IV Encontros Cidade da Coruña: Ser Escritor, Ser Escritora

Do mércores 30 de marzo ao venres 29 de abril, os Encontros Cidade da Coruña chegan á sua cuarta edición co lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega.

Teremos oportunidade de asistir a catro conferencias, todas no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) ás 20:00 h.:

Mércores 30 de marzo: Ser Escritora e Africana, Ana Paula Tavares
Mércores 6 de abril: Creación, Lingua e Identidade, Mariasun Landa.
Mércores 13 de abril: Vagar nos lindes. Tirar da pel, Ana Romaní.
Venres 29 de abril: Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, Antonio Gamoneda.

Ser escritor/escritora significa un determinado xeito de se realizar na escrita.
Ser escritor/escritora significa unha forma de asumir publicamente unha voz que pregunta, cuestiona, compromete e ofrece á sociedade aquela perspectiva alternativa ou mesmo oculta.
O ser do escritor/escritora non obedece ás convencións ou imposicións alleas ás súas conviccións -coas que busca no inexplorado do ser humano-, co que se comunica co ser dos outros, co que coñece o propio ser.
Ser escritor/escritora é ser voz e dar a coñecer o seu consciente ou subconsciente persoal ou colectivo.
Ser escritor é ser dun idioma e dun tempo.

ProTexta nº 17: entrevistas a Antonio Gamoneda, Ana Romaní e Antón Figueroa

O sábado 19 de marzo chegou aos quioscos galegos o último número de ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia. A publicación distribuiuse gratuitamente cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. A partir do martes 22 de marzo, tamén se poderá conseguir coa revista Tempos.
ProTexta contará nas súas páxinas con Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e Nacional de Poesía, nunha conversa de poeta a poeta con María do Cebreiro na que manifesta o seu aprecio pola literatura galega: “Se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua”.
A poeta e xornalista Ana Romaní, responsábel do Diario Cultural da Radio Galega, afonda nas razóns de ser da súa última obra, Estremas, que supón un xiro consciente nas marcas da súa poética. “A poesía escrita por mulleres nos anos 90 tivo un efecto moi importante en canto a visibilización. Pero ao mesmo tempo foi excesivamente uniformizador, negou subxectividades e imposibilitou lecturas específicas e máis en profundidade”, manifesta. Ao longo dunha ampla entrevista, Romaní dialoga sobre a súa escrita e as súas influencias, racha coas etiquetas coas que foi catalogada, e aborda tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso feminista.
“Un grande escritor non o é só por razóns literarias”, sentencia para ProTexta Antón Figueroa. O filólogo, que adaptou para o caso galego a teoría dos campos literarios de Pierre Bourdieu, conversa ao redor do seu último estudo, Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010), que afonda nos mecanismos de poder ao redor da escrita.
Ademais, o amplo abano de colaboradoras e colaboradores de ProTexta, entre os que encontran destacados nomes da literatura e da crítica galega, analiza as novidades máis relevantes dos últimos meses en narrativa, poesía, ensaio, tradución, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.

Antonio Gamoneda, nomeado Escritor Galego Universal pola AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Antonio Gamoneda reúne unha altísima poesía e un insubornábel compromiso ético, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento. Con motivo da entrega do premio, Antonio Gamoneda estará en Galicia en abril. O día 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña e o 30 asistirá á Cea das Letras, organizada pola Asociación de Escritores.
Nacido en Oviedo en 1931, a obra de Gamoneda esténdese desde o 1960, con Sublevación inmóvil, até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma cunha permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
A nova aparece recollida en Cultura Galega, Xornal, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Galicia Hoxe e La Opinión.

Santiago: entrega dos premios Rosalía de Castro 2010 do PEN Clube de Galicia

O xoves 17 de setembro, ás 20:00 h., terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, Reitorado da Universidade de Santiago, o Acto Literario de entrega dos Premios “Rosalía de Castro” 2010, instituídos polo PEN Clube de Galicia desde 1996 aos escritores: Antonio Gamoneda (literatura en lingua castelá), Lêdo Ivo (literatura en lingua portuguesa), Itxaro Borda (literatura en lingua basca) e Francesc Parcesisas (literatura en lingua catalá). Actuará de mantedor, encargado da laudatio dos galardoados, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Estes premios están destinados a enaltecer, desde a literatura galega, os sistemas literarios da nosa veciñanza (autores relevantes en castelán de España e Hispanoamérica, en portugués de Portugal, Brasil e África, bascos e cataláns). O xurado desta edición estivo formado por:  Miro Villar, Anxo Angueira, Manuel Outeiriño, Luciano Rodríguez, Román Raña, Luis González Tosar, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos Mella, Gonzalo Navaza e Úrsula Heinze.

O PEN Clube concede os VIII Premios Rosalía de Castro

O PEN Clube de Galicia escolleu o pasado venres os gañadores do VIII Premio Rosalía de Castro: o brasileiro Lêdo Ivo, a vasca Itxaro Borda, o catalán Francesc Parcerisas e o leonés Antonio Gamoneda. O xurado do premios estivo formado por Miro Villar, Anxo Angueira, Manuel Outeiriño, Luciano Rodríguez, Román Raña, Luis González Tosar, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos Mella, Gonzalo Navaza e Úrsula Heinze. A organización non fixou aínda a data de entrega dos galardóns.