Arquivos da etiqueta: Ana Acuña
Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (e IV)
A
IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Presentación da conferencia de Ana Acuña, por Isidro Novo.
– Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular, por Ana Acuña.
– Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría, con Ana Acuña, Pablo Vaamonde e Isidro Novo.
– Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna, con Carmen Prado Penas, María Moure Oteyza e Antonio Reigosa.
María do Cebreiro, Blanca Roig, Uxía, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico, Alberte Pagán e Artesáns da Pesca, Premios da Crítica Galicia 2016
No
Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar do sábado 19 de novembro o ditame da trixésima novena edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
O Deserto de María do Cebreiro, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Acuña Trabazo, crítica, profesora UDV; Dolores Vilavedra, crítica, profesora USC; Teresa Seara, crítica, profesora UDC; Malores Villanueva, crítica; Marta Neira Rodríguez, crítica, profesora UDV; David Otero Rodríguez, escritor e Afonso Vázquez Monxardín que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo (Xerais), O Deserto de María do Cebreiro (Apiario) e O último día de Terranova de Manuel Rivas (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro O Deserto, editada por Apiario.
O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”.
Historia da literatura infantil e xuvenil galega de Blanca Roig, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Pena, escritor, gañador da edición anterior; Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía de Galicia, catedrático da UDC; Celia Vázquez, profesora da Facultade de Tradución da UDV; Marilar Jiménez Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias da USC; Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo; Ramón Lourenzo, catedrático da USC, e Modesto Hermida García, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ás obras Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda (Xerais); Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais) e Juan Rof Codina, de Diego Conde Gómez (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais).
O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”. Sigue lendo
Lugo: IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional
Organizan: a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, a AS-PG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo.
Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 12 de novembro de 2016
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 h. e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8, 27001, Lugo)
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula, se procede: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na www.as-pg.gal, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.
Matrícula: desde 14/10/2016 até 10/11/2016 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG:
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
Todo o que dicimos ou facemos ten consecuencias para nós e para os que nos rodean. O que dicimos ou facemos ás veces alivia ou cura, outras causa mal, desde pesadelos ata graves enfermidades. Para exercer esta capacidade de influír para ben ou para mal en nós ou en quen nos rodea precisamos coñecer o que temos arredor. Como funciona, quen o goberna, quen ou que, en cada caso, nos pode asistir.
A enfermidade é a peor das situacións imaxinables que pode padecer un ser humano ou a fauna da que depende o seu sustento.
O conxunto de artes, remedios, ritos e prácticas que vimos denominando medicina popular tradicional son o vademecum da saúde, o prontuario que todo ser humano debía coñecer nas sociedades tradicionais, para algúns precientíficas, para non morrer no intento.
Había, e aínda hai, especialistas, homes e mulleres con capacidades e coñecementos especiais (curandeiros, sabios e sabias, menciñeiras, esconxuradoras, pastequeiros…) para atender os casos máis graves. A eles e aos nosos devanceiros do común, que tamén sabían e non tiñan SERGAS nin hospitais, debémoslles o que temos de principal: a vida.
10:15 h. Recepción, entrega de material e inauguración.
10:30-11:30 h. Conferencia: Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular.
María Moure Oteyza
Desde o coñecemento empírico ao científico. As plantas posúen propiedades beneficiosas para a nosa saúde, pero hai que coñecer cales son os seus efectos e as doses axeitadas.
11:30-12:30 h. Conferencia: A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade.
Ana Lois
As culturas tradicionais tiñan perfectamente estruturada a transmisión de coñecementos e saberes.Agora só uns poucos individuos saben e poden transmitir; e o que aínda é máis grave: moi poucos estamos en condicións de escoitalos e entendelos.
12:30-14:00 h. Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura.
María Moure Oteyza e Ana Lois. Coordina: Antonio Reigosa
A curiosidade é a chave que abre as portas do saber. E o saber é un proceso, unha experiencia, precisa dunha metodoloxía e dunha predisposición para comprender as claves da nosa cultura popular.
16:00-17:00 h. Conferencia: A medicina popular en Galicia.
Pablo Vaamonde
A medicina oficial actual mira de esguello os métodos tradicionais de curación. Agora, coa atención médica universalizada, aínda hai persoas que recorren aos menciñeiros de sempre. Por que?
17:00-18:00 h. Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular.
Ana Acuña
Xunto aos nosos actos sempre está a palabra, que forma parte do rito. O que dicimos, cando e como sempre foi parte fundamental do acto de curar. A palabra é, pode ser, unha medicamento máis ao noso alcance.
18:00-19:30 h. Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría.
Pablo Vaamonde e Ana Acuña. Coordina: Isidro Novo.
A nosa cultura popular tradicional era un sistema harmonizado que foi substituído por outro considerado máis efectivo. Mais, cando a enfermidade non atopa remedio, todo se cuestiona.
19:30-20:30 h. Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna.
Carmiña Prado Penas
Descubrir que na nosa contorna hai plantas que teñen unha longa historia como remediadoras das doenzas humanas pode sorprendernos. Aínda hai persoas que as coñecen e que saben como usalas.
Obxectivos
– Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
– Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
– Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
– Información sobre a presenza dos tema da medicina popular tradicional en relación coa na literatura popular galega de tradición oral.
– A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
– Formas e xéneros sobre os remedios, prácticas e ritos curativos na cultura popular galega.
– A presenza da saúde e os remedios no folclore musical tradicional.
– A evolución histórica do tratamento destes temas na nosa sociedade.
Contidos
– Saberes, remedios e ritos da medicina popular tradicional relacionados coa curación de animais e persoas.
– Identificación e usos de plantas para curar segundo a medicina popular tradicional.
– Receitas tradicionais para a elaboración de apócemas curativas.
– Características e singularidades dos curandeiros/as tradicionais. As formas de transmisión dos seus coñecementos.
Metodoloxía
– Análise e contextualización histórica dos temas da saúde e a enfermidade na literatura de tradición oral.
– Posta en común desde a óptica de diferentes especialidades e sensibilidades sobre os prexuízos e censuras sociais que afectan á saúde e á enfermidade.
– Coñecer os xéneros, tipos e motivos dos relatos que tratan o tema proposto na xornada.
– Achegarse ao coñecemento dos comportamentos da nosa sociedade tradicional en materia de remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional a través das expresións literarias orais.
Pontevedra: presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás
Compostela: Simposio Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931), do 17 ao 19 de novembro
Pontevedra: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín
O
luns 26 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, Rúa Don Filiberto, 9- 11), da man do Ateneo de Pontevedra, Isaac Xubín presenta Non hai outro camiño, publicado por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Xaime Toxo, Ana Acuña e Anxo Angueira.
Boiro: acto de homenaxe no centenario de Raimundo García Domínguez, Borobó
Pontevedra: presentación de O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez
O
xoves 14 de xullo, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, Luís Rei Núñez presenta O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Museo e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Xosé Enrique Acuña, Ana Acuña, Xaime Toxo e Manuel Bragado. Durante o mesmo, lerán textos da obra Fina Casalderrey como Virxinia e Xosé Álvarez Castro como Castelao, con acompañamento musical de Óscar Ibáñez.
Premios Pedrón para Carmen Mejía e o coro Cántigas da Terra
Desde Sermos Galiza:
“O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identidade na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Baldomero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12:30 horas.”









