47 orixinais concorren ao IV Premio de Poesía Victoriano Taibo

O pasado 31 de xullo rematou o prazo para a recepción de orixinais para participar no IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de corenta e sete obras, cifra similar, aínda que algo superior á das anteriores convocatorias. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nos medios de comunicación. O premio dotado con 3.000 euros, peza conmemorativa e a publicación da obra premiada está sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e será entregado nun acto a celebrar no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.

“Os Premios da Crítica renacen sen dar soterrada a polémica”

Reportaxe de Santiago Jaureguizar en El Progreso: “(…) A directiva da Fundación Premios da Crítica de Galicia renovada presentouse o xoves 4 Santiago. [Bieito Ledo é presidente], Antón Pulido pasou a ser vicepresidente, encargándose a Manuel Bragado a secretaría. Os outros cargos son vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó, e vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela. Un total de 42 persoas integraran os xurados de Creación Literaria, Ensaio, Investigación, Música, Arte e Iniciativas Culturais. Terán a potestade de designar o nome do Galego Egrexio.” A nova recóllese tamén en Cultura Galega.

A banda deseñada galega á luz de Viñetas

“(…) En resumo, semella que boa parte dos proxectos que estiveron a dinamizar a nosa banda deseñada ao longo da última década están a ceder o seu protagonismo a novas iniciativas. Ao tempo, sexa pola crise económica ou por mudanzas políticas, boa parte do apoio institucional que historicamente impulsou boa parte do sector está a desaparecer ou pasar por épocas máis ou menos complicadas, con honrosas excepcións como o propio Viñetas. Queda por ver se o modelo que resulte das actuais tendencias, aparentemente máis centrado na iniciativa empresarial, logra manter ou desenvolver a edición e, sobre todo, a difusión dun xénero que aínda ten moito por medrar a nivel de recoñecemento público e de prestixio no mundo cultural.” Reportaxe en Cultura Galega.

Cee: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 11 de agosto, ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cee, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Noelia Mancebo e Marcela Riera.

A Coruña: actividades do mércores 10 na Feira do Libro

Como actividade máis destacada do mércores 10 de agosto, dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, no seu último día, destaca:

19:30 h. O escritor Manuel M. Barreiro asinará exemplares do seu libro A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.

A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.

A Coruña: actividades do luns 8 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do luns 8 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que estará aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación de Artur, un texto infantil de Xosé Manuel Gómez Barreiro “Oli”, ilustrado por Marc Taeger e publicado no selo editorial Faktoría K. Participarán no acto o autor, o ilustrador e un representante da editorial.

A Coruña: actividades do domingo 7 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o domingo 7 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o mércores 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación do libro Guía das libélulas de Galicia, do investigador e naturalista vigués Miguel Ángel Fernández Martínez, publicado en Baía. O autor estará acompañado polos investigadores de zonas húmidas de Galicia e naturistas galegos Anxo Rajou e Alberto Gil.
20:00 h. Presentación do libro Contos e descontos. Narrativa completa de Claudio Rodríguez Fer publicado en Toxosoutos. Xunto co autor, participará no acto Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e David González Couso, director de publicacións da editorial.

A Coruña: actividades do sábado 6 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o sábado 6 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

12:00 h. Feira infantil. Como nace un personaxe. Obradoiro de ilustración realizado por Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de Gálix.
18:30 h. Presentación de O señor Don Nicanor, texto de Ana Fernández-Abascal, ilustrado por Flavio Morais e publicado no selo Faktoría K, coa participación da autora e un representante da editorial.
19:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asina exemplares dos libros de poesía para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do Mazarico, de Emilio Pita, ambos publicados por Edicións Espiral Maior na colección Lúa Lueira.
20:00 h. O escritor Mario Regueira asinará exemplares do seu libro Lois Pereiro. Unha persecución, publicado por 2.0 Editora, na colección Folcsonomías.

Ortigueira: Faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura

O sábado 6 de agosto, ás 21:00 horas, no Teatro da Beneficencia (Casa do Concello, Praza Isabel II, s/n.) de Ortigueira, terá lugar o faladoiro Cunqueiro: Guerra e literatura, no que participan Fermín Bouza Álvarez, Eloy Fernández Clemente, Henrique Monteagudo, Carlos G. Reigosa e Dolores Vilavedra, nun acto organizado polo Consello da Cultura Galega.