A Coruña: Homenaxe a Manuel Espiña Gamallo

O venres 11 de marzo, a partir das 20:00 h., na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, terá lugar unha Homenaxe a Manuel Espiña Gamallo, na que intervirán: Celia Castro, Luz Pozo, Felipe Senén, Francisco Pillado, Manuel Rivas e Victorino Pérez Prieto, xunto ás actuacións musicais de Mini e Mero e Coral Polifónica Follas Novas. Está organizada pola Comunidade Home Novo.

Vigo: presentación de Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

O venres 11 de marzo a partir das 19:45 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Manuel Bragado e a propia autora.

Gañadores do Premio Adiala 2010

“Reunido o xurado do Premio Adiala 2010 de relato curto, do Centro Galego de Mallorca, o pasado 17 de decembro de 2010 e composto por D. Perfecto E. Cuadrado Fernández, Dna. Mª del Carmen González Moreno e D. Carlos Ramos Aguirre, decidiu por unanimidade conceder o PRIMEIRO PREMIO a Chelo Suárez Muíños polo seu relato Monólogo dun cadáver. Asimesmo, conforme ás bases do certame, o xurado decidiu conceder un ACCÉSIT a Darío Portela Núñez polo seu relato A partida. Ademais o xurado salientou a boa calidade dos orixinais presentados nesta edición, sinaladamente a dos relatos A garda de Diana Varela Puñal e Agre de Clara do Roxo, que tamén serán publicados na Revista Adiala”.

A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona

O xoves zz410 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.

A Coruña: obradoiro Percorrer o ollo da arte, por Antía Otero

Os martes desde o 15 de marzo, de 19:00 a 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar o obradoiro Percorrer o ollo da arte, que camiña polos diferentes estamentos que a ollada debe transitar para coñecer, descubrir e valorar o feito e a creación artística contemporánea a través da multidisciplinariedade. Está impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto. Iníciase o martes 15 de marzo ás 19:00 h., cun total de 30 horas e un máximo de 20 persoas. Están solicitados 2 créditos de libre elección á Universidade da Coruña. A inscrición é de 55 euros para o público xeral e 35 euros para os membros da Universidade da Coruña (neste caso a segunda matrícula é de 30 euros). A matrícula farase na oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar s/n. planta baixa. Campus de Elviña. O teléfono de información é o 981-167000, nas extensións 1975, 1954, e 1962. Prazo de matrícula até o luns 14 de marzo.