Antonio Manuel Fraga: “Gañar un premio non te converte automaticamente en bo escritor”

EntrevistaAntonio Manuel Fraga de César Lorenzo Gil a Antonio Manuel Fraga en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Falando de estilo, en Querido H. P. Lovecraft (novela coa que gañou o I Premio de Literatura Fantástica Antón Risco no 2015) destaca especialmente a súa capacidade para a contención. Unha calidade literaria escasa en xeral nas letras galegas pero que ten aínda máis mérito no caso do xénero fantástico, que pode caer facilmente no sensacionalismo.
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Buscar iso era unha das miñas obsesións. É que cando tiven claro que quería contar na novela e empecei a escribir, decateime de que corría dous riscos. Por unha banda, ao tratar con escritores cunha personalidade moi marcada, nun texto no que suplanto a súa personalidade como escritores, xustamente, era doado caer na parodia. Necesitaba conterme para evitar facer unha novela que caricaturizase o lovecraftismo. E seguindo este fío, precisaba construír un universo fantástico si, pero que fose rigoroso, serio, que mantivese o equilibrio e no que o lector percibise que ese paso ao terror cósmico partía dunha atmosfera realista.
– B: A novela recrea os derradeiros tempos do escritor Robert E. Howard. Este autor fíxose famoso despois de morto pola repercusión popular que tivo o personaxe de Conan, que el creara e que logo se fixo universal en banda deseñada e cinema. Como chega vostede a el e por que contar as súas xornadas finais?
– AMF: Todo nace dun proxecto moito máis ambicioso: achegarme a diversos escritores que se suicidaran. Nese proceso é cando descubro a Howard. Eu lera algunha cousa del e coñecía o Conan, tamén sabía que formaba parte do círculo de Lovecraft, pouco máis. Pero logo encontro que era un personaxe fascinante. A relación que mantiña coa nai, o seu somnambulismo, a propia relación con Lovecraft, que era “virtual”, é dicir, ambos non se coñecían persoalmente, só por carta. E xustamente foi unha carta a que me dá a chave da historia. (…)
– B: En Tártarus hai, a diferenza de Querido H. P. Lovecraft, que ten un perfil máis psicolóxico e individual, un interese máis colectivo e social. Tamén un universo fantástico e mitolóxico potente. Non sei se se basea nalgunha referencia ou naceu todo do seu maxín.
– AMF: Loxicamente hai referencias reais, especialmente na parte “de superficie” do libro. Na parte subterránea, tamén están pero non dun xeito consciente, si me deixei guiar pola imaxinación. Si houbo unha referencia moi evidente na creación dos personaxes a diferentes pinturas que mos inspiraron. Todo xurdiu durante unha visita ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba. Estaba eu alí na galería de arte contemporánea e empecei a entender que aquelas obras, algunhas delas abstractas, me inspiraban determinados personaxes. Recordo que fixen moitas fotos, a pesar da prohibición e dos insistentes avisos dos traballadores do centro para que non fotografase. Mais como me falaban en inglés, tiven ocasión de facer que non entendía e voltar con varias imaxes que logo me serviron para compoñer criaturas que aparecen na novela. (…)”

Antonio M. Fraga: “Como outros moitos rapaces da miña xeración, cheguei a Lovecraft grazas a Agustín Fernández Paz”

Entrevista Antonio Manuel Fragade Alberto Ramos a Antonio M. Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): O Premio Antón Risco é na actualidade o único certame de literatura fantástica que hai en Galicia. Un galardón coma este é fundamental para un xénero que se cultiva pouco?
– Antonio M. Fraga (AMF): A verdade é que penso que cada vez abunda máis. Sempre se fixeron cousas. A xente que lle gusta ir por ese camiño está a emprender na actualidade proxectos variados e interesantes. A existencia dun premio de literatura fantástica é, ademais, un síntoma de normalización para o conxunto do sistema literario. Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis. Primeiro para o propio xénero fantástico, xa que ter un premio desta natureza se converte nun acicate para apostar polo xénero. En segundo lugar, para o sistema literario no seu conxunto, que se ve reforzado e enriquecido. (…)
– P: Esa fronteira entre a loucura e a realidade convértese na résgoa por onde entra a literatura fantástica, non?
– AMF: No ámbito temático, eu quería contar [en Querido H. P. Lovecraft] a historia de Howard e que transcendese dalgunha maneira do xénero fantástico. Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio. Á hora de facelo, si que botei man dalgunhas teimas clarísimamente lovecraftianas como son a xa citada fronteira entre a loucura ou o pesadelo recorrente, que é un elemento moi presente nalgunhas fases nas que está dividida a obra de Lovecraft. É dicir, a fase onírica ten moita presenza. Tamén emprego a cuestión lovecraftiana da imposibilidade de fuxir do noso destino e cúmprese, ademais, o patrón desa persoa formada intelectualmente e escéptica que vive alteracións á lei natural que a levan primeiro á tolemia e finalmente á morte. (…)
– P: Non sei se quere engadir algún aspecto da novela que pasara eu por alto…
– AMF: Unicamente gustaríame dicir que xa no propio título se ve que o texto ten moito de homenaxe a Lovecraft ou máis concretamente á súa obra, seguramente máis merecedora da homenaxe cá súa persoa. A súa obra levou o terror a asumir anovadoras marcas de xénero que despois transcenderon a outros ámbitos como o cinema ou a banda deseñada. Despois, comentar que eu cheguei a Lovecraft, como outros moitos rapaces da miña xeración, grazas a Agustín Fernández Paz, que cultivou o xénero do terror cósmico lovecraftiano en obras como Aire negro. Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz. (…)”

Cambre: entrega de premios do Concurso Adopta un animal de conto

Nota_de_prensa_Entrega_de_Premios_D_a_Internacional

Entrevista a Antonio Manuel Fraga

EntrevistaAntonio Manuel Fraga a Antonio Manuel Fraga na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Representa un intento de comunicación transcendente no que hai moito de vaidade. Se cadra tamén unha rabecha contra a idea da morte, que me obsesiona. De todos os xeitos, para min a literatura é algo que me enche desde que teño memoria, primeiro como lector e despois como autor, que considero a prolongación dese primeiro status. A escrita apórtame, entre outras cousas, unha vía na que canalizar os meus soños. É algo que me satisfai, e dun xeito ou outro será o que faga mentres poida.
– P: Como entendes (e levas a cabo) o processo de criação literária -e artística, em geral-?
– AMC: Cada vez tendo a planificar máis e máis o traballo. Nos primeiros libros, o traballo previo á redacción do texto facíao dun xeito máis global, mais devagar foise facendo cada vez máis complexo. Así, acabo por encher cadernos con documentación, notas, esquemas, mapas, fichas de personaxes, etc. Preocúpame que isto chegue a supor un corpiño demasiado estreito para a imaxinación, que lle reste frescura ao proceso, polo que estou a procurar o equilibrio. Son aínda un autor novel –talvez nunca chegue a deixar de selo– e en cada proxecto que afronto trato de pulir os meus defectos. (…)
– P: Que caminhos estimas interessantes para a literatura, e as demais artes, na sua comunicação com a sociedade?
– AMF: Non podo dar unha resposta moi concienciuda, estudada ou baseada nunha grande experiencia, así que só me fica a intuición. Acho que se a literatura –e a arte en xeral– quere chegar á sociedade, ten que esforzarse en estar onde a sociedade está. Non pode ter a tentación de crear valados ou mergullarse en burbullas. Naqueles sitios onde as persoas gocen do seu lecer, a literatura ten que estar. Porque iso é o que debe ser, un gozo. Na actualidade contamos con ferramentas moi interesantes para crear un contacto directo entre o autor e o lector, así como para complementar os textos con moitos elementos novos. Cómpre ser afoutos e creativos para aproveitar eses vieiros. (…)”

Pontedeume: presentación de Tártarus, de Antonio Manuel Fraga

OAntonio Manuel Fraga xoves 19 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Pontedeume, terá lugar a presentación do libro Tártarus, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Xerais. No acto, organizado polo Concello de Pontedeume, participa, xunto ao autor, Antonio Seijas.

Compostela: actos destacados do sábado 7 e domingo 8 na Feira do Libro

OFeira do Libro Santiago 2016 domingo 8 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para o sábado e domingo:

Sábado 7
12:00 h. Presentación de O Deserto, de María do Cebreiro, publicado por Apiario. No acto, a autora estará acompañada por Antía Otero (Apiario) e Irma Amado (Numax).
20:00 h. Encontro de fantasía galega: presentación dos libros Negruña, de Xosé Duncan, e Da Fría e Distante Estrela Polar, de Tomás González Ahola. Posteriormente terá lugar unha charla co(a)s autoras e autores do novo volume da revista Contos Estraños.

Domingo 8:
19:00 h. Presentación da obra gañadora do I Premio de Literatura Fantástica Antón Risco, Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Urco. Con Tomás González Ahola.
20:00 h. Presentación de Xuventude Imbécil, de Xesús Estalote Maroño, Nuno García Pico e Brais Pedreira, publicado por Artgeruts.