Santiago: actos para o Día de Rosalía da A. C. O Galo

Desde a A. C. O Galo:
“Cun roteiro guiado pola profesora de lingua e literatura Mercedes Espiño que terá saída na Praza de Vigo o sábado 23 de febreiro ás 17:00 horas, a nosa asociación quere sumarse á celebración do Día de Rosalía que a este ano ten unha relevancia moi especial por se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro completamente en galego que supuxo o renacemento da nosa literatura culta. Neste roteiro coñeceremos os lugares de Santiago de Compostela que tiveron especial relevancia na vida de Rosalía de Castro: onde naceu, viviu, escribiu e loitou. Será un roteiro através de unha ducia de puntos da cidade, nos que adicaremos uns momentos a explicar a súa relación con Rosalía ou coa sua obra e aproveitaremos para realizar a leitura de algún poema.”

O Temple-Cambre, e Arteixo: recitais de A porta verde do sétimo andar

Convocado o Premio de Poesía Joven Babel 2013

A Sociedad Asturgalaica de Amigos del País convoca o Premio de Poesía Joven Babel 2013, con arreglo ás seguintes BASES:

PRIMEIRA. Poderán participar todos os escritores que o desexaren, con un ou máis poemas orixinais e inéditos escritos en castelán, galego ou galego-asturiano.
SEGUNDA. Os autores deberán ter unha idade comprendida entre os 16 e os 18 anos en día do fin de prazo de presentación de orixinais.
TERCERA. Os autores deberán ser orixinarios ou residentes dos concellos de Navia, Villayón, Coaña, Boal, Illano, Pesoz, Grandas de Salime, El Franco, Tapia de Casariego, Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, Ribadeo, Barreiros, Trabada, Pontenova, Fonsagrada, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Baleira; ou cursar estudos de ESO ou Bacharelato nos institutos de Ensino Secundario de Navia, Tapia de Casariego, Vegadeo, Ribadeo, Pontenova ou Fonsagrada; ou ser fillos de socios da Sociedad Asturgalaica de Amigos del País.
CUARTA. Cada poema, de tema libre, deberá ter unha extensión máxima de 100 versos. Presentarase por quintuplicado, en formato Din A4, mecanografado a dobre espazo e por unha soa cara. As obras presentadas faranse chegar nun sobre por participante no que tamén se incluirán os datos persoais do autor (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico) así como copia do DNI o certificado dun profesor do centro en que cursa os seus estudos. Os institutos que o desexaren poden enviar agrupados todos os sobres dos seus alumnos.
QUINTA. Os orixinais enviaranse a: Sociedad Asturgalaica de Amigos del País, apartado de correos nº 1, 33760 Castropol. No sobre indicarase obrigatoriamente Para el premio de poesía Joven Babel 2013. O prazo de presentación de orixinais finaliza o 15 de marzo de 2013. Consideraranse incluídos dentro dese prazo as obras que teñan mataselos de orixe desta data ou anterior.
SEXTA. O xurado estará composto por Belén Rico Prieto, Silvia Murias Gómez, Félix Menéndez González, Arturo Álvarez Fernández e Luis López Suárez. O fallo do xurado será feito público o 25 de marzo y será inapelable. Ademais do Premio, seleccionaranse catro accésit. Se na deliberación previa á votación se considerase por maioría dos seus membros que ningunha das obras presentadas posui calidade suficiente para optar ao Premio, este poderá declararse deserto, non así os catro accésit.
SÉTIMA. O premio non ten dotación económica.
OITAVA. O autor premiado, así como os accésit, lerán as súas obras nos II encuentros de poesía A Bendición de Babel, que terán lugar na Casa de Cultura de Castropol, o Venres Santo de marzo de 2013, ás seis e media da tarde.
NOVENA. A obra premiada queda a disposición da Sociedad Asturgalaica de Amigos del País para a súa posible publicación, sen que se deriven diso dereitos de autor, tanto mediante impresión en proceso dixital como a través de internet.
DÉCIMA. Os orixinais non seleccionados serán destruídos, non admitíndose peticións de devolución.
UNDÉCIMA. A participación neste Premio implica a total aceptación das Bases. O xurado resolverá todos aqueles aspectos non contemplados nas mesmas.

Castropol, 17 de xaneiro de 2013.

Actos do Día de Rosalía para o venres 22

O CEIP de Prácticas de Ourense celebrará o Día de Rosalía o 22, venres. Ao subir do recreo conectaranse todos os altofalantes das aulas, e os 678 alumnos e alumnas escoitarán un poema musicado interpretado por un mestra en prácticas, para logo o alumnado voluntario de 2º e 3º ciclos de Primaria ir polas aulas dos máis pequenos recitando e cantando poemas da nosa autora.
O CPR Cardenal Cisneros de Ourense organiza ás 12:00 unha lectura de Cantares Gallegos nas distintas linguas maternas dos alumnos do centro, aproveitando a interculturalidade do mesmo: galego, castelán, inglés, francés, wolof, portugués, rumano, árabe.
Na cidade de Lugo oito centros de ensino (IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, Colexio Maristas, Colexio San Xosé, CPR Fingoi e Colexio Divino Maestro) organizan un recitado no Parque de Rosalía, ás 12:00 horas, no que participan un total de 80 alumnas e alumnos en compañía de Marica Campo e Darío Xohán Cabana. O acto rematará cunha ofrenda floral.
En San Sadurniño a homenaxe desenvolverase en dúas quendas entre as 12:00 e as 14:00 horas. Nela participarán alumnos e profesores de Educación infantil e Primaria do C. P. I. San Sadurniño, que lerán a viva voz poemas de Rosalía Castro no salón de actos da casa da Cultura. No acto tamén estará a poeta María Lado, quen fará unha intervención a medio camiño entre o literario e a animación á lectura. Ademais o Concello obsequiará aos máis pequenos con libros que tratan sobre a figura e a obra de Rosalía.
En Cabana de Bergantiños, os alumnos e as alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI As Revoltas farán a súa particular interpretación do poema Fun un domingo, que será recollida nun vídeo.
Na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda promove un maratón de leitura para nenos e nenas sobre textos de Rosalía, entre as 17:30 e as 20:00 horas, e unha charla ao remate do mesmo a cargo de Miguel Mato, quen falará da autora.

Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (VIII)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división? Presentación de María Reimóndez

Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división? Intervención de María Reimóndez

Coloquio da mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?

Fene: actos do Día de Rosalía

O Concello de Fene, a proposta da Concellería de Cultura, vai secundar a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega promovendo diferentes actos para a celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
– O venres 22, ás 12:00 h., nos CEIP de Centieiras, Os Casais e O Ramo; no CPI A Xunqueira; no IES de Fene e no Colexio “Jorge Juan”, alumnado e comunidade educativa procederá á lectura simultánea de poemas de Cantares Gallegos.
– O sábado 23, ás 19:00 h., no salón de sesións da Casa do Concello, o Alcalde de Fene; os/as voceiros/as dos grupos municipais do PP, PSdG-PSOE, BNG e EU e representantes do CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, CPS Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños; AA.VV de Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, A.VV de Magalofes e Banda de Gaitas Tradicional ‘Airiños de Fene’ procederán á lectura de poemas de Cantares Gallegos. O acto rematará coa interpretación de Negra sombra a cargo da Coral Polifónica da SCRD Agarimo de Sillobre.
– Asemade, na Biblioteca Pública Municipal expoñeranse exemplares de e sobre a obra de Rosalía de Castro e procederase á liberación de fondos bibliográficos en galego.

Sarria: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 22 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria (Rúa Marqués de Ugena, s/n), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Casar, presidenta da A. C. Ergueitos. Intervirán os músicos Miguel Pita Rodríguez, piano; Olg Dzevelo, clarinete; Vadim Yukhnevich, acordeón e Hugo Rodríguez Rey, violín, profesores do Conservatorio Cantiga de Sarria.

Vigo: tertulia-presentación de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas

O venres 22 de febreiro, ás 20:00 horas, na Asociación de Veciños de Bouzas (Rúa do Pazo) en Vigo, terá lugar unha tertulia-presentación arredor da novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, a artista plástica e escritora Paula Mariño e a autora do libro falarán sobre diferentes aspectos do texto e da creación literaria.

Cacheiras, Teo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, na Mediateca do Grilo (Travesía de Cacheiras, 18), en Cacheiras-Teo, a Concellaría de Cultura de Teo e Edicións Xerais convidan ao público interesado á presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez. No acto, xunto ao autor, participan Francisco Fernández Rei e Manuel Bragado.