Ledicia Costas gaña o Premio San Clemente por ‘Pel de cordeiro’

Desde Cultura Galega:
“O XXIX Premio Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xa teñen novelas gañadoras nas súas tres categorías: Misericordia, da portuguesa Lídia Jorge, editado por La Umbra y la Solana na súa edición en castelán, fíxose co galardón no apartado de novela en lingua estranxeira; Pel de cordeiro (Edicións Xerais), de Ledicia Costas, acadou o galardón no apartado de lingua galega, e La península de las casas vacías (Ediciones Siruela), de Davíd Uclés, foi recoñecido co premio en lingua castelá.
O fallo do xurado, conformado polo alumnado de bacharelato de seis institutos galegos, un madrileño e tres europeos, deuse a coñecer esta mañá no salón de claustros do IES Rosalía de Castro. Os centros participantes desta edición foron: IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), IES Sanxillao (Lugo), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o IES Ramiro de Maetzu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio IES Rosalía de Santiago.
Segundo o xurado, os motivos que levaron a premiar a obra Misericordia, de Lídia Jorge, foron “o lirismo que atravesa o texto”, o “retrato da beleza do cotiá que ofrece” e pola “visión renovada sobre os nosos maiores”. No relativo da novela en lingua castelá para La península de las casas vacías, de David Uclés, o xurado gabou “a ambición de novela total” que presenta este libro, así como a súa orixinalidade ao empregar “o realismo máxico” e o “multiperspectivismo” para “abordar a memoria histórica”. Finalmente o xurado en lingua galega, recoñeceu a obra Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas, destacando a súa “singular estrutura e a súa prosa áxil” que permite “facer de todo o fantástico verosímil”. O xurado concluíu que era unha “obra completa” que brindaba un retrato orixinal e necesario dos vínculos entre mulleres. “

Francisco Fernández Davila gaña o IX Premio Agustín Fernández Paz de Vilalba

Desde El Progreso:
“O enxeñeiro e escritor natural de Panxón (Nigrán) Francisco Fernández Davila converteuse no gañador da novena edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais e dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.
O traballo galardoado, presentado baixo o lema O Muro, ofrece unha historia que afonda nos segredos familiares, na incomunicación entre pai e filla, na dificultade de xestionar as emocións e de perseguir os soños, así como do fútbol máis alá do deporte.
O fallo “por unanimidade” do xurado, composto por Manuel Bragado, Isabel Soto e Eva María Mejuto, deuse a coñecer ao final do acto de entrega á propia Mejuto do galardón como gañadora da oitava edición pola súa obra Queco e Kika.
“É un libro fresco, moi divertido, que fomenta a diversidade na familia cuns cans narradores dos desafíos da convivencia”, tal e como explicou Fran Alonso, director de Xerais, na súa intervención, a través dun vídeo.
Manuel Bragado pola súa parte calificouna como “unha preciosa fábula de animais”, valorada pola súa capacidade para “poñer en valor aos animais de compañía na unidade familiar”.
“Non vos imaxinades o emocionante e reconfortante que é estar aquí, poñendo o meu nome a carón do de Agustín”, acertou a dicir Eva Mejuto tras recibir un premio que “vai axudar a construír un imaxinario no que todas as familias sexan válidas”.
A escritora defendeu ademais o sistema editorial e literario galego, “conformado por moitas persoas”, e lamentou que só o 8% dos libros que se venden en Galicia son en galego, antes de poñer en valor a figura de Agustín Fernández Paz pola súa “xenerosidade e humildade”. “A seguir lendo a Agustín, que é necesario cada día”, concluíu.
No acto, celebrado no auditorio, tamén se destacou o feito de que o pleno municipal aprobara por unanimidade poñer o nome do escritor vilalbés á biblioteca municipal.
“Estamos á espera de que rematen as obras para que máis de 4.000 libros que levan anos esperando o sitio que lles corresponde pasen a ser catalogados e colocados en andeis para disfrute de todo o mundo”, dixo a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
A alcaldesa, Marta Rouco, afirmou que se trata dun “xesto de gratitude e xustiza, que une o nome de Agustín coa súa xente, a súa vila e a súa paixón polos libros”. Destacou, ademais, que “ano a ano, este premio renova o compromiso de Vilalba coa cultura e a igualdade”.
No acto, presentado por Carmen Hermida, tamén actuaron a A. C. Andrade, alumnas do IES Basanta Silva, o Minicoro de Esmuvi e a Escola Municipal de Teatro.”

‘Gracias por su visita’, de Uxía Algarra, é a proposta premiada no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal

O 19 de outubro de 2025, o xurado do VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal, dentro da X Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo; e Fefa Noia, directora adxunta do Centro Dramático Nacional do Estado, convidada de honra desta edición; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e considerar tamén as votacións dos grupos participantes, chegou, finalmente, ao acordo de que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña ao longo de 2026-2027 sexa:

GRACIAS POR SU VISITA, de Uxía Algarra.

Recibiron tamén mención de honra as propostas A voz interior, de Diana Sieira, e Rocky e a man máxica de protección, de Fernando Tato.

O xurado quere destacar a gran calidade de todas as propostas desta edición do Festival.

Uxía Algarra

Diana Sieira

Fernando Tato

(Fotos enviadas por Alberte Bello)

Vilalba: acto de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade a Eva Mejuto