O
xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Oficial de Idiomas (Rúa Real, 29) de Ferrol preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais.
A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
O
xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
– Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
– Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
– La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
– Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.
Vigo: presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure
A
quinta feira 7 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Social Lume de Vigo (Rúa Reiseñor, 16), preséntase Eu violei o lobo feroz, poemario de Teresa Moure, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Rafa Vilar.
Santa Cruz, Oleiros: conferencia de Camilo Nogueira sobre Para unha crítica do españolismo
O
xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, Oleiros, Camilo Nogueira impartirá unha conferencia arredor do seu libro Para unha crítica do españolismo, publicado en Xerais.
Ourense: presentación de El váter de Onetti, de Juan Tallón
O
xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, no Café Torgal (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 20) de Ourense, preséntase El váter de Onetti, de Juan Tallón, publicado en Edhasa. No acto, xunto ao autor, intervirá o músico Javier Doforno.
A Coruña: presentación de O poder de Amabel, de Érica Esmorís e Xildas, de Antonio Fraga
Bilbao: proxección de Alexandre Bóveda. A fazaña da liberdade
Ramón Nicolás: Berta Dávila e as fracturas da poesía
Entrevista
de Ramón Nicolás a Berta Dávila en Qué leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Desde os seus comezos como creadora alterna prosa e poesía. Que a leva a un ou outro xénero?
– Berta Dávila (BD): No meu caso, os proxectos de poesía adoitan ser máis continuados no tempo, detéñense e retómanse, pero permanecen como pano de fondo. Supoñen case sempre un enfrontamento coas palabras, un acto de abrir fendas ou fracturas. Creo que, cando escribo narrativa, o intento responde máis á idea de pechar ou conectar esas fracturas entre si, de construír os bordos do oco, en vez de sinalalo como fai o poema. Iso creo, pero non o teño moi claro, porque ás veces sucede o contrario.
– RN: O proceso de creación e maduración de textos poético en vostede, polo que coñezo, é moi meditado. Tamén na narrativa?
– BD: Para min son procesos de escritura moi diferentes. Cada vez corrixo máis o que escribo e síntome máis insegura. Cando escribía Raíz da fenda fun colgando os poemas no corredor da miña casa para ordenalos e corrixilos, necesitaba velos todos á vez, se non na miña cabeza, polo menos si na miña parede. Cando traballo en narrativa o fago sempre en ordenador, imprimo as versións e corrixo a man, supoño que é o máis convencional. (…)”
Dez anos sen Xela Arias
Artigo
de Marga Do Val en Sermos Galiza:
“Hai dez anos a morte de Xela Arias con só corenta e un anos, moitas ganas de vivir e quizais no mellor da súa vida, nai dun fillo, conmocionaba o mundo cultural galego. Unha delegación de escritores e escritoras atopábase no marco da reunión anual da Federación Galeusca, en concreto no Museo da Paz de Gernika, cando esta mala nova chegou a través dunha chamada telefónica do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo á escritora Yolanda Castaño, a noticia batía coma un mazazo.
Profesora de literatura de ensino medio nos últimos tempos, ligada desde o inicio a Edicións Xerais de Galicia, onde realizara traballos de corrección de estilo, poeta e recoñecida tradutora, nacera en Lugo en 1962, aos sete anos trasládase cos seus pais a Vigo que será xa o seu lugar de residencia. Xela Arias tamén foi un dos rostos que se levantou contra a burla negra do Prestige a súa voz estivo presente en moitos actos de protesta e queda reflectida en publicacións como Alma de Beiramar (2002).
Desde unha perspectiva actual aínda sorprende no panorama literario o poemario publicado en 1986 Denuncia do equilibrio, innovador de forma e transgresor de contido, como abraia en 1990 Tigres coma cabalos, quizais un dos libros máis fermosos como obxecto da poesía galega, quizais un dos espellos-pozos nos que caer ou dos que fuxir para indagarmos sobre a dependencia e a liberdade, o ser ou non ser, unha ousadía.
En 1994 ofrécenos a súa experiencia da maternidade e preséntanos unha nai inédita no seu entrañábel Darío a diario. Todos estes poemarios circulan hoxe de man en man, ás veces en exemplares fotocopiados, hai quen aínda consegue dar con algún en librerías de vello, todos, agardan unha reedición. Unha autora que xa cumpre todos os requisitos para ser homenaxeada co día das Letras Galegas, incluso o das obras esgotadas. (…)”


