Convocada a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

Desde a Fundación Manuel María:
“A Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou a finais de abril a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais (achéganse imaxes das bases). Un concurso dirixido para compañías galegas de teatro que ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María.
Nesta nova edición, alén da colaboración de diversos concellos e Deputacións, tamén se contará coa do Centro Dramático Galego coproducindo a obra gañadora.
O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais trátase dun concurso bienal moi especial pois o premio fundamental son as representacións. En concreto, a compañía gañadora recibirá a cantidade de 4000 euros como axuda á produción e o caché correspondente a cada unha das funcións que se realicen nos concellos colaboradores, alén da coprodución do CDG.
O prazo para a presentación dos proxectos finaliza o 30 de setembro de 2022.
Os concellos colaboradores na pasada segunda edición foron A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Santiago, Verín, Vilalba e Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.”

Compostela: actividades do 5 de maio da Feira do Libro 2022

Compostela: actividades do 4 de maio da Feira do Libro 2022

Eva Mejuto: “A lectura é un acubillo, un refuxio”

Entrevista de Belén López a Eva Mejuto en Diario de Pontevedra:
“”Cando leo todo é posible”. É o inicio de Cando leo (Xerais, 2022), o álbum ilustrado que acaban de publicar a escritora Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) e a ilustradora Bea Gregores (Vigo, 1995). A obra presentouse este sábado (12.30 horas) nun acto aberto ao público, que terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, coa actuación musical de Noite e Manu. “A literatura e os libros sempre foron un lugar de acubillo, de refuxio, un punto de encontro comigo mesma e co mundo”, conta Mejuto, que desvela que esta historia naceu no confinamento. “Foi aí, onde paramos de verdade, onde tivemos tempo para volver facer cousas que nos gustaban, cando eu aproveitei para ler e reler cousas que me apetecía ou que tiña pendentes, como o último libro de Almudena Grandes”.
A partir desa experiencia persoal é que nace Cando leo. “Eu penso que durante o confinamento o libro tivo unha resignificación nas nosas vidas. Aquel parón supuxo para min un reencontro coa lectura”, segue explicando. “Foi así como me apeteceu facerlle unha homenaxe ao libro e a lectura en todas as súas dimensións: humana, persoal, social, política, histórica…”.
Para completar o seu texto, case un poema, Mejuto pensou en Bea Gregores. Esta é a terceira vez na que escritora e ilustradora colaboran tras A lavandeira de San Simón (Xerais, 2020) e Neko (Oqueleo, 2021). “Para min traballar con Bea é un luxazo. A pesar de ter con ela unha diferenza de idade importante, temos unha sintonía moi grande. E cando fas un álbum é necesario que exista esa conexión”.
“Cando leo non hai portas”, segue o conto. “É verdade que as miñas palabras son moi contidas, están como moi medidas, pero detrás teñen moita cousa. Iso levounos a falar moitísimo a Bea e a min”. Mejuto di que a ilustradora non só captou todo o que ela desexaba contar no álbum senón que incluso o ampliou con imaxes que agrandan o significado do que se di. «Foi unha creación a catro mans súper bonita, feita ademais nun momento moi especial”.
A escritora recoñece que a fusión que se dá entre o seu texto e as ilustracións de Gregores “foi unha destas cousas máxicas que pasan de cando en vez”. E engade: “Eu creo que se nota o corazón que lle puxemos. A nosa experiencia vital e as nosas tripas están aí”. Neste sentido, Eva Mejuto confesa que, despois de traballar durante 25 anos con libros ilustrados, este é probablemente o seu proxecto máis íntimo. “Nel hai moito de min e da miña forma de entender o mundo. E tamén moitas homenaxes”.
Efectivamente, a obra inclúe chiscadelas para os lectores máis agudos, que recoñecerán as homenaxes a Onde viven os monstros ou A bibliotecaria de Basora. “Igual que hai referencias á queima de libros nos réximes totalitaristas ou á identidade de xénero. En definitiva, aparece, ademais da dimensión máis íntima ou emocional dos libros, a dimensión política: os libros como elemento para mudar o mundo”.
Eva Mejuto cre firmemente nisto último. “Porque a lectura, a pesar de que comeza sendo un acto solitario, acaba sendo solidario, no sentido de que nos serve para encontrarnos co resto do mundo”. Así o di no seu conto: “Porque cando lemos todo é posible”.”

Teresa Moure: “Non hai nin un só nome de muller nos manuais de lingüística”

Entrevista a Teresa Moure no Diario Cultural da Radio Galega:
“Con esa premisa escribiu Teresa Moure Linguística escreve-se com A (Através editora). E non só por recuperar nomes de mulleres, senón por demostrar que as súas achegas a este campo son igual de importantes que as dos homes. Neste ensaio repasa as contribucións das mulleres en campos lingüísticos como a tradución ou a antropoloxía, e noutros máis singulares como a criptoloxía ou a primatoloxía.
En todos eles, as mulleres fixeron contribucións pioneiras, pola súa maneira particular de enfocar e de mirar os ámbitos de estudo. María Moliner na lexicografía, Jane Goodall na primatoloxía ou Margaret Mead na antropoloxía, son algunhas das figuras máis relevantes que Moure estuda neste ensaio.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Teresa Ramiro

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Teresa Ramiro, celebrado o pasado 30 de abril. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.