Entrevista de Antón Riveiro Coello a José Carou en La Voz de Galicia:
“(…) – Antón Riveiro Coello (ARC): Cales foron as primeiras lecturas? En que instante localizas no recordo os inicios da pulsión creadora?
– José Carou (JC): Despois dos primeiros contos infantís, as primeiras novelas que lin foron Robinson Crusoe, As viaxes de Gulliver, O derradeiro dos mohicanos e, de Stevenson, A illa do tesouro e O estraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde. Conservo eses exemplares, son alfaias coas que aínda de neno comecei a miña educación sentimental e literaria. Regaláramos meu pai. Sempre foi un gran lector. A súa influencia abriume as portas da ficción e da fabulación. A partir de aí, comecei a bosquexar en libretas invencións, relatos e biografías de personaxes ficticios que vencían perigos e resolvían misterios. (…)
– ARC: Sempre aclaras que es profesor de filosofía antes ca escritor? Imaxino que non te refires só a que ese sexa o teu traballo. Canto hai de certo nesta afirmación?
– JC: Para min é unha certeza incuestionable. Escritoras ou escritores de verdade hai moi poucos. Cunqueiro, Rosalía, Rulfo… por poñer só algúns exemplos. O resto somos eternos aprendices dun oficio inabarcable, buscadores, xente que nos deixamos levar pola imaxinación e polos enredos da métrica e da sintaxe na teima de perfilar uns protagonistas sempre en movemento, afanándonos en lles conferir unha voz interior que lles sexa propia. Todo autor aspira a facer de carne e óso os seus personaxes, a darlles de respirar un ar de autenticidade. Acabamos véndoos detidos nos seus autos diante de semáforos en vermello, preguntándose que decisións deben tomar para saír adiante un día máis sen traizoarse demasiado a si propios.
Se algo dá sentido á miña vida, se algo son, é a paixón pola filosofía e polas clases co alumnado. Aprendo deles cada día, da súa espontaneidade, das novidosas e intelixentes interpretacións que fan do que eu consideraba asuntos xa resoltos. Traballar con eles é un agasallo, un espazo sempre sorprendente, lonxe de convencionalismos e seguridades. O pensamento crítico que van construíndo día a día faime ver o mundo con ollos novos e ilusionados. Aos meus alumnos pasados e presentes débolles a intensa sensación de sentirme autenticamente vivo. (…)”
Día Internacional do Libro Infantil 2024, o 2 de abril
Xurxo Souto: “A visión do mundo de Luísa Villalta era punki e rupturista”
Entrevista de Jacobo Caruncho a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Somos un pobo de artistas. O título do seu libro é xa toda unha declaración de intencións.
– Xurxo Souto (XS): É un título manifesto, punki e rupturista. Hai toda esa tradición de tópicos escuros dicindo que eramos un pobo pusilánime e morriñoso e non, somos un pobo cargado de forza vital e de talento. Coma todos os pobos do mundo.
– LO: E Luísa tamén era así, punki e rupturista?
– XS: Era, era. Temos esa imaxe dela absolutamente plácida, porque por outra banda era unha rapaza elegante, era un sorriso, era unha presenza de amor. Pero a súa visión do mundo era punki e rupturista. Comezando coa propia idea que tiña da poesía. O que se entende pola poesía é só unha parte. A poesía é moito máis e sempre ten que estar relacionada coa música. E fronte a outros, ela buscaba sempre esa emoción.
– LO: Temos entón mal entendida a poesía galega?
– XS: A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música. Luísa Villalta no seu libro O outro lado da música, a poesía explica todo o estudo da literatura galega en clave musical. Ese libro saíu en 1999 e por desgracia pasou desapercibido. Agora, con todas estas pompas que está recibindo por todo o seu mérito, vexo que se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica. En esencia, a música e a poesía son o mesmo. Cal é o primeiro monumento da literatura galega? As cantigas medievais. Como se poden explicar as cantigas sen música? Cal é o gran monumento do Rexurdimento? Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Non pode ser máis claro. (…)”
A Coruña: palestra “O proceso de normalización da lingua galega. Análise da situación actual”, por Celia Armas García
Vídeo da presentación en Vigo de mapa.gal, de Eva Teixeiro
Ferrol: Miñoca Tour 2024
Leitura continuada de A República dos Sonhos, de Nélida Piñón, os 3 e 4 de maio
Beatriz García Turnes: “Cambia a perspectiva cando a xeración que te coidou é agora a que precisa coidados”
Entrevista a Beatriz García Turnes no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“(…) Vós cando vos decatastes de que iades vellas? Este asunto non é insignificante, dá para pensar. De feito é unha das cuestións que pasa pola cabeza das personaxes, das moitas personaxes femininas que poboan este libro de relatos, Comando Sintrom, da autora Beatriz García Turnes. Un monllo de relatos en que as personaxes femininas, xa de certa idade, afrontan a vellez. Mulleres, algunhas avoas, que tentan adaptarse aos novos tempos e non sempre é doado facelo. A entrevista pode verse aquí.”



