


Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “SOÑA TIFÓNS UNHA NEANDERTHALENSIS NA BOCA DA PANTERA” impartido por Antón Blanco Casás, gañador do XVI Certame de poesía Victoriano Taibo. O obradoiro, de carácter gratuíto, constará de seis sesións presenciais que se desenvolverán os sábados 25 de xaneiro, 15 de febreiro e 15 de marzo de 2025 en sesións dobres de mañá (de 11 a 14 h) e tarde (de 16 a 19 h) na sede do IEM en Gondomar. O prazo de inscrición comezará este xoves 5 de decembro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.
Preténdese que as/os asistentes poidan crear novas composicións ou incluso mellorar as que xa teñen, mediante o análise e uso das técnicas que levaron a Antón a vencer na última edición do xa senlleiro certame miñorán.
O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro sirva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.
As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte https://forms.gle/xrKMtgrCrTv8dKS59 ou no código QR anexo. O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil.”
Desde Galaxia (foto da propia Editorial Galaxia):
“Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.
O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate de Editorial Galaxia. O acto de entrega do premio e a presentación do libro, celebrarase no mes de marzo de 2025, no cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, o gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.”
Artigo de Ana G. Liste en Praza:
“Dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista, profesora e poeta. Os vindeiros meses permitirán unha achega profunda á figura de Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) con motivo da escolla da Real Academia Galega da celebración en 2024 do Día das Letras Galegas na súa honra. A coruñesa é a sexta muller na listaxe de figuras homenaxeadas desde que esta festividade –na que tivo moito que ver o actual homenaxeado, Francisco Fernández del Riego– comezou con Rosalía de Castro (1963). Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021) son as únicas mulleres que foron destacas nos seguintes 59 anos.
Imos mirar cara a Luísa Villalta desde as perspectivas de quen escribe poesía hoxe. Isto é un primeiro achegamento, dos outros moitos que virán nos vindeiros meses, a unha artista que vai lograr levar de volta a celebración das Letras á rúa, como xa conseguiron Lois Pereiro en 2011 e, máis recentemente, Xela Arias. Achegámonos á faceta como poeta da que xa foi ‘Señora das Letras’ o ano pasado da man de Antía Otero, Silvia Penas, Oriana Méndez, Nuria Vil, Arancha Nogueira e Antón Blanco. Miramos e escoitamos, pois este texto vai acompañado de varios poemas da autora recitados para as lectoras e lectores de Praza.gal. (…)”