Compostela: Congreso “Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos”, os 10 e 11 de outubro

Pontevedra: II Jornada de Estudo Clara Corbelhe, “O político e os seus limites: olhadas desde a Galiza contemporânea”, o 7 de outubro

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán), o 9 de outubro

A Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán) conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Chega a edición número 13 da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título Arquitecturas efémeras do San Froilán. Lembranza da paisaxe efémera do feiral: carruseis, teatriños, atraccións, gabinetes, consultorios e túneles do inferno.
Terá lugar o luns, segunda feira, 9 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada é de balde até completar capacidade.

Participan:
– Dina Pérez
– Jorge Salvador
– Alberte González
– Ana Carreira

Ambientación musical:
– Saulo Sause

Coordinación e presentación:
– Lois Pérez

Todo o que doe, de Carmen Caramés, gaña a terceira edición do Premio Pinto e Maragota

Desde Nós Diario:
“O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais da Galiza, convocou a III Edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade “visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero” e forma parte das actividades do programa municipal homónimo ao premio. A obra gañadora foi, segundo deu a coñecer esta quinta feira o Concello da cidade do Lérez, Todo o que doe, de María Carmen Caramés.
As obras presentadas debían ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual ou identidade de xénero.
O xénero literario das obras presentadas foi novela, teatro e poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. “O premio outorgouse tendo en conta en xeral, o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma”, sinalaron desde o Concello.
O xurado encargado de decidir a obra gañadora estivo composto por Cristina Barreiro, docente no CEP Marcos da Portela e membro do colectivo Avante LGBT+, Miguel Calvo Marques, membro da Xunta Coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza e Sara Vila, escritora e responsábel de prensa da editorial Xerais.
O poemario Todo o que doe, escrito por Maria Carmen Caramés foi a obra que resultou vencedora. O xurado destacou desta obra “a tenrura, a potencia das metáforas e a creación de atmosferas que evocan sensación e emocións”.
Salientaron a “certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres, fóra das normas estabelecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade”.”