Convocado o X Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos

O Concello de Noia convoca o X Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, coas seguintes

BASES

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de venturas.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de abril de 2011.
4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2 -15200 Noia (A Coruña)
5. Estabelécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio
estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, e para interpretar as bases. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto o día 27 de maio de 2011.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en
edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.

Pódense descargar neste arquivo .pdf: X Certame Literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos.

A Coruña: presentación de Señardade da luz (A obra poética de Manuel María), de Miguel Mato

O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:30 h., no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre, preséntase Señardade da luz (A obra poética de Manuel María), de Miguel Mato, editado pola A. C. Alexandre Bóveda, que comeza con este libro as súas publicacións.

Ourense: recital poético-musical con Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado

O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, dentro dos XXI Encontros Literarios desta entidade, haberá un recital poético de Xosé Carlos Caneiro, baixo o título Poemas de Amor para Tempos Difíciles, no que estará acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado.

Pontevedra: 12ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

A 12ª edición do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas o domingo 6 de febreiro baixo o título É mentira, con múltiples actividades: obradoiros, teatro, maxia, conferencias, contacontos, circo…, etc., e que terán lugar até o sábado 19 de marzo. Adxuntamos o programa completo: Programa Salon do Libro Infantil e Xuvenil febreiro 2011.

Vigo: conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:00 h., no Verbum Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta ata completar aforo, terá lugar a conferencia de Emilio Sdun sobre Experiencias dun editor de arte, onde contará a súa experiencia como editor de arte desde 1984, coñecendo máis en profundidade o proceso de creación de libros singulares e edicións de luxo.

Santiago: coloquio arredor de As rulas de Bakunin, con Antón Riveiro Coello

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Riveiro Coello, dentro das actividades do club de lectura Compostela conversará cos lectores arredor da súa novela As rulas de Bakunin, publicada en Galaxia.