Héitor Picallo: “As administracións deberían promover a recuperación dos apelidos”
Entrevista de Xoán Costa a Héitor Picallo en Nós Diario:
“Héitor Picallo (Cuntis 1974) é persoa ben coñecida para as leitoras e leitores de Nós Diario, pois elaborou para este medio o coleccionábel Galiza nas páxinas de Europa. Agora, desde a próxima terza feira, estará connosco para nos falar da Onomástica nacida da terra.
– Nós Diario (ND): En que consiste este novo coleccionábel?
– Héitor Picallo (HP): Consiste en 31 fascículos nos que pretendemos abordar, de xeito divulgativo, varias cuestións vinculadas a algo máis de 200 apelidos, todos eles cunha evidente relación toponímica. Por conseguinte, desde a onomástica (persoal ou dos nosos lugares) intentaremos facilitar etimoloxías, baseándonos nas investigacións de persoas doutas na materia: Gonzalo Navaza, Ana I. Boullón Agrelo, Clara Iglesias, Fernando Cabeza Quiles, Edelmiro Bascuas, Eligio Rivas Quintas, entre outras.
– ND: Son máis de dous centos os apelidos tratados. Como foi o proceso de escolla e con que criterios fixo a selección?
– HP: Non resultou moi sinxelo, pois buscabamos apelidos –con relación toponímica– que tivesen no noso país formas deturpadas ou castelanizadas. Ademais, quixemos adobialo con referencias históricas, quer dalgúns lugares citados quer dos antropónimos, na procura de datos curiosos e, ao mesmo tempo, daqueles que dean visibilidade ás mulleres deses tempos, agochadas tantas veces debaixo dun patriarca ou dunha elipse documental. Así as cousas, non pretendemos atopar o documento máis vetusto, senón o máis suxestivo. Noutras ocasións o apelido escollido era aquel que está en vías de desaparición, no que só existen un puñado de individuos –por veces menos de 10– que o usan nese momento, co agravante de que se vai colocado en segundo lugar –habitualmente o apelido materno– ten todas as cartas para esfarelar entre papeis, recordos e manuscritos: a nosa vida, a nosa identidade recollida en arquivos.
– ND: De todos eles, hai algún que lle mereza un comentario especial, pola forma, pola orixe, por algún portador ou portadora?
– HP: En todo apelido hai algo interesante agochado que se pode resaltar: o nome dun lugar, a vinculación cun personaxe histórico, unha evolución ilóxica –e incluso intencionada, como é o caso do apelido Arousa–, relacións etimolóxicas entre algúns deles –por exemplo entre Ameixeiras e Ameixenda– etc. Porén, sempre gustei da flexión de xénero que desde o Medievo até a Idade Moderna existía nalgúns apelidos e que hoxe só quedan, de forma residual, na oralidade. Refírome a casos como o antropónimo galego que de ser empregado por unha muller denominaríase galega. Así, nun mesmo matrimonio, existiría unha Constanza Barreira e un Xoán Barreiro, un Xosé Soliño e unha María Soliña… (…)”
Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura
Moaña: Navegar un mar de libros. Presentacións literarias co mar de fondo
Bouzas: Libros na Alameda, con Manoel da Costa
A Coruña: presentación de Diario da choiva, de François Davo
O Carballiño: presentación de As costas do alén, de Fernando Juan Morado “Cone”
Bases do II Certame de relato curto en igualdade Lonxa Literaria – Concello de Moaña
A Coruña: presentación de As mulheres da Casa da Bouça da roupa estendida, de Adela Figueroa Panisse
Manuel María conta xa cunha escultura en Vilalba
Desde Nós Diario:
“Un emotivo acto de homenaxe ao escritor chairego Manuel María serviu o pasado sábado en Vilalba para inaugurar de maneira oficial a escultura que sobre a súa figura realizou o canteiro José Gómez de Bernardo. A obra, doazón do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), quedou instalada ás portas da Casa de Cultura da vila á espera de que se atenda a reivindicación de poñerlle o nome do escritor a este equipamento.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; o historiador Felipe Senén; o escultor, José Gómez de Bernardo; e a viúva do poeta, Saleta Goi.
Marisa Barreiro, en declaracións a Nós Diario, afirma que “a petición de poñerlle o nome de Manuel María á Casa de Cultura segue en pé, non ten nada que ver coa doazón que fixemos da escultura”.
Barreiro conta que a reivindicación de poñerlle o nome do escritor á Casa de Cultura “naceu no 2004 e malia que se tentou en varias ocasións e non foi posíbel segue a ser unha proposta que seguiremos solicitando”.
A presidenta do Iescha lembrou que “semella que causa malestar o pensamento de Manuel María en relación á súa concepción do país e da súa defensa da lingua galega”.
Para Barreiro “non hai outra explicación do que está acontecendo cando era unha persoa que durante toda a súa vida tivo amizades de todo tipo na vila e sempre estivo para colaborar en todas as actividades que se lle achegaban” ademais de “centrar toda a súa actividade aquí, mesmo cando desprazou a Real Academia Galega até Vilaba cando entrou nesa institución”.
Por todo isto, desde o Iesche entenden que “hai unha débeda de Vilaba con Manuel María e non é xusto que aquí se lle negue cando noutros lugares non tivo problemas para que se lle puxera o seu nome a rúas ou instalacións”.”