Arquivos da etiqueta: Agrupación Cultural O Galo
Compostela: visita guiada ao Panteón Real da Catedral de Santiago, con Camilo Nogueira
“A
A. C. O Galo convídate a ti e acompañante/s (sempre que non pasen de 3) á visita guiada que realizará ao “Panteón Real” da Catedral de Santiago. Nel atópanse os enterramentos de raíñas como Berenguela de Barcelona (casada con Afonso VII de Galiza e León) ou Xoana de Castro (casada con Pedro I de Castela), de reis como Fernando II de Galiza e León, Afonso VIII de Galiza e León e IX de Castela, e infantes e aristócratas das máis relevantes casas nobiliarias, como Raimundo de Borgoña.
As explicacións correrán a cargo de Camilo Nogueira Román, quen leva anos traballando encol dos primeiros tempos do reino galego e é autor de O Reino de Gallaecia, un estudo publicado por Edicións Xerais de Galiza, sobre a nosa historia durante a alta idade media.
A visita é de balde, só poden asistir a ela 25 persoas con máis de 9 anos de idade e celebrarase:
Día: xoves, 12 de abril de 2018. Hora de comezo: 18:30 h.
Lugar de encontro: Porta das Praterías da Catedral de Santiago ás 18:20 h.
Cómpre anotarse antes do 10.04.2018 ás 22:00 h. en ogalo.ac@gmail.com especificando o nome e apelidos, DNI, email e número de teléfono. O email e teléfono non o require a Fundación Catedral de Santiago, demandámolo nos para avisar ás persoas que ocuparán a praza que deixen libre aquelas que, despois de anotarse, nos comuniquen que non poden vir, cousa que, en caso de acontecer, vos rogamos encarecidamente que fagades canto antes. Como é habitual teñen preferencia as/os socios/os da AC. O Galo.
A lista de asistentes cubrirase dacordo á orde en que a citada asociación reciba os e-mails de cantas/os soliciten participar nesta 3ª visita guiada de balde, que neste ano 2018 organiza ao Panteón Real.”
Compostela: presentación de Rebeldía galega contra a inxustiza
Compostela: Tardes de domingo, de Ramona Giráldez Domínguez
Compostela: presentación de Maruxa Boga. Recordando a Galicia
“O poeta da lingua de ouro”
Artigo
de Tamara M. Pastoriza en Sermos Galiza:
“Aos 101 anos do seu falecemento, a Asociación Cultural O Galo de Compostela organiza unha homenaxe ao poeta Eduardo Pondal. Será esta sexta feira, ás 19:30 horas, no Museo das Peregrinacións. O profesor e escritor Carlos Callón disertará sobre o significado político e literario do autor do Himno Galego.
“Tiña unha gran capacidade para crear un mundo mítico a partir da realidade, ás veces precaria, que o rodeaba”, sinala Callón. A maiores, salienta a procura pondaliá dun galego culto, daquela “un rexistro inexistente”, e a súa tendencia cara ao monolingüismo: “Comeza a escribir en español, logo pasa ao bilingüísmo e remata escribindo toda a súa literatura en galego”. Célebre é a súa sentenza “déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro”.
Segundo Callón, o creador de Queixumes dos pinos (1886) -unha das obras fundamentais do Rexurdimento- é un espello para as xeracións posteriores. “Marca un camiño importante cara á recuperación da soberanía cultural do país”, subliña. Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917) procedía dunha familia acomodada e puido dedicar a súa vida á escritura: “Era canto menos raro que un home que vivía de rendas constituíse a escrita en galego como eixo da súa vida, a súa razón de ser”.
O poeta vixiaba a súa obra con atención. De feito, lembra Carlos Callón, estaba obsesionado coa posibilidade de que lle roubasen as súas composicións. “Visto agora con perspectiva, como podía estar tan obsesionado con que lle roubasen poemas nunha lingua prohibida?”, pregúntase.
No acto tamén participará a Coral Solfa, interpretando Os Pinos e outras pezas de grandes autores da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Ramón Cabanillas.”
Compostela: Homenaxe a Eduardo Pondal, coa participación de Carlos Callón
Santiago: presentación de Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral
O
martes 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraria Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago e Compostela, preséntase Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral, banda deseñada cun texto do xornalista Henrique Sanfiz e deseños do debuxante Carlos Sardiña, coa presenza dos seus autores, nun acto organizado pola A. C. O Galo.
Compostela: presentación de Os nomes do terror
“O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao”
Desde
Sermos Galiza:
“Malia a chuvia, foron perto de dúas centas as persoas que asistiron á convocatoria da federación Galiza Cultura, da A. C. O Galo de Santiago e da A. C. Vagalumes da Estrada para ascender ao Pico Sagro e rememorar así o Alba de Groria de Castelao. Unha actividade de marcado carácter reivindicativo que ten lugar desde 2011 e que recupera a subida á montaña, fonte de numerosas lendas e contos populares, de Castelao e outros membros das Irmandades da Fala, en plena ditadura de Primo de Rivera.
Castelao e os membros das Irmandades que aquel 19 de xullo de 1924 coroaban o Pico Sagro “coñecían os mitos asociados a este cume e entendían que a lenda da raíña Lupa, recollida no Códice Calixtino, aínda con todos os seus elementos fantásticos, o que simboliza é a historia, ou mesmo a prehistoria, da nosa nación”, explicou na súa intervención a escritora Marica Campo, a encargada de dar lectura ao manifesto de benvida na chaira da capela deste monte. Unha intervención de marcado carácter literario.
“Cando a montaña é un símbolo”, salientou, “o que importa é a ascensión, a tensión de avance”. “Convídovos a subir ao Pico Sagro, símbolo o seu cumio dos soños do país. Coroalo e coroalos. Agarrando a bandeira, coma funambulistas na corda frouxa, para non perder o equilibrio, para entendermos desde a perspectiva histórica a conexión co futuro”, agregou.
Marica Campo lembrou como as citadas asociacións “pretenden reavivar aquel espírito de outrora para reivindicar que temos que recuperar os nosos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da dereitos nación que somos” e apelou a que “nada nin ninguén nos coute o ascenso”. “Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós. É tempo de chegarmos ao cumio”, finalizou a escritora, cuxa intervención completa está dispoñíbel en Sermos Galiza.
En declaracións a este medio, María Pilar García Negro, presidenta de Galiza Cultura, sinala que a subida ao Pico Sagro, un símbolo do nacionalismo galego desde o citado ascenso de 1924, é “un prólogo á celebración do Día da Patria Galega”. “Desde Galiza Cultura e as asociacións O Galo e Vagalumes, temos todo o interese en resgatar datas significativas da nosa historia e sempre cun espírito non unicamente de recordación, senón de reivindicación e modernización, entendendo por tal que toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case cen anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor”, afirma. (…)”





