Pontevedra: II Xornadas sobre o Entroido de Galiza

Coñécense os finalistas dos Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A Asociación Galega de Editores convoca anualmente os Premios Ánxel Casal da Edición en galego, galardóns que pretenden recoñecer o traballo realizado polos editores galegos ao longo do ano. A presentación de candidaturas e a primeira votación é realizada polos editores e, posteriormente, de entre os libros e proxectos finalistas, o xurado delibera e decide os premiados de cada unha das categorías.
O pasado día 14 de febreiro tivo lugar o reconto e traslado do resultado correspondente aos libros editados en galego durante o ano 2013 e o 17 de febreiro foille comunicado ese resultado aos editores e aos integrantes do xurado.
Do proceso resultaron finalistas:
Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello; O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila; O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, editados por Galaxia; O elefante branco, de Xesús Fraga editado por Tambre e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo e Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras, editados por Xerais.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013 resultaron finalistas: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos; Espiral de sombras, de Xavier Seoane, editado por Kalandraka e Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, editado por Xerais.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos; Corasons, do Colectivo Corasons, editado por Kalandraka; Historia da Música en Galicia, de Lorena López Cobas, editado por Ouvirmos; e Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais, de Antón Cortizas, editado por Xerais.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia; Un ianqui na corte do rei Artur, traducido por Carlos Acevedo, editado por Kalandraka; Tonino, traducido por Yolanda Castaño, editado por OQO; A arte da Guerra de Sun Zi, traducido por Xulio Ríos e editado por Teófilo Edicións; Eneida, traducido por Xoán Fuentes Castro, editado por Toxosoutos e Astérix e os pictos, traducido por Xavier Senín e Isabel Soto, editado por Xerais.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Nicomedes o Pelado, ilustrado por David Pintor e Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editados por Kalandraka; Oliver Twist, ilustrado por Daniela Volpari, editado por Baía.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013, resultaron finalistas: As dúas casas de Alicia, de Christelle Vallat, traducido por Marica Campo, e O galo Ernesto, de Mon Daporta, editados por Baía; A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos; Xogos musicais, de Luis Prego e Marta Iglesias e Tambo, de Laura García Ferro e Victor Castro Martínez, editados por Cumio; O Carnaval dos animais, de José Antonio Abad e João Vaz de Carvalho e Pan de millo, de Migallas e Dani Padrón, editados por Kalandraka; Montañas na cama, de Maricuela, editado por OQO; O elefante branco, de Xesús Fraga, editado por Tambre; Bágoa de Lúa, de Sabela González, editado por Galaxia e Un rato díxolle á Lúa, de Antonio García Teijeiro, editado por Xerais.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka; Historia da literatura galega. Das orixes a 1853, de Xosé Ramón Pena Sánchez e Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editados por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Recursos educativas da Aula Virtual Baía da editorial Baía; Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais; o Proxecto Corasons, de Kalandraka e a serie de animación Cocorico, de OQO.
– Por último, na categoría ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013 resultaron finalistas Berta Dávila, Manuel Gago e Xosé Neira Vilas.
A entrega dos Premios da Edición terá lugar no Liceo de Betanzos o próximo 21 de marzo.”

Cuestionario Proust: Sabela González

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Sabela González:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade (fascinación infantil e arrebato a partes iguais).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sigan aí cando as necesite, sen importar tempo ou distancias, como eu estarei para elas.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Crear.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o meu tempo sexa meu e para estar cos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non me atrevo a confesala. Pero si podo confesar que varias veces tiven pesadelos nos que perdía a man esquerda e non podía volver debuxar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu. Pero máis.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que funcione. E que sexa verde e con mar, ten que ser verde e con mar.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As rosas de té.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Paul Auster.
14.– E na poesía?
– E. E. Cummings.
15.– Un libro?
The Amazing Adventures of Kavalier & Clay, de Michael Chabon.
16.– Un heroe de ficción?
– Ehem… Batman.
17.– Unha heroína?
– Ronja.
18.– A súa música favorita?
– Moita… Do jazz e swing ao grunge e rock, parando na electrónica tranquila e no pop. Que non é toda, pero é moita.
19.– Na pintura?
– Lempicka, Hopper, Turner…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non me veñen á cabeza persoeiros, só os meus pais, os pais e nais que loitan polos seus.
21.– O seu nome favorito?
– Hoxe, Cora.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– A intransixencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Custa escoller unha soa, visto o panorama…
25.– Un feito militar que admire?
– Un que non aconteza.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Forza de vontade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Realizada, durmida, sorrindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Feliz e soñadora.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os impostos pola xenética.
30.– Un lema na súa vida?
– Son a ama do meu destino / a capitá da miña alma.”

A Coruña: presentación da edición bilingüe de Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello

O mércores 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a edición bilingüe do poemario Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello, publicado por Pigmalión. No acto, xunto ao autor, participan Xulio L. Valcárcel, Luís G. Soto, Gustavo Pernas e Basilio Rodríguez Cañada.

Redondela salva o premio Blanco Amor

Artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“O Concello de Redondela convocará este ano o Blanco Amor, salvando deste xeito in extremis este premio de novela, xa que a entidade responsable da organización do 2013, o Concello de Ferrol, alertou de que a súa continuidade corría perigo. As delicadas circunstancias que vivía un dos galardóns senlleiros das letras galegas debíanse a que os tres municipios aos que lles tocara asumir a vindeira edición renunciaron a esta responsabilidade, xa que xa foran anfitrións do premio en ocasións anteriores. Ademais, un número considerable de concellos non fixeron as achegas económicas necesarias para acadar os 12.000 euros que recibe o gañador.
Ante esta situación, Redondela convocou onte unha reunión en Santiago para buscar fórmulas que garantan a supervivencia do Blanco Amor. No encontro o concelleiro de Cultura, Julio Alonso, comprometeu a organización e se sentaron as bases para estudar cambios que aseguren futuras edicións. Estas modificacións pasan por adaptar as achegas municipais ao tamaño dos concellos, así como adiantar o sorteo no que se elixe a entidade organizadora. Actualmente faise en novembro, «o que resulta moi tarde para poñer en marcha a maquinaria para o ano seguinte, e que ademais colle a moitos concellos cos orzamentos xa pechados», explicou onte Alonso. O concelleiro tamén expuxo a idea de crear unha especie de centro de documentación arredor do premio que facilite a quen lle corresponda asumilo as tarefas relacionadas coa organización.
Deste xeito, Redondela ten previsto publicar a convocatoria antes de rematar este mes, e o fallo producirase en novembro, aínda que se conta con adiantar o sorteo «para que o seguinte concello teña algo máis dun ano para organizalo» (…)”