Bases da XXª Edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Desde a Fundación Plácido Castro:
“A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

BASES

1. Poderán participar na convocatoria da vixésima edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente en formato papel ou dixital. Tamén poderán concorrer as obras libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
2. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases.
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova, 4 36630 Cambados, Pontevedra, ou por correo electrónico a presidencia@agpti.org ou info@igadi.gal, antes do 1 de maio de 2022. Igualmente, os membros do xurado tamén poderán formular propostas por propia iniciativa.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultado para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022

Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”

Ferrol: programa da Feira do Libro 2022