Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello

O Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Rianxo e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.

As historias no espello

Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Víctor F. Freixanes.

10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, a celebrar os sábados:
8, 15, 22 e 29 de setembro
6, 13, 20 e 27 de outubro
10 e 17 de novembro

Terá lugar nas aulas do Auditorio de Rianxo (como chegar).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude no teléfono
981 100 688

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Antón Riveiro Coello fálanos do Obradoiro de creación literaria da AELG en Rianxo

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As historias no espello. Antón Riveiro Coello fálanos do Obradoiro de creación literaria da AELG que impartirá en Rianxo. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Podcast de Chamando á Terra, 19 de maio de 2018

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Nova emisión do programa dirixido por María Solar. Conversa con Diego Ameixeiras sobre A crueldade de abril, e co debutante Abel Tomé con A noite do corvo. A nosa colaboradora Malores Villanueva recomendaranos A ferida do vento de Antón Riveiro Coello. E Alba Cid a poesía de Antón Lopo en Corpo e Ana Romaní en Estremas. E aínda dará tempo de oir un “cachiño” de A vaca dixo muá de Gloria Sanchez.
Esperámoste! Pode escoitarse aquí.”

Obras gañadoras dos premios Martín Sarmiento 2018

Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Os premios Frei Martín Sarmiento, que chegan este ano á súa décimo cuarta edición, recoñecen obras literarias en galego seleccionadas polo alumnado e as familias dos centros educativos de Escolas Católicas. Máis de 2500 estudantes leron as novelas finalistas e emitiron o seu voto para seleccionar as gañadoras.
O favor do alumnado que participou como xurado recaeu este ano en Luís Prego por Xogos musicais (categoría de infantil), Ánxeles Ferrer por O sombreiro do mago (primeiro e segundo de primaria), Helena Villar Janeiro por Contos do sol e da lúa (terceiro e cuarto de primaria), Xoán Babarro por Hilario e os tres medos (quinto e sexto de primaria), Francisco Díaz Valadares por Tras a sombra do bruxo (primeiro e segundo de ESO), Miguelanxo Prado por Presas fáciles (terceiro e cuarto de ESO) e Antón Riveiro Coello por A ferida do vento (bacharelato e adultos). (…)”

Rianxo: presentación de Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, de Xosé Ricardo Losada