Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2023 en Lugo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2023, que tivo lugar o 23 de febreiro, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no Parque de Rosalía de Castro, diante do busto de Rosalía. O acto contou coa lectura do Manifesto da AELG escrito por Carme Adán e a lectura pública de poemas de Rosalía. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (grazas ás entidades colaboradoras e a Marcos López, de Viva Lugo, polas fotografías).

O director Manuel Lourenzo recibe o galardón Cunqueiriano de Honra

Desde Nós Diario:
“O dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez, recibiu esta terza feira o Premio Cunqueiriano de Honra que outorga o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Un recoñecemento xusto e merecido a Lourenzo, natural da localidade veciña do Valadouro e que acumula unha “ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro“. Ambos os dous, o de Mondoñedo e o de Valadouro, son coñecedores da forza da palabra, escrita ou recitada, e da riqueza do galego.
O incerto señor Don Hamlet, “peza dramática en tres xornadas”, de Álvaro Cunqueiro, resoou esta terza feira no salón de plenos do Concello de Mondoñedo en voz de Manuel Lourenzo, acompañado no recitado por Armando Requeixo, durante a entrega deste premio.
Lourenzo colle así o relevo dun galardón que en edicións anteriores recibiron persoeiros como Víctor Freixanes, Rexina Vega ou César Antonio Molina, entre outros nomes.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, Abel Vigo pronunciou a laudatio do homenaxeado. (…)”

Aurora Marco, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras

Desde Nós Diario:
“A plataforma de crítica literaria A Sega anunciou este sábado que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a Aurora Marco. Ao recibir a noticia, a autora indicou a través das súas redes sociais que lle enche “de satisfacción e orgullo” recibir este recoñecemento. “

Vilalba: presentación de Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria

O sábado 4 de marzo, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o libro Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, onde oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936). As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés. As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.