Lugo: presentación da revista oral O pazo das musas

O xoves 29 de setembro, a partir das 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), presentación do número 27 da revista oral O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O sumario é o seguinte:

– Portada musical: Cada vez que considero (trad., arranxo de Fernando G. Jácome), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: Maruxa Mallo no mar do exilio, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Vals dos Ribas de Miño (trad.), por Tundal (3 minutos).
– A obra de Maruxa Mallo no Museo Provincial de Lugo: por María Quiroga Figueroa (10 minutos).
– Música: Por ir de noite/ Vals de Brea (trad., arranxo de Xan Fuertes), por Tundal (3 minutos).
– Poesía: Lenzos de emocións, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Música: Romance (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: O desgarro da represión: Mercedes Núñez e Syra Alonso, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Pasei pola túa porta (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Exposición virtual: De unha obra abandonada, por María José Santiso (10 minutos).
– Música: Pandeirada de Viveiro (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936:Modernas e de vangarda: Mª Luz Morales, Amparo Alvajar e María Casares, por Carme Vidal (10 minutos).
– Poesía: Chaira, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo: por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical: Maneo de Fontela (trad.), por Tundal (3 minutos).

Vigo: nova edición de A hostia en verso, Neofalantes VS. Paleofalantes

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na A. C. Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Fóra, 11), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. O día internacional da tradución inspirou esta pelexa, que enfrontará a Neofalantes VS. Paleofalantes. Os poetas-púxiles que participarán nesta intensa velada son: Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Neves Soutelo, Nolim González, Eduardo Estévez e Ledicia Costas, presentados por María Lado e Lucía Aldao. Todo isto estará amenizado por O Leo i Arremecághona!

A Coruña: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa

O xoves Adela Figueroa29 de setembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Coruña, preséntase o libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participan Felipe Senén López e Pilar García Negro, acompañados pola actuación musical de Xurxo Souto.

Ourense: presentación de Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda

O xoves 29 de setembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública de A Ponte (Praza Mestre Luis Fernández, s/n.) de Ourense, preséntase Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda, editado en Liberlibro polo propio autor.

Vigo: presentación de Sermos Galiza

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, e organizado pola Asociación Cultural O Castro, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marga Romero e Néstor Rego. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.

Pontevedra: presentación de Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores Novacaixagalicia do Café Moderno de Pontevedra, preséntase a obra Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona, publicada polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz

O martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e  César Cunqueiro.

Xurados da 34 edición dos Premios da Crítica Galicia

“A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia 2011 acordou na súa reunión do 14 de setembro nomear os xurados que ditaminarán cada unha das modalidades:
– Creación Literaria:  Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández.
– Investigación: María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo, Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño González e Blanca-Ana Roig Rechou.
– Música: Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido.
– Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo.
– Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral.
– Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García.
Os ditames de cada un dos xurados daranse a coñecer o sábado 22 de outubro no decurso dunha cea que comezará ás 20:30 horas.”

Bases da 34 edición dos Premios da Crítica Galicia

BASES

PRIMEIRA. Os Premios da Crítica Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.
SEGUNDA. Os Premios da Crítica Galicia abranguen as seguintes modalidades:
– I. CREACIÓN LITERARIA. Considéranse premiables todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010.
– II. INVESTIGACIÓN. Considéranse premiables todas aquelas obras resultado dunha investigación contrastada e rigorosa entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. O xurado valorará o recoñecemento que estas obras de persoas ou colectivos recibisen por parte de especialistas no ámbito da súa disciplina, así como contar con algunha manifestación en lingua galega e a súa repercusión obtida dentro e fóra de Galicia durante o ano 2010.
– III. MÚSICA. Considéranse premiables todos aqueles traballos de composición, interpretación, compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Tamén se consideran premiables as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período. Outrosí, poderán recoñecerse todas aquelas iniciativas que ao longo do ano contribuísen de xeito relevante á promoción da música na sociedade galega. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles músicos que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
– IV. INICIATIVAS CULTURAIS. Considéranse premiables todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura galega e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2010.
– V. ARTES PLÁSTICAS E VISUAIS. Considéranse premiables todos aqueles traballos de pintura, escultura, fotografía, videocreación artística, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas plásticos, arquitectos e deseñadores que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
– VI. ARTES ESCÉNICAS E AUDIOVISUAIS. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia, circo, cine, vídeo e televisión, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas do eido das artes escénicas e audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
TERCEIRA. O xurado de cada unha das modalidades terá competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.
CUARTA. Os membros de cada un dos xurados serán designados pola FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA entre persoas recoñecidamente solventes en cada un dos eidos aos que atinxe cada unha das modalidades. Os membros do xurado non poderán ter relacións de autoría coas candidaturas concorrentes na súa modalidade, comprometéndose a aceptar as presentes bases.
QUINTA. O xurado de cada modalidade compoñerase de sete membros con voz e voto, entre os que se incluirá unha secretaría vinculada á FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA. A secretaría fará circular a información que se fose recabando entre as candidaturas presentadas, convocará as reunións do xurado e levantará acta dos acordos adoptados en cada unha delas.
SEXTA. O premio será único e indivisible en cada unha das modalidades, podendo quedar deserto, se así o considera o xurado. As decisións finais de cada un dos xurados, que serán inapelables e adoptadas por maioría de votos, tomaranse nunha sesión de traballo que se celebrará o mesmo día do ditame.
SÉTIMA. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.
OITAVA. Os ditames de cada unha das modalidades daranse a coñecer no decurso dun acto público que se celebrará na noite do 22 de outubro de 2011 na cidade de Vigo.

FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA

Galicia, setembro 2011