A Coruña: En conversa con… Berta Dávila

O mércores 13 de marzo, ás 17:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña, terá lugar En conversa con… Berta Dávila, onde a autora falará co público asistente sobre a súa poesía e creación en conversa aberta. Contará a súa experiencia coa poesía e coa literatura cando foi alumna de primaria, así amosará o seu punto de vista como mestra e como autora. Incidirá na problemática da poesía nas aulas (o seu traballo de fin de grado vai sobre educación literaria e formación do lector de poesía en primaria). Ademais lerá algúns textos. A entrada é libre e gratuíta.

Feministas, artigo de Afonso Becerra na revista Artezblai

Afonso Becerra publicou un artigo na revista Artezblai, baixo o título Feministas, onde inclúe un pequeno traballo que busca visibilizar ás compañeiras dramaturgas e directoras de Galicia. O artigo pode ser visto completo aquí.
“(…) Tengo delante de mí el último número de la RGT (Revista Galega de Teatro), el Nº 73. El tema central es Unha perspectiva feminista da creación contemporánea en Galicia, firmado por Vanesa Sotelo (también colaboradora de Artezblai) y Marta Pérez. A este artículo, en el que revisan los parámetros de creación teatral desde una visión más justa e igualitaria, o sea: feminista, se suma otro titulado O teatro político e feminista de Guillermo Calderón e Chévere, que firma el mismo que escribe estas letras que estás leyendo ahora. De ambos trabajos me gustaría sacar algunos datos para compartirlos contigo. Y lo hago consciente de que se trata de unos datos que también padecen la marginación ejercida por este sistema perverso y ruidoso que no nos deja conocernos ni conocer a esas personas y colectivos que tienen algo importante que aportarnos. (…) Del artículo de Vanesa Sotelo y Marta Pérez quiero recuperar y expandir, en homenaje, y por justicia a las mujeres dramaturgas y directoras escénicas de Galicia, la nómina que nos facilitan en dicho artículo y que considero necesario visibilizar y ampliar más, si cabe. Así que, a continuación, te propongo una pequeña lista de nombres y datos para reivindicar y sacar de la sombra a mis compañeras, porque te aseguro que tras cada nombre hay una obra que merece la pena conocer.”

Santiago: entrega da XVIII edición do Premio Arcebispo San Clemente

O xoves 14 de marzo terá lugar a entrega da XVIII edición do Premio Arcebispo San Clemente aos escritores Xavier Queipo, Marina Mayoral e Peter Stamm. O programa de actos é o seguinte:
18:30 horas. Roda de prensa cos escritores galardoados, no Salón de Claustros do Instituto San Clemente.
19:30 horas. Acto de entrega no Salón de Actos do Instituto.
21:30 horas. Cea no Hostal dos Reis Católicos.

Vigo: presentación de Retomando a palabra, de David Rodríguez

O xoves 14 de marzo, ás 20:00 horas, no Café-bar Llave de Oro (Avenida das Camelias, 112), de Vigo, preséntase o libro Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, de David Rodríguez, publicado por Estaleiro. No acto participará o autor do mesmo, conectando coas reflexións contidas no volume coa situación política, social e cultural máis recente, analizadas desde unha perspectiva crítica.

O mundo das literaturas galega, éuscara e catalá rebélase contra a españolización do ensino

Desde Sermos Galiza:
“O mundo da literatura das tres nacións asinan de maneira conxunta un comunicado en que mostra a súa “preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán”. Denuncian que as tres linguas nacionais “deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión”.
As tres asociacións, reunidas na Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, sinalan que o segundo anteproxecto da LOMCE foi aínda a peor e supón “non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e a mocidade dos nosos territorios nacionais”.”

A RAG leva ante o Supremo o decretazo da lingua e denuncia a negativa ao diálogo da Xunta

Desde Sermos Galiza:
“A batalla xurídica contra o decretazo da lingua da Xunta do PP chega até as máximas instancias estatais. O presidente demisionario da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou dende a sede da rúa Tabernas da Coruña que a institución cultural presentou no Tribunal Supremo de Madrid un recurso de casación contra a sentenza do TSXG referente á polémica norma lingüística do actual goberno galego, da que só anulou dous puntos. “Pedimos a anulación total”, afirmou Ferrín, que tamén se mostrou optimista xa que, segundo as súas palabras, “falei con algúns avogados e dixéronme que presentamos un recurso moi bo e temos posibilidades de gañar e cambiar así a presente política cultural”.
“Nós temos unha boa relación coa Xunta, menos neste asunto”, afirmou Ferrín, que estivo acompañado por Xosé Luís Axeitos e Manuel González. Este último foi o que recoñeceu que o recurso de casación presentado pola RAG podería chegar a retirarse se o goberno do PP estivese disposto a sentarse a negociar unha mudanza da súa política lingüística. Ferrín denunciou o desleixo co que o Executivo de Feijóo tratou á Academia nesta cuestión: “Antes da elaboración do decreto, a RAG solicitoulle á Xunta poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Infelizmente a Xunta impediu que a RAG cumprira a súa función, o que nos obriga ao noso pesar a reivindicar de xeito legal a defensa do idioma, a única razón de ser desta Academia que fundou Murguía”.
“Vivimos nunha situación de diglosia, cun bilingüismo desigual que mantén o galego en inferioridade e con esta acción a RAG pretende que se actúe a prol da normalización, para a cal o sistema educativo é decisivo. Queremos que se volva á norma aprobada por unanimidade en 2004, cando Feijóo era vicepresidente. Teño saudade daqueles tempos nos que había consenso sobre o galego no Parlamento, agora hai disenso, no Parlamento e na rúa”, indicou o presidente da Academia, que lamentou que “a algúns que parece que non lles importe que se extinga o galego botarían as mans á cabeza se derrubaran o Pórtico da Gloria, cando o idioma é unha obra moito maior”. (…)”.

Desde a web da Real Academia Galega infórmase tamén polo miúdo:
“A RAG agardou a reacción da Xunta de Galicia en relación coa sentenza que anulou varios puntos fundamentais do decreto. Como queira que a Xunta de Galicia presentou escrito de preparación de casación, con data 14 de decembro de 2012, e ratificouse no mesmo o 21 de decembro de 2012, e como tampouco abriu a posibilidade de modificar o Decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma galego, esta Real Academia viuse obrigada a preparar escrito de casación, que rexistrou o 8 de xaneiro de 2013, e posteriormente presentou o recurso o 4 de marzo de 2013 para recorrer en casación pedindo a anulación total do Decreto da discordia. E isto por dous motivos:
1) Porque antes do inicio da elaboración do Decreto, a RAG solicitoulle á Xunta de Galicia poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego, emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Actuou así para contribuir á elaboración da mellor norma posible para a normalización do idioma galego, obriga do goberno galego e mandato contido na lei de normalización que o decreto tiña necesariamente que desenvolver.
Ao tempo a RAG ofreceu e solicitou que se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unamidade.
Infelizmente a Xunta de Galicia impediu que a RAG cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do Decreto, o que nos obrigou -ben ao noso pesar- a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta Academia.
A RAG manifesta que o que quixo, quere e pretende é seguir defendendo a súa función de participar na elaboración de toda norma ou plan relativo ao mellor coñecemento e uso da lingua galega para acadar o seu uso normal.
2) En tanto a situación da lingua galega sexa de inferioridade, como ocorre de xeito evidente, entende a RAG que a Xunta de Galicia e todos os poderes públicos teñen a obriga constitucional, estatutaria e legal de promover con políticas activas a súa normalización. Isto é, estender o seu coñecemento e uso en todos os ámbitos da vida pública e social.
A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e uso en moitos ámbitos dos que foi excluído, e aos que aínda non retornou.
Neste sentido o decreto recorrido é un paso atrás: é o primeiro dos decretos sobre o sistema educativo en Galicia que se afasta do mandato normalizador.
Entende a RAG que o Goberno Galego, con independencia do partido que o asuma en cada momento, ten necesariamente que exercer a súa función de dirixir e impulsar a recuperación efectiva do que quizais sexa o principal elemento do patrimonio cultural colectivo dos galegos e das galegas: a lingua.
Queremos rematar facendo unha nova chamada ao esforzo colectivo para a recuperación do consenso no que é algo máis que un sinal de identidade do noso país.”

Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (IV)

9. Díxome nantronte o cura (EDLG do IES Nº 1, O Carballiño)

10. «Quíxente tanto, meniña (Colexio Obradoiro, A Coruña)

11. Campanas de Bastabales (CEIP Coutada-Beade, Vigo)

Vídeo da homenaxe da Fundación Lois Peña Novo a Francisco Fernández del Riego

Desde Galeguizar Galicia:
“Nunha mañá soleada do mes de febreiro, na Alameda de Vigo, a Fundación Lois Peña Novo convocou un acto para homenaxear a quen fora o seu presidente honorífico, D. Francisco Fernández del Riego, co gallo do seu centenario.”