Arquivos da etiqueta: Antía Yáñez Rodríguez
Ourense: presentación de O clan das barbies, de Antía Yáñez
A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2024
Miño: III Feira da Cultura En Camiño
Claudia Pérez, Luca Chao e Manuel González Seoane gañan o VII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal
Desde a Real Academia Galega:
““Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. O segundo premio é para Luca Chao (1988), que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta cun texto titulado “Esperanza” coa guerra como escenario non nomeado; e “Herdanza”, un conto sobre os conflitos familiares presentado por Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña, mereceu o terceiro.
O xurado composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a académica correspondente Olga Castro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a escritora Antía Yáñez, membro do comité de redacción da revista Luzes, elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira.
Da historia de Claudia Pérez González, profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.
O texto máis breve dos premiados na categoría de adultos, con 88 palabras, é “Esperanza”, unha reflexión arredor da guerra sen mencionala que lle valeu un novo galardón neste concurso á luguesa Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final.
Canto a “Herdanza”, escrito polo mestre xubilado Manuel González Seoane, o xurado destacou a “sorpresa final moi ben administrada” dunha historia que “evidencia os conflitos que marcan as familias, ás veces por cousas moi cativas”.
O xurado escolleu ademais como un dos contos finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira, do que chama a atención a súa capacidade de non normalizar a guerra; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce, do que subliña o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.
Na modalidade de 12 a 17 anos, o coruñés Jacobo Pérez Criado (2007), a luguesa Mencía Ferreiro García (2007) e Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela, foron distinguidos co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Así o decidiu o xurado que avaliou os case 500 textos presentados nas categorías de persoas menores de idade, integrado nesta ocasión polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.
Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño. O xurado elixiu ademais como finalistas xuvenís senllos relatos de Paula García Villar (Lestedo, 2008) e do veciño de Tomiño Brais González Vázquez (2007); e como finalistas infantís, unha historia do compostelán Pedro Novais Méndez (2012) e outro conto de Mariña Abollo Aneiros.
Todos os relatos premiados poderán lerse nunha edición dixital que se difundirá nas páxinas web da RAG, de PuntoGal e do concurso (relatos.gal) o día da entrega dos galardóns. As nove historias galardoadas e mais as finalistas publicaranse ademais na edición en papel de Luzes.”
Lugo: actividades do 13 de maio na Feira do Libro 2024
Antía Yáñez gaña o XXXIII Certame de Narracións Breves Manuel Murguía do Concello de Arteixo
“Antía Yáñez, por As Regras, é a gañadora da XXXIII Edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía.
Clara Isabel Rodríguez por As pequenas guerras (terceiro premio) e Óscar Reboiras por Eivas (segundo premio) foron os finalistas.
O acto de entrega contou coa presenza do escritor Henrique Rabuñal e o trompetista Pablo Muñiz e a actuación estelar de Paty Lesta e Cristian Leggiero.
Houbo, igualmente, unha homenaxe a Luísa Villalta, coa colaboración da violinista Nuria Naya.
No acto de entrega contouse coa presenza do xurado, e en nome do mesmo Tensi Gesteira leu a seguinte valoración:
«Nesta 33ª edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía o xurado desexa valorar positivamente a calidade das obras presentadas, nas que se abordan moitas temáticas de interese social e cultural, e con moita riqueza estilística e formal.
No relativo aos relatos premiados neste ano, queremos avanzar que tratan temas de relevancia social desde un enfoque pouco habitual, o que repercute na sensación de orixinalidade das obras. Neste sentido, traén-nos a voz de vítimas da violencia e da precariedade social, conseguindo xerar unha empatía que leva as lectoras e os lectores a unha reflexión profunda e positiva sobre os dilemas expostos. Ao tempo, figura o sentido do humor como un recurso de contraste con diversas situacións de opresión, o que fornece un recurso literario de indudábel valor, á par de estruturas accionais ben resoltas e personaxes ben construídas que dan en obras de incontestábel solidez.»”
Arteixo: entrega de premios do 33º Certame de narracións breves Manuel Murguía
Finalistas do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
“Reunido o xurado do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 10 de maio, venres, ás 19:30 no auditorio do Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2024 ás 10 horas en dependencias do Concello de Arteixo, decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
– As guerras pequenas, presentada baixo o lema “Chichabel” e con autoría de Clara Isabel Rodríguez Giráldez;
– As regras, presentada baixo o lema “Cardeñoso” e con autoría de Antía Yáñez Rodríguez;
– Eivas, presentada baixo o lema “Isaac Ferguson” e con autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
No acto de entrega contaremos coa presenza do xurado, quen fará unha valoración sobre as obras premiadas así como sobre a presente edición do Certame. Eis un avance:
“O xurado valora que nesta edición se teña contado cun grande número de relatos de calidade. Tamén quere resaltar unha importante heteroxeneidade de estilos, a variedade dos temas a tratar e a orixinalidade no tratamento dos mesmos.”
Ademais contaremos con outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Paty Lesta, unha lembranza da escritora Luísa Villalta (autora homenaxeada no Día das Letras Galegas) e un viño de honra ofrecido polo Concello de Arteixo.”