Literatura nas ondas: Antonio Tizón

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Redondela:
“(…) Con Madriña Tizón pecha a súa serie Sánchez Pereiro cunha obra na que combina suspense, memoria e estética literaria dento dun xénero que el cualifica como “novela mulata”, na que vai máis aló da novela negra tradicional.
Unha novela de literatura galega contemporánea pensada para os amantes do misterio, da narrativa innovadora e da poesía integrada nunha trama familiar e criminal.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Isaac Lourido Hermida gaña o XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde Nós Diario:
“O profesor da UDC, escritor e crítico literario Isaac Lourido Hermida resultou gañador do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que deron a coñecer este sábado os mémbros do xurado, reunidos na Fundación Vicente Risco.
Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Antón Palacio Sánchez, da Universidade de Vigo; Felisa Rodríguez Prado, da Universidade de Santiago de Compostela, e Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco, en calidade de secretaria, desculparon a ausencia, por motivos persoais de Joaquim Vázquez Rodríguez, do Concello de Melide; César Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Manoel Carrete Rivera, do Concello de Castro Caldelas, tras considerar as valoracións dos traballos remitidas por todos os membros do xurado.
Nesta edición, destacaron o “alto nivel de calidade” das propostas achegadas, así como o cumprimento dos requisitos exixidos nas bases do premio por parte de todos os traballos. Con todo, o xurado decidiu outorgar por unanimidade XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ao traballo presentado baixo o lema Sobreviver na palabra escrita. A traxetoria intelectual de José Rubia Barcia que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Isaac Lourido Hermida.
O xurado valora desta obra “a rigorosidade e a profundidade analítica coa que explora o contexto histórico de José Rubia Barcia e a intelectualidade progresista durante a II República e o seu exilio”.
Segundo recolle a acta do premio, a obra asinada por Lourido Hermida “está feita con rigor, ben estruturada e lingüisticamente coidada”. Ademais o xurado valora as achegas documentais que proveñen dunha “pormenorizada pesquisa en fontes pouco accesíbeis e a adecuación formal do texto ás características do ensaio”.
Á vista da calidade e interese doutros traballos presentados a esta edición, o xurado considera facer unha mención especial ao traballo presentado baixo o lema Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, tras considerar “o interese desta obra para a valorización da memoria oral, do patrimonio transfronteirizo e polo traballo de campo”. Aberta a plica a autora deste traballo é Natalia Jorge Pereira, historiadora e investigadora do grupo Histagra da USC.”