?
– O pop, o jazz clásico, o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Os azuis de Lugrís, os ollos de Díaz Pardo e tamén de Modigliani, os trazos e as cores de Seoane, as cinzas de Nóvoa… En fin.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os anónimos.
21.– O seu nome favorito?
– Pablo, Manuel e Marta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falsidade (cuberta de sorriso).
23.– O que máis odia?
– Vid. 22.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Sen fuxir da pregunta, permíteme lembrar un refrán que adoitaba dicir meu pai: “Un general, por lo general, carece de cultura general”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido (e, ao mesmo tempo, moi tarde).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimismo (debe de ser xenético, porque non se entende).
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os de “yo, mi, me, conmigo” (Ai, a vanitatis!).
30.– Un lema na súa vida?
– Cada día é un mundo que hai que percorrer.”

