Mondariz: Serán das Letras 2024

Salvaterra: 35 Festival da Poesia no Condado

A Coruña: II Festival Amergin de Poesía Atlántica


“O sábado 1 de xullo a AC Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, organizan a grande FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA para establecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa.
O poema fundacional da literatura irlandesa, Manifesto, ou canción, de Amergin (Song of Amergin), ten unha estreita relación con Galiza. Segundo a mitoloxía gaélica, Amergin, o seu autor, procedía do clan milesian de Breogan, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, ligados a nosa cidade e aos nosos heroes mitolóxicos, como é o Breogán. Os Milesios, segundo a lenda recollida no Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, chegaron a Irlanda procedentes do noso país centos de anos antes da nosa era.
Eu son o vento mareiro
Eu son o golpe de mar
Eu son o océano que brúa
eu son o cervo dos sete combates
Eu son o falcón no cantil
Eu son a pinga que escintila na alborada.
… Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.
Para a mitoloxía irlandesa, para a poesía irlandesa, é o poema fundacional da súa literatura.
Amergin, personaxe lendario, tamén coñecido como Amhairghin Glúngheal, foi un dos fillos de Míl Espáine, druida, filidh e xuíz dos Milesios, identificados dentro da mitoloxía irlandesa como os primeiros habitantes gaélicos de Éire. Segundo este mito, os Milesios chegaron a Éire desde a nosa cidade, para vingaren a morte de Íth, fillo de Breogán. Este guerreiro fora enviado á illa para explorala e foi asasinado por tres dos Reis dos Tuatha Dé Danann, seres divinos e antigos habitantes de Éire. Ao chegar á terra e pisar por primeira vez a Illa, Amergin entoou un himno, coñecido como A canción de Amergin. Hoxe Amergin dá nome ao Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses, da Universidade da Coruña, e é un símbolo que alude á relación histórica entre Galiza e Irlanda, illa na que se teñen organizado diversos eventos en recordo desta lenda.

Festa final
Ás 21 horas tera lugar o acto final desta festa. Farémola desde as nove da noite do sábado 1 de xullo até o momento da posta do sol na praia do Areal (As Lapas).
A música poñeraa o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a cantante Belém Tajes.
A poesía comezará coa lectura da Canción de Amergin en galego por Manuel Rivas, e en gaélico por Anthony Quinn, e a continuación a lectura de poemas, con Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandín, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro.
Non só o música e a poesía construirán a festa, tamén as artes plásticas, Correa Corredoira, Deseño efémero na area; Pilar Silva, coa pintura, Roberto Castro, deseño e pintura. E a fotografía correrá a cargo do Colectivo Ollo de Vidro.
Ás 22.16 horas, celebraremos o solpor con música de gaita para despedir o día.
As outras actividades da II Festa Amergin da Poesía Atlántica
As actividades da II FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA comezarán o venres dia 30 de xuño, no local da AC Alexandre Bóveda, rúa de Santo André, nº 36, 1º, cos maiores expertos en literatura irlandesa, e continuarán o sábado 1 de xullo na contorna da Torre de Hércules e na praia do Areal.

Día 30 de xuño, venres:
Ás 19:00 – AMERGIN: PONTE DO PATRIMONIO CULTURAL ENTRE A GALIZA E IRLANDA. Palestra con Mónica Vázquez Pozo (O´Reilly), Ph.D. Estudos Literarios.
Ás 20h – Mesa redonda: POESÍA E NATUREZA EN AMERGIN con:
Antonio Sandoval, escritor e naturalista.
Anthony Quinn, periodista e novelista irlandés.
David Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC.
Antonio de Toro, Profesor Emérito da UDC.
Día 1 de xullo, sábado:
19:30 – Roteiro arredor da Torre guiado por Antonio Sandoval, coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. Este roteiro ten prazas limitadas. Cómpre anotarse na web de ACAB.”

Ponteareas: presentacións de libros en abril de 2023