Blogaliza.tv transmitirá ao vivo dos Premios Xerais desde San Simón

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.

Vigo: Tucho Calvo xunta os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia

A Casa do Libro de Vigo acollerá o 10 de xuño todos os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia. No documento adxunto achegamos unha breve información sobre ese acto, que agardamos sexa do voso interese. Na imaxe que ofrecemos aparecen, de esquerda a dereita, Patricia Casas (gañadora da 3ª edición), Alberto Ramos (2ª edición), Tucho Calvo (director literario de Biblos), Iria López Teixeiro (1ª edición) e Pablo García (5ª edición). Falta na fotografía Berta Dávila, gañadora da 4ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. (Biblos Clube de Lectores)

A Coruña: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”, por Rubem Centeno

Dentro do “ciclo escrita(s)” Rubem Centeno intervirá o xoves 10 de xuño ás 20:00: “Rostos do desejo em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet”. Atravessar todos os rostos, todas as margens, desde a Rote Armee Fraktion aos chulos argelinos do Pigalle. É possível articular umha proposta política desde a escrita de Jean Genet? De onde parte para enfrentar-se ao mundo? Presso, traidor, marica, prostituto e activista pós-colonial, Genet pratica umha maneira original de viver sem ser assimilado, onde a estética do abjecto e a poética como política constituem o reverso estratégico dumha sociedade despreciável.

Galería Sargadelos (Real, 56)

Lugo: mesa redonda co tema “Vixencia de Castelao 60 anos despois da súa norte”

Hoxe, xoves, 10 de xuño, a partir das 19.30 horas, dentro do programa de actividades complementarias da exposición “Castelao. A derradeira lección do mestre”, mesa redonda co tema “Vixencia de Castelao 60 anos despois da súa norte”. Interveñen: Francisco Rodríguez, Felipe Senén López Gómez, María Pilar García Negro, Manuel Rei Romeu e Aurelia Balseiro como moderadora.

Máis información no Museo Provincial de Lugo.

A Coruña: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros no “Mestres de papel”

Ciclo de conferencias literarias “Maestros de papel”. Unha ponte de papel entre escritores e escritoras do panorama literario español e galego actual e os seus lectores. Achégate a coñecer en propia voz as reflexións destes mestres de papel e descobre as mensaxes ocultas dos seus libros, a esencia do acto literario e os segredos da arte de crear beleza con palabras.:

Xoves 10 de xuño, 20:00 h.: Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros: “Literatura con voz femenina: ¿una escritura de rebelión no panorama do século XXI?”

Martes 22 de xuño, 20:00 h.: Luis Mateo Díez: “Os fíos condutores da ficción: o azar, a memoria e o esquecemento”

Entrada libre (aforo limitado); aparcadoiro gratuíto; Autobús urbano nº 11.

A Coruña: homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger

É unha exposición e unha homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger. A partir do libro de John Berger From A to X, no que unha muller escribe cartas ao seu marido preso, Isabel Coixet crea unha instalación coa colaboración da arquitecta Benedetta Tagliabue e a complicidade dalgunhas das actrices máis importantes do cinema actual. A instalación mergúllanos nunha atmosfera envolvente onde a luz e o son lévannos sucesivamente polas distintas cartas do libro, que son lidas por prestixiosas actrices e artistas, como Monica Bellucci, Sophie Cale, Patricia Clarkson, Penélope Cruz, Julie Delpy, Isabelle Huppert, Maria de Medeiros, Sarah Polley, Tacha Swinton e Leonor Watling. Paralelamente poderán verse os retratos fotográficos que Isabel Coixet fixo durante a gravación das lecturas e unha entrevista filmada por ela a John Berger.

A inauguración ás 20:00 do 10 de xuño no antigo Cárcere Provincial. Até o 11 de xullo.

A Coruña: homenaxe a Rosalía no teatro do seu mesmo nome

Mañá xoves 10 de xuño, ás 21.00, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar a homenaxe a Rosalía de Castro “AO RASO COAS LEBRES. Versos de Rosalía de Castro”.

FOI un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénicasobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou ESCURO ENIGMA EU SON (Pondal, 2002), QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR (Curros, 2008) e agora presenta AO RASO COAS LEBRES (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Talvez non houbo nin chegará a haber en moito tempo unha voz tan escoitada con respecto e emoción polo seu pobo.
Con este recital-concerto, CASAHAMLET pretende facer chegar ao público, un exemplo de poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros.