Fernando Castro Paredes gaña o Premio García Barros

Desde Faro de Vigo:
“A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.
O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”. (…)”

Crónica fotográfica da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E 2023, dedicada a Fina Casalderrey (I)

A Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXIX edición, recaendo na figura de Fina Casalderrey, que foi homenaxeada en Pontevedra o 10 de xuño de 2023, nunha actividade que contou co apoio do Concello de Pontevedra, CEDRO e Xunta de Galicia
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Vigo: actividades do 25 de xuño da Feira do Libro 2023

Vigo: actividades do 24 de xuño da Feira do Libro 2023

Amoeiro: Festa Literaria do Premio Trasalba 2023