A Casa-Museo Manuel María inaugúrase o día sete de setembro

Desde Sermos Galiza e a Fundación Manuel María:
“Será unha xornada de homenaxe e festa a que o próximo día 7 de setembro abrirá a casa chairega na que naceu Manuel María, convertida xa en museo e sede da Fundación do poeta. A inauguración oficial da mañá terá continuidade nun xantar de convivio na carballeira de Santa Isabel, espazo de singular relevancia na obra e na biografía de Manuel María. Na tarde erá lugar na horta da casa o concerto colectivo no que se xuntarán grupos e cantantes que interpretaron poemas do autor da Terra Chá, unha cita histórica pola relevancia das agrupacións que compoñen o programa. Xurxo Souto presentará o concerto no que tamén intervirán poetas próximos a Manuel María.”

Alba de Gloria no Pico Sacro 2013, o sábado 20 de xullo

Desde a Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura:
“Un ano máis como xesto de denuncia da estratexia de destrución cultural que estamos a sufrir diante da ofensiva españolizadora do actual goberno da Xunta e do Estado, a federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 20 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de Gloria, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura. O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura do Alba de Gloria. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata” (é preciso inscribirse previamente, antes do 18 de xullo, aquí.
Durante os estas actividades haberá actuacións poético-musicais coa colaboración especial de Mini e Mero.”

Francisco Castro gaña cunha historia de intriga o Premio de Novelas por Entregas de La Voz

Desde La Voz de Galicia:
“Unha historia de intriga de ritmo trepidante que arranca co roubo do bebé que unha inmigrante vén de dar a luz en Vigo é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, fallado onte. A obra presentouse baixo o título O corazón da Branca de neve e o seu autor resultou ser Francisco Castro e os finalistas foron os escritores Ana María Galego e Xesús Constela. O fallo do galardón, patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.
O corazón da Branca de neve é unha historia que manexa perfectamente os recursos máis clásicos do suspense. A novela ábrese cunha enigmática escena, na que un personaxe de nome Alberto vive unha tensa espera nun bar de Vigo. De súpeto recibe unha chamada ao móbil, cominándoo a saír á rúa. Aos poucos minutos aparecerá un coche e un descoñecido entregaralle un bebé. Nos seguintes capítulos o lector saberá a procedencia do meniño, cuxa nai é unha inmigrante da que coidan os membros dunha banda criminal que aparentan ser empregados dunha organización humanitaria.
A trama desenvolverase a través das vivencias dos personaxes implicados, dende a parella que acolle o bebé, a súa nai biolóxica, os criminais implicados e os policías que deben resolver o caso. Cada capítulo está inserido nesta trama pero ao mesmo tempo presenta unha acción propia, que sustenta a tensión da novela e a fai avanzar, conseguindo deixar o interrogante da intriga para o capítulo seguinte.
Nada máis recoller o premio, Francisco Castro destacou a dificultade que impuña unha estrutura así -«pechar cada capítulo con 3.500 caracteres converteuse nun pesadelo», dixo-, pero ao mesmo tempo a satisfacción de saber que ese suspense tirará do lector: «Esta é unha historia que a xente empezará o 1 de agosto, e que espero que volva a ela o día 2, e o día 3, e así ata chegar ao día 31». Non obstante ser a intriga o motor interno da novela, os personaxes principais da historia son de carne e óso e teñen unha complexa personalidade de seu, que Francisco Castro capta na narración, e que comparte co resto da súa obra «unha carga de reivindicación».
A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital, a razón dun capítulo por día, ata sumar 31. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.”

Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente

Casa da Matanza, Padrón: 128 aniversario da morte de Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro organiza o luns 15 de xullo, a partir das 20:00 horas, na Horta de Rosalía, na Matanza, Padrón, un acto en conmemoración do 128 aniversario da morte de Rosalía. O programa é o seguinte:

– Presentación da edición do I Premio de poesía escolar Rosalía de Castro, José Manuel Blanco Aldariz.
Vixencia de Cantares gallegos, Pilar García Negro.
– Descuberta nun exemplar único da primeira edición, Xosé Luís Axeitos.
– Recitados: María Vilas, Marcela Porto e Fátima Barros (gañadoras do concurso escolar), así como Ana Blanco, Belén Rico Prieto, Olalla Cociña, Daniel Salgado e Luz Pozo.
Música para Rosalía, Alba María Rodríguez.
– Pecha o acto o Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
– Himno Galego.

A SCD do Condado demanda apoio social para o Festival da Poesía

Desde Sermos Galiza:
““Nom queremos renunciar às exposiçons, nim ao comboio de baixa velocidade, nim à música, nim à poesia, nim ao bar, nim a projectar as curtas do Festival de Cans, nim aos passa-ruas, nim à festa infantil” din desde a organización do máis antigo encontro poético do país para explicar que desta volta recorresen á plataforma verkami para acadar o seu financiamento.
Escollen a Desobediência como tema do Festival como un berro contra os recortes, contra os roubos que lle tiran ás persoas para sufragar os bancos, contra as decisións que abandonan a cultura de base para alimentar proxectos como a Cidade da Cultura.
A SCD do Condado chega neste 2013 ao seu corenta aniversario, entidade que, desde o 1981 leva organizando o Festival da Poesía, vinte e seis edicións dunha festa de poesía que é xa referencia pola súa longa historia. Desde sempre, o proxecto foi autofinanciado, botando man de cotas de socios, vendas ou algún pequeno subsidio, partidas que a crise mermou de maneira notábel, o que obriga agora a recorrer a que xente de fóra faga as súas aportacións para que o Festival continúe.
Para alén da música, o programa do Festival de Poesía inclúe actuacións de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, O som da triga, Banda Hospitaleira do Minho, Sacha na Horta ou unha feira popular cultural e actividades infantís en dous días cheos de cultura. Persoas do mundo da cultura como Chus Pato, Brais González, Ramiro Ledo ou Samuel Solleiro apoian a través das redes o Festival de Poesía.

Máis de vinte cineastas confirman a participación no Proxecto Nimbos

Desde Sermos Galiza:
“Cineastas como Margarita Ledo, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Ángel Santos ou Xan Gómez Viña responderon xa á chamada de Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera e crearán nos próximos meses unha curta arredor de Nimbos de Díaz Castro no que promete ser un ambicioso proxecto audiovisual colectivo que implique, entre outros, a unha boa parte dos nomes do coñecido como novo cinema galego.
De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta iniciativa que quer levar a obra de Díaz Castro ao audioviual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Martin Pawley confesa que a idea de desenvolver un proxecto fílmico colectivo arredor de Nimbos venlle de vello e, de feito, abonda seguir as súas pegadas na rede para adiviñar a querenza que ten polo poeta de Guitiriz. Ocórreselle agora que a designación da RAG do seu nome para a homenaxe do próximo ano xunto coa conmemoración do centenario do seu nacemento é unha ocasión acaída para botar a andar esa vella idea que conta xa cun nutrido grupo de participantes.
A través do blog Acto de primavera e por medio de correos electrónicos, propúxolle aos creadores a iniciativa de elaboraren unha curta de entre un e cinco minutos asociada a un poema do libro. “Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema” sinala na carta. A liberdade creativa será plena e os promotores só poñen dúas condicións, o tempo e evitar o uso íntegro e literal dos poemas.
“O cariño e o apoio moral dos promotores” son os únicos recursos que reciben os participantes nunha iniciativa que carece de orzamentos mais que, mesmo así, está a ter tan boa acollida por parte de importantes nomes da nova creación audiovisual galega.  Dentro duns meses comezarán a difundir os traballos a través de Acto de primavera e contan con que a maioría estean prontos antes do 17 de maio.”

Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural

Desde La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”