Betanzos: presentación de Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro

OFrancisco Castro 2016 luns 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa Xabier López López.

Entrevista a Francisco Castro en Zig-zag

DesdeFrancisco Castro 2016 o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Francisco Castro, autor de Amor é unha palabra coma outra calquera, publicado en Galaxia. A novela ten como protagonista a Carla, unha rapaza que organiza a súa vida arredor do amor. A entrevista pode verse aquí.”

Francisco Castro desmonta o mito do amor romántico

DesdeFrancisco Castro 2016 A Revista da Televisión de Galicia:
Francisco Castro é o autor de Amor é unha palabra coma outra calquera, unha novela de amor contra o amor. Nela busca desmontar o mito do amor romántico. Transcorre en tres días en que a protagonista se enfronta a si mesma, á morte e revisa a vida pasada co seu home. Desde que chegou ás librerías está a ter moi boa a acollida, o 9 de marzo preséntase en Compostela. A entrevista completa pode verse aquí.”

Taboleiro do libro galego XLI (febreiro de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis velaquí a nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás trece librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Librouro e Cartabón de Vigo; Airas de Allariz; Paz de Pontevedra; Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Trama de Lugo; Suévia da Coruña; Pedreira de Compostela, Cronopios (Santiago e Pontevedra) e Moito Conto, da cidade da Coruña, que se incorpora desde agora a este proxecto e a quen lle damos a nosa benvida.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
2º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
3º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
4º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
5º-. Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, Galaxia.
6º-. Manuel Portas, Lourenço, Xograr, Galaxia.
7º-. Alberto Fortes, O dobrón de a oito, Xerais.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Héctor Cajaraville, De remate, Xerais.
10º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.

POESÍA
1º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
2º-. María do Cebreiro, O deserto, Apiario.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Manuel María, Terra Chá, Fundación Manuel María.
5º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
6º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
7º-. Tamara Andrés, Nenaespiraes, Medulio.
8º-. Silvia Penas, Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, Fervenza.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, autoedición.
2º-. J. A. Gurriarán, As mulleres do monte, Galaxia.
3º-. Manuel María, Farsa de Bululú, Xerais.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
5º-. Pere Tobaruela, Formig4s. Misión Barcelona, Xerais.
6º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
7º-. Antonio Manuel Fraga, Tártarus, Xerais.
8º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
2º-. Munro Leaf e Robert LawsonA historia do touro Ferdinando (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
3º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
4º-. Manuel María (ilustracións de Xaquín Marín), O bigote de Mimí, Fundación Manuel María.
5º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
6º-. Anna Llenas, O Monstro de Cores, Flamboyant.
7º-. María Canosa (ilustracións de Nuria Díaz), Rubicundo, Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Troula Animación, Uxía Lambona e a Banda Molona.
3º-. Manuel María-Suso Vaamonde, Os soños na gaiola, autoedición.
4º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Carmen Gil/Mamá Cabra, A bruxa Discordia, Galaxia.
5º-. Cé Orquestra Pantasma, Fíos do querer, Miudiño.

BANDA DESEÑADA
1º-. Luís Davila, O bichero V, Edición do autor.
2º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
3º-. Jacobo Fernández Serrano, Marcopola 3, Xerais.
4º-. Francisco José Abelleira (debuxo/cor: Pedro J. Colombo, Víctor Rivas, Beatriz Iglesias e Sagar Fornies), Abastos, Pintamonas.”

Entrevista a Francisco Castro arredor de Amor é unha palabra coma outra calquera

EntrevistaFrancisco Castro 2016 a Francisco Castro na Cadea SER:
“Entrevista no programa Hoy por Hoy Vigo da Cadea SER ao escritor Francisco Castro que nos presenta o seu novo libro titulado Amor é unha palabra coma outra calquera, publicado en Galaxia.”

Francisco Castro: “A miña novela non defende o amor a calquera prezo”

EntrevistaFrancisco Castro 2016 a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O título [Amor é unha palabra coma outra calquera] denota incredulidade. ¿Fala de desamor?
– Francisco Castro (FC): Falamos de un tema que tradicionalmente na cultura occidental se sobrevalorou. Esta é unha novela contra o amor romántico, o amor dos boleros. É, polo tanto, unha novela en defensa do amor grande, pero non do amor a calquera prezo.
– LVG: ¿O outro é machismo?
– FC: Efectivamente, eu estou convencido que o amor romántico é unha das moitas estratexias da cultura machista e do falocentrismo para o dominio das mulleres. É dicir, a muller a que se lle aprende que só vai ser unha muller completa se lle vén un príncipe que a trate coma unha princesa. É unha estratexia de dominación.
– LVG: ¿Que fai un cadáver nunha trama de denuncia social?
– FC: Porque é unha novela con aires detectivescos. É unha novela dunha muller que é abandonada polo seu home logo dunha vida de entrega absoluta pola súa parte, e despois de ser abandonada, vese ensarillada nunha morte estraña dunha persoa achegada. Vaise ver envolta nunha investigación xudicial. (…)
– LVG: ¿Como consegue o equilibrio entre o ameno e a denuncia?
– FC: Imaxino que ten que ver coa propia concepción que teño da literatura. Os que temos a fortuna de escribir e que nos lean, tamén temos a obriga de poñer o noso «talento» ó servizo do noso tempo. A min non me abonda sen máis escribir unha historia de puro entretemento. Si ten que ser entretida e trepidante a historia, pero creo que ten tamén que servir para poñer o foco naquelas parcelas da realidade que nos desagradan, e mostrar camiños alternativos polos que todo podería transitar mellor. (…)”

Francisco Castro: “Eu tamén tiven que sacar a mochila do amor romántico”

EntrevistaFrancisco Castro 2016 a Francisco Castro en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Chega esta novela [Amor é unha palabra coma outra calquera] nun momento no que parece imprescindible desmontar o mito do amor romántico, ¿non? Sobre todo cando as estatísticas sobre as relacións entre os máis novos revelan que volvemos cara atrás.
– Francisco Castro (FC): Sempre houbo un fracaso amoroso, poderiámolo dicir así. Edúcasenos en matemáticas, edúcasenos para saber o que é un complemento circunstancial de modo, pero non se nos educan as emocións. Como moito organízanse cursos para previr as enfermidades de transmisión sexual, pero non se educa nas emocións. Neste momento a mala educación amorosa chegou a límites moi preocupantes con rapazas que entenden que é unha mostra de amor que o mozo lles pida as claves do móbil, que as controle a través das redes sociais, que lles pregunte por que aceptan a tal amigo no Facebook… Temos un problema que logo desemboca en violencia de xénero. O libro ten, como xa pasa noutras obras miñas, unha voz narradora moi potente. O narrador, que son eu, métese no medio a reflexionar sobre estas cousas e a interpelar as mulleres e os homes para que nos liberemos da burbulla do amor romántico e nos impliquemos na defensa do amor grande. O estado perfecto é o do namoramento, pero non a calquera prezo.
– DP: Dixo nalgunha entrevista que a literatura para vostede é luz, aire que respira e toda a súa vida, porque non só é escritor, senón tamén editor en Galaxia e, ademais, imparte obradoiros de literatura.
– FC: Sempre digo que son un home absolutamente afortunado por poder estar, vivir e ser nas palabras. A miña existencia desde que empeza o día ata que remata gravita arredor dos libros, da lectura, da edición, da escrita… Iso é o que me configura. Levo 22 libros e quen me coñece sabe que son 22 obras nas que estou espido por completo. Non me vale sen máis facer unha trama, senón que dalgunha maneira quero manifestarme a través da trama. A literatura sálvame a vida, e dáme vida. (…)”
– DP: Como ve o panorama da literatura galega hoxe?
– FC: Véxoo glorioso. A literatura galega é unha literatura fantástica, moi creativa. Non é mellor que outras do noso entorno, pero tampouco é peor. Temos neste momento autores e autoras cada vez máis recoñecidos. O bo é que as escritoras e os escritores galegos non nos diferenciamos para nada do resto das escritoras e escritores doutras linguas da cultura occidental. Falamos e escribimos das mesmas cousas. Por iso tamén nos traducen cada vez máis. Nese sentido o panorama véxoo moi ben.
– DP: Daquela en Galicia hai moito talento, moi bos escritores, pero o que non hai é mercado?
– FC: O que nos falla é o país. É durísimo o que estou dicindo, pero é así. Un vai a Cataluña, colle o xornal e le a carteleira de cine e verás que todos os días hai dúas ou tres salas que emiten películas dobradas ó catalán. E estamos falando das películas de Hollywood. O señor Scorsese ou Leonardo Di Caprio, ou quen sexa, saben que cando unha película chega aquí ten que facer a dobraxe en catalán. Os grandes best sellers que se publican en España publícanse ó mesmo tempo en catalán e en castelán. Falamos de miles e miles de exemplares porque hai un país detrás que o consume. Iso non nos pasa a nós. É terrible que os escritores e escritoras galegos sexámolo no noso tempo libre. Que como no meu caso teñamos que roubarlle horas ó sono, as vacacións ou á familia. E, malia todo iso, prémiannos fóra e dannos o recoñecemento das traduccións. É realmente un milagre. (…)”