“Decálogo da novela”, por Xosé Monteagudo

Desde Euseino?:
“Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Xosé Monteagudo. O autor de Todo canto fomos propón unha concepción do xénero novelístico como aproximación ao inesperado e ao descoñecido, a aquilo que o relato agocha e, debido a ese mesmo ocultamento, tamén axuda a albiscar. A perspectiva, o estilo e o conflito trazan na novela as marcas da singularidade. A novela asolaga a consciencia de quen le, invade tempo e lugar, subsume a realidade nesoutra realidade que é a ficción.
Nesta sección que coordina e edita Iván García Campos, en semanas vindeiras imos continuar publicando novos decálogos sempre escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

A novela como forma de vida
1) Carácter. Toda novela mostra sempre a personalidade de quen a escribe. No que conta e no que oculta. No que pon a énfase. Na perspectiva desde a que relata. Unha novela xorde por necesidade, para alumear algunha dimensión persoal. Ás veces, incluso contra a propia intención.
2) Lupa. A literatura máis grande é a que presta atención aos detalles máis pequenos. Incluso as novelas que relatan as historias máis coñecidas e universais valen só polo interese particular que lle outorgan aos eidos diminutos e insospeitados. Son os que lles confiren unha significación propia e celmosa. (…)”

Charo Pita obtén o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane

Desde o Concello de Malpica:
“O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu a obra titulada O cuarto de Jane. Aberta a plica, a autora da obra resultou ser Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral nada na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.
Na acta do certame consta que que “O cuarto de Jane, foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”. E engade que se trata dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”.
O xurado acordou, asemade, conceder un accésit á obra rascamaceiras, enviada por Laura Ramos Cuba. Nada en Burela en 1993, graduada en xornalismo e comunicación audiovisual, Ramos Cuba ten colaborado en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza, Adiante, Coralia ou Novas da Galiza. Foi coordinadora do Portal Galego da Língua e voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro A situación actual. É bolseira de comunicación no Parlamento de Galicia.
rascamaceiras, segundo di a acta do xurado, é un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.
O xurado desta edición estivo formado por Paco de Tano, poeta e Presidente de Caldeirón, Leticia Naya Varela, concelleira de Cultura de Malpica e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.
Neste acto ía ter lugar tamén a presentación do libro gañador do ano pasado, Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero. O libro, editado por Caldeirón xa está dispoñible nas librarías. Será presentado en Malpica, xunto coa entrega do premio e a prometida actuación do dúo Aldaolado en canto as circunstancias o permitan.
En canto ao libro premiado este ano e o accésit, ambos serán publicados por Caldeirón en 2021 na colección Illas Sisargas.”

Francisco Xavier Senín, Premio Nacional pola súa traxectoria de tradución ao galego

Desde Nós Diario:
Francisco Xavier Senín Fernández foi galardoado co Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deportes, que distingue así a súa “dilatada” carreira como tradutor ao galego, “a partir de obras de gran variedade temática e tipolóxica”.
O xurado do premio, que concede o Ministerio de Cultura, destacou como a obra de Senín abrangue desde clásicos como O Quixote a libros de literatura infantil e xuvenil, banda deseñada…
“As súas traducións destacan pola súa calidade e meticulosidade, nas que mostra un coñecemento pouco común das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego”, indica o fallo do xurado deste galardón, dotado con 20.000 euros.
O Premio Nacional á Obra dun Tradutor ten como obxecto distinguir o conxunto do labor realizado por un tradutor do Estado español, sexa cal for a lingua ou linguas utilizadas no desenvolvemento do seu traballo, e que dedicase especial atención á tradución de obras estranxeiras a calquera lingua do Estado español.
Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Ademais, foi impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega de O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001.
Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).
O filólogo, nacido en Pontecesures, encarna unha das figuras máis destacadas do panorama da tradución ao galego con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais, desde obras de gran popularidade como Astérix até clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.”

Anselmo López Carreira: “Sánchez Albornoz e Castelao representan visións contrapostas da historia medieval”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Con que obxectivo se publica este libro [O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria]? Como xorde?
– Anselmo López Carreira (ALC): Foi unha proposta que Isidro Dubert fixo a Xerais. É unha colección sobre a historia de Galicia e o noso libro é a primeira achega. Non é unha historia do reino de Galicia, senón un libro de divulgación sobre a existencia do propio reino e sobre o seu tratamento historiográfico, é dicir, sobre o seu esquecemento.
– ND: Ao comezo falan dunha polémica: Sánchez-Albornoz repróchalle a Castelao a súa castelánfobia e Castelao a Sánchez-Albornoz o seu excesivo castelanismo. Por que é significativa?
– ALC: Os dous representan visións contrapostas da historia medieval de Galicia. Castelao non é historiador: bebe do que escribiran Risco ou Vilar Ponte, pero ten claro que Galicia ten unha historia de seu e reivindica, a través dela, a nacionalidade galega. Sánchez-Albornoz é a versión historiográfica da Xeración do 98, moi castelanista.
– ND: Sánchez-Albornoz recoñece que se chamaba Galiza a todo o noroeste da Península e Modesto Lafuente que ao reino de Asturias se lle chamaba Galiza. Mais iso non muda nada…
– ALC: Ambos os dous recoñecen ese feito, pero en notas ao pé de páxina. Eles sabíano. As crónicas árabes chamaban a todo o noroeste Galicia, pero a historia oficial feita por Modesto Lafuente e despois por Sánchez Albornoz, xa no século XX e con máis fontes, opta por chamarlle reino de Asturias e reino de León.
– ND: A documentación, en realidade, é interpretábel, alén dos motivos ideolóxicos. Aparecen expresións moi distintas para definir os reis e os seus territorios.
– ALC: É interpretábel, si, pero os motivos ideolóxicos pesan moito. Cando se comeza a facer unha historia académica normativa, a mediados do século XIX, non hai aínda unha historia de Galicia. O traballo de Murguía e Vicetto chega despois. A historia de España herda unha interpretación que vén de moi atrás, do século XIII, relacionada coa unión do reino de Castela co de Galicia-León e co proceso de hexemonización de Castela.
Os historiadores do XIX traballan coas crónicas do século XIII, sobre todo as feitas na corte de Afonso X, ou coas do XIV e XV, que salientan a historia de Castela por enriba dos demais reinos. Non é así no caso de Catalunya e Aragón, que teñen unha historiografía de seu moi potente. Ademais, Galicia pasa a ser xa o territorio da Galicia actual: non é a antiga Gallaecia, que tiña a capital en León. Modesto Lafuente continúa a tradición historiográfica do século XIII, que era a que había. Sabían que houbera un reino de Galicia, pero para eles era un título baleiro de contido.”

Os Premios da Gala do Libro Galego 2020 terán formato virtual

“O 10 de novembro ás 12 horas tivo lugar, na sala circular do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, a presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12:00 desde a canle de Youtube da Gala.
Na presentación pública en rolda de prensa participaron por parte das entidades da organización, Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, quen agradeceu ás entidades colaboradoras o seu apoio e afirmou que “o importante é soster a Gala nun momento de emerxencia coma este, pois a lectura e o libro reveláronse durante o confinamento coma un salvavidas e isto debe sensibilizarnos na consideración do libro como ben de primeira necesidade”; Xosé Antón Pedreira Mirás, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, destacou a unidade das tres entidades do sector do libro organizadoras da Gala (AGE, AELG e FLG), e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, puxo en valor a visibilidade que ofrece a Gala ás obras literarias de autoría galega.
Por parte das entidades colaboradoras, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, foi a encargada de abrir e pechar o acto: “Celebramos os libros na nosa lingua e a lectura como sanación nestes difíciles momentos”, afirmou. Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, destacou o papel das administracións no seu apoio ao sector do libro: “Debemos arroupar o proceso creativo, o sistema cultural e literario galego”. Por motivos de axenda escusaron a súa ausencia as demais entidades colaboradoras na celebración do evento, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a entidade CEDRO.
A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o 9 de maio de 2020 e a organización do evento decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores ese mesmo día e adiar a Gala para o 21 de novembro, ás 12:00, en formato virtual desde a canle de Youtube da Gala.
Os Premios da Gala do Libro Galego están organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), contan coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Concello de Santiago e é unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (pódense consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Os membros do xurado sinalaron a altísima calidade das obras o que dificultou a elección final. Isto certifica o bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste intre particularmente difícil que atravesa a nosa sociedade.”

Recital na rede arredor do Premio Victoriano Taibo