Entrevista
a Neves Soutelo en Dioivo:
“É o baleiro,/ ESTE, e non outros/ o seu propio./ O que se abre á calor/ suave/ dos dedos/ na flor da pel.. Así comeza Diáspora, (Acha Escrava), o novo libro de María N. Soutelo. O resto, ata a última páxina, é íntima deconstrución. Baixada aos infernos da dor. Para construírse despois, de novo, desde as cinzas. Xa di a autora que hai que acudir ao texto desarmados. Sen medo a deixar que os versos devoren o corpo e a alma. Que é o que fan. Voraces. Falamos con ela, aproveitando que anda a presentar este seu segundo poemario. (…)
– Dioivo (D): Falas de diáspora, pero interior. De auténtico descenso aos infernos. Como xorde o poemario?
– Neves Soutelo (NS): Dun proceso, dunha experiencia vital que necesitaba saír. Para min a escrita é como unha terapia. O libro nace da miña propia experiencia, é bastante autobiográfico, e si ten moito de descenso aos infernos. Para min, unha poesía que non tivese nada autobiográfico non tería sentido.
– D: Hai verso libre en poemas curtos, que alterna con prosa poética. Foi buscada esa alternancia?
– NS: Pois coloquei os versos como foron nacendo, non pensei especialmente na distribución. Fun escribindo, e modificando cousas… (…)”
As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, entrevista en Fervenzas
Entrevista
a Manuel Iglesias Turnes en Fervenzas Literarias:
“Historias que furgan na sensibilidade, historias de amor, historias da terra. Historia latente do teu país. Manuel Iglesias Turnes ofrece ao lector con As rapazas de Xan (Xerais) -novela primeira do autor barcalés- un relato sobranceiro protagonizado polo amor en tempos escuros. Meritoria é a capacidade de Iglesias Turnes de contarnos esta historia cunha incrible e ben traballada sinxeleza, tirando da memoria para fornecer de autenticidade páxina a páxina. Iglesias Turnes recrea en As rapazas de Xan a vida dunha aldea galega da década dos cincuenta, cando raiolas de modernidade comezaban a escrutarse no horizonte agás na férrea moralidade erguida co lume e chumbo. As relacións entre veciños, as festas, a vida na aldea, a emigración … Seremos testemuñas emocionais dos sucedidos, penalidades e alegrías que nese mundo rural, tan preto e tan lonxe, acontecía. Moitas e moi boas son as virtudes que se poderían subliñar de esta novela. Gocemos, pois, desta historia de historias da nosa recente historia. (…)”.
Discurso de Manuel Bragado na entrega dos Premios Xerais 2012
Bibliotecas de Oleiros: Lecturas para ti: guía de recomendacións para este verán
Bibliotecas Municipais de Oleiros elaboraron unha guía con 278 recomendacións de libros, DVD e CD titulada Lecturas para ti, na que se presentan recomendacións de obras que emocionan, divirten, entreteñen, informan, instrúen ou fan pensar; que invitan a coñecer mellor a nosa cultura ou outras diferentes; bos libros para ler, analizar ou mirar; películas ou discos para gozar e compartir. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Os obxectivos que desexamos conseguir son: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd, ou un dvd son tamén un bo agasallo. (…)” Desde o blogue das Bibliotecas Municipais de Oleiros.Vigo: presentación de Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero
O
luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, preséntase o libro Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Rubén Pérez, Alfonso Paz-Andrade e Manuel Bragado.
Discurso de Marcos Calveiro na entrega do Premio Merlín 2012
Vigo: presentación de Iria, de Anxo Angueira
O
venres 22 de xuño, ás 20:30 horas, no local da Asociación de Veciños de Bouzas (Rúa do Pazo, 2) de Vigo, preséntase o libro Iria, de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Gustavo Luca de Tena e Manuel Bragado.
Vídeo da entrega do Premio Xerais 2012 a María Lorenzo e Manuel Lorenzo Baleirón
As letras, paso a paso
“A pasada fin de semana Dublín acollía, un ano máis, o tradicional roteiro no que unha multitude percorre os escenarios da cidade onde transcorre a coñecida novela Ulises, de James Joyce. Aínda que no noso país o equivalente máis próximo é o roteiro literario de A Esmorga, que percorre Ourense tralos pasos da obra de Blanco-Amor, nos últimos temos están a se multiplicar as opcións para coñecer, paso a paso, os lugares onde transcorren obras literarias. (…)” Vía Cultura Galega.
Redelibros convoca o I Certame de Relatos de Verán
– Requisitos.
Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos, de calquera nacionalidade. Cada autor poderá presentar un máximo de dous relatos, sempre que sexan orixinais e inéditos. As obras poden estar escritas en galego ou castelán e en forma narrativa. A extensión mínima dos relatos é de 4.000 matrices (caracteres con espazos) e máxima de 10.000 (entre 2 e 6 páxinas estándar).
– Temática. Evidentemente, o verán. As historias que saen á luz coa calor, as vacacións, o tempo de lecer. O verán urbano, o verán de praia, o verán na naturaleza. A vida despexada (ou non) da estación da calor.
– Presentación das obras. Para participar no certame, o/a autor/a deberá rexistrarse como usuario na Redelibros. Para presentar os relatos, deberá publicalos na sección Textos da rede social e seleccionar, no momento de facelo, a categoría Relatos de verán creada ao efecto.
– Votacións. Concordando coa filosofía participativa da rede, os relatos subidos serán votados e comentados por todos os usuarios de Redelibros que así o desexen mediante o sistema de valoración por estrelas que aparece na parte inferior de cada texto subido. Só entrarán na selección final os relatos que teñan un mínimo de cinco valoracións de usuarios. Por este método elixiranse os dez primeiros clasificados. Paralelamente, un xurado elixido por Redelibros seleccionará dous relatos máis (que poden coincidir ou non cos máis votados). O anuncio definitivo dos seleccionados farase 21 de setembro de 2012.
– Prazo de admisión. O prazo de admisión dos relatos comprenderá dos días 21 de xuño ao 31 de agosto de 2012. O prazo de votación comprenderá dende o mesmo 21 de xuño ata o xoves 20 de setembro.
– Premios. Os relatos seleccionados serán publicados por Redelibros nun volume en formato epub e distribuídos de balde na rede. O autor do relato que obteña a valoración máis alta por parte dos redelibreiros recibirá ademais un ereader (libro electrónico).
– Propiedade. Redelibros resérvase o dereito de edición e publicación da edición do volume seleccionado. Non obstante, os autores conservarán todos os dereitos sobre os seus traballos e serán libres de editar ou publicar os seus relatos de calquera outra forma ou con calquera outra editorial. No caso de que as obras premiadas sexan obxecto de posteriores publicacións, deberán levar en lugar visible a reseña de que foron Premio do I Certame de Relatos de Verán convocado por Redelibros.
– Organización. A organización resérvase o dereito de tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que considere que poden contribuír a un maior éxito do certame.
En Galiza, a 20 de xuño de 2012.