A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Gondomar: O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, en Espazo Lectura

“O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario. Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá…” Desde Espazo Lectura.

Xaime Subiela gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

“A obra Para que nos serve Galiza? valeulle a Xaime Subiela facerse co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio na súa décimo segunda edición. O premio, dotado con 3.000 euros e mais a publicación da obra, está organizado pola Editorial Galaxia, a Consellaría de Educación e mais Gas Natural Fenosa. A obra premiada, segundo sinala a Consellaría de Cultura, propón unha análise dos restos que afronta o noso país, “en torno á idea de buscar alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación; cunha visión optimista de futuro”. O xurado do galardón estivo composto por Luís Alonso Girgado, Miguel Barros Puente, Encarna Otero Cepeda, Carme Vidal Lage e Carlos Lema. En total presentaronse sete obras ao galardón.” Desde Cultura Galega.

A Coruña: Manuel Rivas asina exemplares de As voces baixas

O venres 21 de decembro, a partir das 19:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas, publicada en Xerais.
O sábado 22 de decembro, ás 19:30 horas, estará na Librería Nova Colón (Rúa Olmos, 9) da mesma cidade, tamén asinando exemplares desta súa nova obra.

Autoaxudas para a lingua

“Edicións Xerais publicaba recentemente Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un volume no que Carlos Callón achega consellos e reflexións para mellorarmos o noso emprego da lingua. O título supón un exemplo dun tipo de obra que non resulta moi común no noso país, os libros de lingua destinados directamente aos falantes. Repasamos algúns destes proxectos.
Non se trata dun libro para aprender galego. Non é unha gramática nin un diccionario de dúbidas nin un libro de texto. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez preséntase como un manual para os falantes de galego que queiran mellorar a súa lingua, sen máis. A través de pequenos contos ou de breves reflexións, Carlos Callón busca nesta obra rachar tópicos sobre a nosa lingua e anima ao lector a se achegar a ela. “Brinco coa idea de autoaxuda, sobre todo coa intención de comunicar, tentando que os textos cheguen ao lector”, explica o autor. “Tento que se vexa como un manual práctico con consellos en positivo que pode practicar calquera persoa”. (…)” Desde Cultura Galega.

Ferrol: presentación de O carballo, de Calros Silvar

O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Exposicións da Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase O carballo, de Calros Silvar, publicado en Baía Edicións. Con motivo da mesma, o autor impartirá un obradoiro de debuxo da natureza dirixido ao público infantil.