Setenta e tres obras compiten este ano polos Premios Xerais

Edicións Xerais, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2012, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 1 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 9 de xuño.

Lugo: actos destacados do venres 18 e sábado 19 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do venres 18 e sábado 19 son as seguintes:

* Venres 18:
20:00 h. Presentación do libro Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá, publicado por Galaxia.

* Sábado 19:
20:00 h. Charla coloquio Segredos da novela histórica, coa participación de Xosé Miranda e Fran Zabaleta.

Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tui: Moita poesía, pouca diversión, con María Lado e Lucía Aldao

“O moita-poesia-pouca-diversiosábado 19 de maio, ás 23:30 horas, en La Fabriquería (Avenida da Concordia, 29) de Tui, terá lugar unha nova edición de Moita poesía, pouca diversión, un espectáculo que pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de esguello. Lucía Aldao e María Lado válense do humor, da música en directo e da participación do público asistente, que descubrirá que a poesía non só é patrimonio deses señores con barba que nos aburren coa súa leria.”

Resoluçom do Concurso de Contos de Nenos para Nenos Carlos Casares

“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de lhes comunicar a resoluçom do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória do ano 2012, segundo acordo do júri formado polos escritores Xabier P. Docampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledade González Maside (sem voto):

1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Carta a Pilar, de Andrés Vázquez García. Aluno do CEIP Heloísa Rivadulha, Chantada (Lugo).
– Segundo prémio: A néboa, de David Carpacho Pérez. Aluno do IES Manuel Murguia , Arteijo (A Corunha).

2º.- Premios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Unha historia do máis normal?, de María Álvarez Vázquez. Aluna do CPI Terras de Maside, Maside (Ourense).
– Segundo prémio: Murmurio a media noite, de André Graña Casal. Aluno do Colegio Alborada, Vigo (Pontevedra)

Agradecemos a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos mói especialmente aos ganhadores e ganhadoras. Parabéns e cumprimentos.

A Corunha, Maio de 2012″

A bandexa de saída de Paz Andrade

Paz Andrade, como todos os intelectuais da súa época, fixo da correspondencia un instrumento vital para o intercambio cultural tanto dentro da propia Galicia como para o exterior, onde residía boa parte da intelectualidade galega do exilio. Hoxe tentamos imaxinarnos como sería a bandexa de saída de correo electrónico de Valentín Paz Andrade, comunicándose cos seus compañeiros de letras e artes. Grandes figuras como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo son parte da conversa. A selección foi feita pola responsable da dixitalización do arquivo Paz Andrade e técnica do CCG Emilia García López.” Vía Cultura Galega.

Resoluçom do Concurso de Teatro Infantil 2012 da A. C. O Facho

“Depois de ter lido as obras apresentadas ao Concurso de Teatro Infantil da Agrupaçom Cultural O Facho; o júri conformado por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego: Dna. Susana Alejandra Longueira Regueiro, Dn. Xosé Manuel Rabón Lamas, Dn. Francisco Pillado Maior, acordou, por unaminidade, conceder o prêmio à obra presentada sob o lema Fora Gaiolas. Aberta a plica correspondente, resultou ganhadora Dna. Carmen Blanco Sanjurjo com a obra intitulada A Fuga. Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.

Na cidade d’A Corunha, 15 de Maio 2012″

Nace Fabulatorio, unha editora centrada na cultura visual

“Libros coidados e de tiraxe limitada, en galego e nos que se dará preeminencia á cultura visual. Esta é, a grandes liñas, a proposta de Fabulatorio, a nova editora que se presentou na libraría Formtaos da Coruña. A súa primeira obra, A casa do Óscar, reflexiona sobre o traballo do arquitecto Óscar Niemeyer a partir das fotografías de Luis Díaz Díaz nunha viaxe a Brasil. Textos de Chico Buarque e Benoît Sindt completan unha obra que sairá en tiraxe limitada.” Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O venres 18 de maio, ás 21:15 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira (Rúa San Mauro, s/n), preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Suso de Toro, Che Turnes e Manuel Bragado.