Ana Cabaleiro: “Na literatura é mais difícil contar a vida diaria que as historias épicas”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Deixádenos remar é a nova novela de Ana Cabaleiro editada por Xerais. Parte do conflito veciñal dun arrabalde onde constrúen unha urbanización. As relacións de clase ou as maneiras de vivir subxacen na trama do texto. A entrevista pode verse aquí.”

Inma López Silva gaña o premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía

Desde Nós Diario:
“A escritora Inmaculada López Silva é gañadora da actual edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro. (…)
O xurado significa da obra de López Silva, Clepsidras, “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir”.
Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa”, continua o xurado do premio, composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras González, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do Concello de Dodro.
O certame coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario. Precisamente, o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos máis prestixiosos e lonxevos do país, estando próximo a cumprir 35 anos.”