Convocado o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse

Convócase o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, coas seguintes

BASES

1.- O Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa convoca o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, en homenaxe a este querido, popular e lembrado artista local e socio de honra da nosa sociedade. Poderán participar nel todas as persoas que así o desexen e o xulguen oportuno, nunha única categoría, aberta a todas as idades e que someten as súas obras ao indicado nestas bases e á valoración do xurado do concurso que serán quen de xulgar a calidade e mérito suficiente das obras, para seren no seu caso agraciadas cos distintos premios.
2.- As obras poderán ser de calquera xénero e modalidade de teatro, a condición necesaria e indispensable é que estean escritas en lingua galega, seguindo a normativa vixente para a nosa lingua emanada das directrices da Real Academia Galega.
3.- Cada autor/a só poderá participar cunha única obra, que será presentada mecanografada a doble espazo, encadernada e coas páxinas numeradas.
4.- A temática será totalmente libre; pero, ha ser respectuosa coas persoas e institucións e non atentará contra os valores de defensa dos Dereitos Humanos e de Igualdade de Xénero, o que non impedirá que sexa crítica, chea de creatividade e orixinalidade.
5.- Estableceranse tres premios:
– 1º) Premio, que será dotado con 600 €.
– 2º) Premio, dotado con 300 €.
– 3º) Premio, cunha dotación de 150 €.
Os premios non poderán ser declarados desertos, agás que non haxa o número suficiente de obras para adxudicalos todos. A súa adxudicación será sempre partindo do primeiro.
6.- As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Liceo Casino, que poderá, se hai lugar e oportunidade, publicalas ou representalas (xestionándose as estreas con grupos locais de teatro e para representar na seguinte edición da Semana de Teatro Manuel Rey Posse, que organizará cada ano o Liceo Casino. Os dereitos da primeira posible edición e da estrea serán cedidos polos autores en beneficio do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. As seguintes, devengarán en beneficio dos propios autores/as.
7.- O veredicto do xurado será inapelable e será o único autorizado para a interpretación e execución destas bases.
8.- O xurado estará formado por:
a) O Presidente do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, quen poderá delegar en calquera membro da súa Xunta Directiva. Exercerá como Presidente do Xurado.
b) Un docente especialista en lingua e literatura galega ou un escritor/a, designado polo Liceo Casino.
c) Un representante da Administración Pública ou Entidade privada que subvencione esta actividade, designado por elas mesmas.
d) Un representante dos grupos de teatro locais, nomeado polo Liceo Casino.
e) Un representante dos medios de comunicación locais, designado polo Liceo Casino.
f) O Xerente do Liceo Casino, que actuará como Secretario do Xurado con voz, pero sen voto.
O xurado para poder actuar, estará alomenos constituido pola metade dos seus compoñentes, este será o quorum mínimo.
Ao final das deliberacións elaborarase unha acta, comunicarase o resultado aos premiados e aos medios de comunicación social.
9.- As obras serán enviadas ao Liceo Casino, R/ Castelao, 5 – 36600 Vilagarcía de Arousa por correo ordinario, indicando no sobre o nome do concurso. Enviaranse baixo plica con lema, incluindo nun sobre pechado co mesmo lema os datos identificativos do participante (nome e apelidos, NIF, enderezo postal, números de teléfono, correo electrónico).
10.- O prazo de entrega de orixinais rematará o 15 de marzo de 2011, as obras que cheguen fóra de prazo non serán tidas en conta baixo ningún concepto.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados nas instalacións do Liceo Casino en horario de oficina, demostrando co NIF a súa identidade e asinando un recibí. Transcorridos tres meses despois da entrega de premios, as obras non premiadas serán totalmente destruidas.
11.- A entrega de premios será o día 25 de marzo de 2011, no transcurso da clausura da Semana de Teatro Manuel Rey Posse, que se celebrará dito día a partires das 21:00 h, no Salón de Actos do Liceo Casino. Prégase encarecidamente a tódolos premiados/as acudan a ese acto a recibir persoalmente o seu premio, previa a correspondente identificación. (Os premiados asinarán un recibí e un documento de cesión de dereitos, tal como se recolle nestas bases).
12.- Os premios, se é o caso, estarán suxeitos á fiscalidade vixente.
13.- O galardonado/a co 1º premio será invitado a participar no xurado da seguinte edición.
14.- A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das presentes bases.

Vilagarcía de Arousa, 31 de xaneiro de 2011.

A Coruña: V Encontros Milpedras: recital conxunto de poesía, música e fotografía

O venres Milpedras4 de febreiro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a quinta edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e fotografía. Actuarán recitando poemas Berta Dávila, Emma Couceiro, Emma Pedreira e Yolanda Castaño en paralelo á música de Álvaro Muras e a intervención fotográfica de Begoña Pastoriza.

Pontevedra: nova edición de A hostia en verso

O venres 4 de febreiro ás 20:00 h., no Café Moderno (Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. Este combate lírico enfrentará os poetas do proletariado contra os poetas pequeno burgueses. Actuarán Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, David Rodríguez, Lara do Ar e Eduardo Estévez. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público, e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical da banda Mr. Carácter. Como noutras edicións, o público asistente é máis ca un espectador silencioso e verase reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate!!!

Gondomar: tertulia con Victorino Pérez Prieto

O venres 4 de febreiro, a partir das 20:30 h., na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira 10, baixo) de Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, terá lugar unha nova Tertulia do IEM na que falara o teólogo Victorino Pérez Prieto sobre O Movemento Cristián Galego. Unha Igrexa que existe e resiste. Será presentado polo crego salesiano Xabier Blanco.

A Coruña: faladoiro con Xurxo Souto, sobre A canción tradicional popular galega e coruñesa

O venres 4 de febreiro, a partir das 21:00 h., na Asociación de Veciños da Agra do Orzán (Rúa Entrepeñas, 38) da Coruña, e con previa inscrición no local da asociación ou 981-200869 (horario de tarde), Xurxo Souto falará sobre “A canción tradicional popular galega e coruñesa”. Organizado en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda.

Ferrol: presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge

O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento. No acto participan, acompañando ao autor, Francisco Pillado e Eliseo Fernández.

Celanova: presentación de 24 homens e mais nada, de Xurxo Martínez Crespo

O venres 4 de febreiro, a partir das 19:00 h., na Casa dos Poetas (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro 24 homens e mais nada, de Xurxo Martínez Crespo, ao tempo que se inaugura a exposición de Federico Fernández O meu pai, o exiliado. O acto está organizado pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova.