O Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón Llull e o Etxepare Euskal Institutua promoven unha residencia de tradución poética

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Tradutores/as emerxentes e consolidados/as de poesía de lingua catalá, galega e vasca a polo menos unha destas linguas. A eles está dirixido o proxecto de Residencia de tradución de poesía que convoca o Institut Ramon Llull coa colaboración do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Etxepare Euskal Institutua. A convocatoria, que ten aberto o prazo de recepción de candidaturas ata o 15 de novembro, busca promover un intercambio entre as persoas seleccionadas ao tempo que desenvolven un proxecto de tradución individual.
A convocatoria do Institut Ramón Llull, co apoio do CCG e o Etxpare, está encamiñada a que os tradutores seleccionados que pasen unha estadía dunha semana (do 1 ao 8 de abril de 2022) na residencia na Faberllull Olot Residència d’Arts, Ciències i Humanitats de Catalunya. A convocatoria busca xerar un espazo de traballo, inspiración e intercambio e estará organizado en dous bloques: un colectivo que priorizará o intercambio entre os residentes e onde se desenvolverán encontros con outros tradutores e autores que servirán de inspiración; e outro individual destinado a que cada residente poida desenvolver o seu proxecto de tradución. Ademais, a participación na residencia abre a posibilidade de intervir nun festival literario que se realizará nas tres zonas de influencia dos organizadores.
A convocatoria cobre os gastos de desprazamento ata a residencia, aloxamento e media pensión e unha axuda de custo de 350 euros. O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de novembro e as persoas candidatas teñen que ser tradutores de poesía de lingua catalá, galega e vasca a polo menos unha destas linguas. Ademais, deberán ter, como mínimo, obra publicada en formato libro ou nunha revista literaria. Os resultados comunicaranse a partir do 15 de decembro de 2021 de maneira individual ás persoas seleccionadas e a través dos sitios web das tres institucións implicadas.”

Este é o formulario de inscrición.

As condicións da convocatoria poden consultarse aquí.

A Coruña: encontro poético Afinidades electivas, con Xavier Seoane e Antonio Colinas

O 21 de outubro, ás 19:30 horas, na Librería Lume (Rúa Fernando Macías, 3, baixo), na Coruña, terá lugar un encontro poético entre Xavier Seoane e Antonio Colinas, dentro do programa Afinidades electivas, promovido polo Ministerio de Cultura. As persoas interesadas deberán reservar previamente no correo electrónico librerialume@mundo-r.com
No marco deste acto, preséntase o libro Catorce retratos de muller, de Antonio Colinas, traducido ao galego por Luciano Rodríguez, con portada de Isabel Pintado, publicado por Medulia.

Crónica videográfica da Letra das Festas. San Froilán 2021

O 6 de outubro tivo lugar unha nova edición da Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán), unha actividade da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, baixo o título de San Froilán En-foco. Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica.

Aquí pode verse a crónica videográfica:

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Antonio Manuel Fraga, arredor de santoamaro

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Antonio Manuel Fraga, arredor de santoamaro, celebrado o pasado 16 de outubro. A crónica fotográfica completa, obra de Beatriz Maceda, pode verse aquí.

Tabela dos libros. Outubro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”