Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Lugo con Luz Darriba

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro das letras violetas, enmarcado nos Roteiros Literarios por Lugo 2020, que guiou Luz Darriba o sábado 21 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Lugo con María Casar

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Eis umha flor para o lume e o mar, sobre Carvalho Calero, enmarcado nos Roteiros Literarios por Lugo 2020, que guiou María Casar o sábado 14 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Número 22 da revista Xistral

Información enviada por Toño Núñez:
Xistral, a Revista Lucense de Creación Poética creada por Manuel María no ano 1949, non poderá ser presentada este ano de maneira convencional debido ás circunstancias que concorren.
Esta publicación, recuperada por Camilo Gómez Torres no ano 2000 coa autorización e compracencia do poeta chairego, edítaa a Área de Cultura do Concello de Lugo e neste ano 2020 chegou xa ao número 22. Camilo Gómez Torres, amigo persoal de Manuel María, ademais de refundala, exerceu as funcións de coordinador dende o número 3 ata o número 20, momento no que pediu o relevo e se fixo cargo da coordinación Toño Núñez.
Este número 22 de Xistral inclúe 130 poemas de 77 poetas, 35 mulleres e 42 homes, e engalanan as súas páxinas 8 ilustracións das irmás Conchita e Luísa Paz Montenegro. A pluralidade é a característica que define esta revista poética. Pluralidade en canto ás traxectorias e os currículos das e dos poetas participantes, pois publican nela poetas de base e poetas que son referencia na nosa poesía contemporánea; interxeracional, temáticas e estilos diversos, pluralidade lingüística…
A presentación, que estaba prevista para hoxe, venres, 13 de novembro, despois de ser adiada xa por tres veces, non poderá celebrarse de maneira convencional. Os novos aforos establecidos e a imposibilidade de que as e os poetas de fóra da cidade poidan acudir ao acto, ademais da complexidade do desenvolvemento do mesmo dada a numerosa participación, motivaron a suspensión do evento. A idea inicial fora presentar Xistral o Día da Poesía, mais as medidas de confinamento impedírano; despois, a presentación programouse para o día 30 de outubro no Vello Cárcere de Lugo, e tampouco puido ser debido a que as 30 prazas de que dispoñía este espazo quedáronse insuficientes; finalmente, diante das últimas disposicións das autoridades competentes, a presentación de hoxe, que ía ser no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, suspendeuse tamén. En consecuencia, Maite Ferreiro, concelleira da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Toño Núñez, actual coordinador, acordaron cancelar definitivamente a presentación do número 22 de Xistral e comezar co proceso de elaboración do seguinte número, o 23. Será, pois, no 2021 cando se presenten conxuntamente os números 22 e 23; confiando en que para daquela se teña recuperada a normalidade sanitaria e social.
Este número 22 de Xistral poderase recoller nas dependencias de Cultura do Concello de Lugo, ou ben, solicitándoo, enviaranse os exemplares aos domicilios das e dos poetas colaboradores, que, en breve, recibirán a carta convite para participar no seguinte número.”

Completas as prazas para os Roteiros Literarios por Lugo 2020

Os Roteiros Literarios por Lugo 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Os Roteiros Literarios por Lugo procuran unha ollada nova á historia e xeografía da cidade.
A inscrición é de balde, cun máximo de 5 persoas por cada roteiro, e obrigatoria, no correo electrónico oficina@aelg.org. Xa están completas todas as prazas.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

– Eis umha flor para o lume e o mar, roteiro sobre Carvalho Calero.
María Casar
Sábado 14 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Vello Cárcere.

– Roteiro das letras violetas
Luz Darriba
Sábado 21 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Parque Rosalía de Castro.

– A Xeración Nós e Lugo
Antonio Reigosa
Sábado 28 de novembro, 12:00

– Roteiro arredor de As estacións do lobo
María Reimóndez
Sábado 5 de decembro, 11:00 (2 horas). Saída desde a Avenida da Coruña, 310.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Roteiros Literarios por Lugo 2020

Os Roteiros Literarios por Lugo 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Os Roteiros Literarios por Lugo procuran unha ollada nova á historia e xeografía da cidade.
A inscrición é de balde, cun máximo de 5 persoas por cada roteiro, e obrigatoria. Farase no correo electrónico oficina@aelg.org.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

– Eis umha flor para o lume e o mar, roteiro sobre Carvalho Calero.
María Casar
Sábado 14 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Vello Cárcere.
O roteiro por Lugo centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero fará da memoria unha chave importante para tratar de mergullarnos na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. Percorreremos diferentes lugares que el camiñou habitualmente, leremos poemas e textos da súa autoría e camiñaremos no tempo recoñecendo espazos de liberdade nunha época marcada pola represión. Desde os anos 50 cando se asentou en Lugo e onde viviu até 1965 e con posterioridade regresou moi a miúdo ao longo dos anos. Estancias marcadas polos vínculos familiares e por unha decisión firme de manterse ligado a esta cidade. A importancia do seu labor pedagóxico unido ao soño dun colexio na vangarda educativa fan que Carvalho Calero deixe en Lugo numerosos testemuños entre o alumnado do colexio Fingoi, que dan conta da súa implicación nun poderoso intento de valorizar a cultura e a lingua galega nun momento especialmente difícil. Loitador incansable pola educación e pola defensa do idioma como sinal identitario, galeguista histórico, pedagogo avanzado, investigador concienzudo, novelista e, sobre todo, poeta. Os seus versos acompañarán os pasos deste roteiro coa certeza dunha voz que nos mergulla nun percorrido poético fermoso.

– Roteiro das letras violetas
Luz Darriba
Sábado 21 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Parque Rosalía de Castro.
O roteiro comezará no Parque de Rosalía de Castro, onde falaremos da obra de Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto do parque, na rúa Cedrón del Valle. Tamén falaremos de Tareixa Campo Domínguez, cuxa contribución ás letras violetas vénse expresando dende hai moito tempo a través do teatro e do grupo Achádego, fundamental na nosa cidade. No parque de Rosalía de Castro deixaremos poesías (protexidas por folios de plástico) e relatos das escritoras das que imos falar para que quen queira as leve. Falaremos, respecto do nome do parque, dende cando se chama así e como se chamaba antes. Do parque de Rosalía andaremos até a Praza Maior para falarmos da obra de Carmen Blanco e Adela Figueroa. Tamén deixaremos poesías e relatos nos bancos desa prazas pola que pasa moita xente malia a pandemia. Da Praza Maior andaremos até a rúa das Nóreas, case na esquina con San Pedro, onde unha placa recorda o paso de Rosalía de Castro pola cidade amurallada. Sexa que viviu alí, sexa que fora a sé do prelo Soto Freire (do que falaremos porque é importante lembrar a quen contribuíu á divulgación do galego), Rosalía pasou por alí, e é o que conta. Deixaremos poesías e relatos no albergue para peregrinos que está xusto nesa rúa. Dende alí determinaremos as diferentes paradas na medida que as escritoras confirmen os seus sitios favoritos da cidade, para rematar cun pequeno recital a cargo de poetas convidadas no monólito de homenaxe á escritora na súa terra dedicado a Pilar García Negro (diante da igrexa de San Froilán).

– A Xeración Nós e Lugo
Antonio Reigosa
Sábado 28 de novembro, 12:00
Aparentemente, a nómina de persoeiros lucenses nas actividades da chamada Xeración Nós, nomeadamente as colaboracións no seu Boletín, non semella moi destacada. Porén, a pouco que revisemos os seus índices axiña comprobamos que hai dous tipos de lucenses, nativos e inmigrados, que achegan o seu saber. Os nacidos en Lugo cidade ou na provincia como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro e os que sendo de fóra, varios ourensáns, fixeron de Lugo residencia profesional e vital. Velaí o caso de Primitivo R. Sanjurjo, Ben Cho Shey, Antonio Fraguas ou Carvalho Calero. Hai entre eles músicos, historiadores, políticos, profesores, poetas, narradores… Por outra parte, o Boletín Nós fíxose eco de numerosas novas relacionadas coa actividade cultural desenvolvida na cidade de Lugo entre 1920 e 1936. Percorreremos, desde a evocación das súas aportación ao proxecto Nós, unha parte da pegada da súa memoria na cidade de Lugo. As rúas que levan o seu nome, os lugares onde residiron ou traballaron e a súa contribución á vida cultural e intelectual da cidade.

– Roteiro arredor de As estacións do lobo
María Reimóndez
Sábado 5 de decembro, 11:00 (2 horas). Saída desde a Avenida da Coruña, 310.
A novela As estacións do lobo (Xerais, 2019) de María Reimóndez, ten como protagonista a Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso propomos un percorrido físico polos espazos e temáticas da novela en compaña da súa autora. O roteiro incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro xeito ao texto desta obra que forma parte, xunto con En vías de extinción, A música dos seres vivos, Dende o conflito e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos elementos, unha serie de novelas independentes mais interconectadas. Pode participar calquera persoa de calquera idade e, con especial relevancia, cans. Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar. Procuraremos que o paseo sexa relaxado tamén para participantes de catro patas. A actividade non se suspenderá se chove, poderá realizarse con paraugas igualmente.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Letra das Festas. San Froilán 2020: Lorchas e punteirolos (Revista oral do San Froilán)

Chega unha nova edición da Letra das Festas. San Froilán 2020: Lorchas e punteirolos (Revista oral do San Froilán), unha actividade da AELG co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo.

Terá lugar o martes 6 de outubro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos do Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

A entrada será de balde até completar capacidade.

Contan:

  • José Luis Corujo
  • José Luis Villamarín
  • Tino Mendaña
  • José Luis Díaz
  • Toño Núñez
  • Ovidio Pérez

Ambientación musical:

  • Luís Montero

Coordinación e presentación:

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

A área de cultura do Concello de Lugo retomará a programación habitual unha vez remate o estado de alarma

“A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que, para tentar reducir as consecuencias que a crise sanitaria do COVID19 producirá no sector cultural, “dende a área de Cultura estamos traballando para reprogramar o calendario de actividades culturais do 2020”.
Segundo indicou a edil de Cultura, “estamos buscando novas datas para desenvolver os espectáculos adiados, e garantimos as aportacións municipais comprometidas con todas aquelas actividades ás que non sexa posíbel atopar unha nova data”.
A área de Cultura manterá a colaboración e o apoio ao sector cultural e ao tecido asociativo da cidade. Segundo declarou Maite Ferreiro, “retomarase a actividade nas instalacións culturais dependentes desta área en canto sexa posíbel”. “Esta crise sanitaria é unha situación excepcional, e dende a área de Cultura debemos dar tamén unha resposta tamén excepcional”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “para as estruturas profesionais da cultura galega estamos diante dun contexto de loita pola propia supervivencia, e dende as institucións temos o deber de colaborar con este sector”.
Segundo Maite Ferreiro, “unha vez remate o estado de alarma agardamos poder avanzar de cara a materializar dunha vez a cesión do novo auditorio”. Para a edil de Cultura, “as novas instalacións permitirannos manter a programación adiada e a continuar co calendario previsto para este ano”.

Día de Rosalía de Castro 2020

Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2020 Daniel Asorey foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que foi lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto foi tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.

Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.

Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo.

A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.

Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.

Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.

Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.

Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.

Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.

É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#ErrantesPoloMundo_rdc_20

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Actos promovidos pola AELG

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

A AELG organizou o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, con entrada libre. Este foi o programa previsto:

– Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELGCesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG, polo seu autor, Daniel Asorey.

– Lectura de poemas rosalianos:
Jakson Renner Rodrigues Soares
María Novoa
Concha de la Fuente
Alexandre Espinosa
Elisa Barreiro
Marilar Aleixandre
Pilar Astray
Miguel Fariña
Mercedes Queixas

– Actuación musical da Coral da Asociación cultural e musical Solfa

– Ofrenda floral

– Interpretación do himno


Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organizou lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos leuse o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou o escritor Daniel Asorey.

A Coruña

O luns 24 de febreiro, a partir das 18:00 horas, na Sala de exposicións Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, tivo lugar a lectura do Manifesto e de poemas de Rosalía de Castro.

Ferrol

O 21 de febreiro, a partir das 20:00 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204), en colaboración con esa entidade, tivo lugar a lectura do Manifesto e un recital de poemas rosalianos.

Lugo

O 22 de febreiro, ás 13:00 horas, no Parque Rosalía de Castro de Lugo, tivo lugar a lectura pública da obra de Rosalía, coa música de Germán Díaz.

Vigo

O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, tivo lugar a colocación dunha ofrenda floral na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real, número 12), e posteriormente realizouse unha ruada até o local da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Praza da Princesa 7, 2º), onde se levou a cabo a lectura do Manifesto da AELG e o recitado de poemas de Rosalía de Castro.

Actos organizados por outras entidades

Actos da Fundación Rosalía de Castro

Arteixo

O 24 de febreiro, ás 11:00 horas, na Residencia de Maiores de Arteixo, Ana Hermida fixo unha dramatización da obra da Nai das nosas letras con “Tecín soia a miña tea” e deu lectura ao Manifesto da AELG. As persoas usuarias do centro tamén renderon homenaxe á padronesa universal dando lectura á obra Rosaliana. O acto central tivo lugar na Residencia de Maiores do Concello, pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social.

Betanzos

Bueu

Burela

A Concellería de Cultura de Burela organizou diversas actividades con motivo da conmemoración do Día de Rosalía.
O 24 de febreiro, ás 12:45 horas tivo lugar a colocación na fachada do Concello da pancarta conmemorativa do día de Rosalía e ás 12:55 procedeuse á lectura do manifesto da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega no salón de plenos. Ás 13:00 horas o alumnado do CEIP Vista Alegre interpretou Negra Sombra, baseada na composición de Rosalía de Castro. Estarán acompañados de Óscar Fernández, guitarrista de Eu Son Band.
Ao longo da semana fíxose un reparto nos colexios de Burela de marcapáxinas conmemorativos, tamén dispoñíbeis para os usuarios e usuarias que se acheguen eses días á Biblioteca Municipal, á Casa da Xuventude ou ao propio Concello.

O Carballiño

Sargadelos, Cervo

O 22 de febreiro pola tarde, no Café Bar Cultural A Sacabeira, tivo lugar un acto onde Eli Rí­os deu unha charla co tí­tulo “Todas as escritoras somos fillas de Rosalí­a de Castro?” Posteriormente leuse o manifesto.

A Estrada

O vindeiro luns, 24 de febreiro, día de Rosalía, a Asociación Cultural Vagalumes sumouse á iniciativa para conmemorar esta data cunha xornada de diálogo entre os/as escritores/as estradenses e Rosalía de Castro. A autora que inaugura o sistema literario galego contemporáneo ten unha pegada decisiva nos escritores posteriores de toda Galiza. Quixeron lembrar a influencia e relación entre a súa poesía e a obra de Avelina Valladares, Manuel García Barros, Varela Buxán e Cabada Vázquez. Para iso achegáronse aos seus espazos vitais para amosaren o seu recoñecemento aos que deron continuidade á obra rosaliana, estendéndoa aos outros xéneros literarios como o teatro (Varela Buxán) e actualizando as novas temáticas que se impuxeron co tempo, pero sempre leais á Nosa Terra e á nosa lingua.

Os actos comezaron en Berres, ás 12:00 h. da mañá, diante da tumba de Avelina Valladares, contemporánea de Rosalía. Alí deuse lectura dun texto da escritora desta parroquia Chus Nogueira e de poemas de Rosalía e de Avelina.

Ás 13:00 h. da mañá, diante da tumba de Manuel García Barros en Callobre, guiados pola introdución do profesor Carlos Loureiro, o actor Gonzalo Valcárcel realizou unha breve intervención escénica e a continuación deuse lectura a textos de ambos os autores que poñen en evidencia a súa relación.

Ás 17:00 h, en Lamas, diante da súa igrexa, celebrouse o encontro co dramaturgo Varela Buxán, orixinario desta parroquia, coa lectura de textos que poñen luz sobre os vencellos que os unen. Intervieu a escritora do Foxo Susana Sanches Arins.

Por último, na parroquia de Codeseda, ás 18:00 h. no seu adro, diante da tumba de Cabada Vázquez, lembraron da man do seu sobriño e biógrafo Manuel Cabada Castro, a conexión entre ambos os poetas, coa lectura dos seus versos irmandados polo sentimento común de amor á Galiza e á súa redención.

Para rematar a xornada, deuse lectura ao Manifesto de Rosalía deste ano, elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. no MOME.

Foz

A Concellaría de Patrimonio e Normalización Lingüística do Concello de Foz organizaron o 24 de febreiro, ás 17:00 horas, no Centro de Interpretación da Mariña, un acto aberto ao público que consistiu na lectura do manifesto da AELG e o recitado de poemas de Rosalía de Castro.

A Guarda

Lugo

O sábado 22 de febreiro, ás 13:00 horas, a AELG realizou no Parque de Rosalía de Lugo a tradicional lectura popular da obra de Rosalía, á que se puideron sumarse todas as persoas que o desexen. Antes, leuse un manifesto asinado polo escritor Daniel Asorey centrado no fénomeno da emigración e do que signifou para Galiza.

O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de “Follas Novas” e “Cantares Galegos” e recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais.

Durante o Mes de Rosalía, dúas montaxes teatrais xirarán polos concellos da provincia. Unha delas é Rosalía de Culturactiva, unha montaxe para público familiar que recrea parte da infancia da escritora e que se está a estrear en toda Galiza. A primeira representación foi o sábado 15 de febreiro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

A outra produción que poderá verse en distintos escenarios da provincia ao longo desas semanas será A pluma viva de Rosalía dos Quinquilláns, unha obra sobre igualdade e liberdade a partir dos textos da poeta de Padrón baseada nun feito real de censura da súa obra.

Zoelas, Paloma Suanzes, Faia, Xoana e García MC completan o elenco de actuacións musicais que se desenvolveron durante o Mes de Rosalía, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O graffiti foi o outro elemento da oferta cultural do Mes de Rosalía. Otro Prisma e Concepto Circo realizaron intervencións artísticas en doce colexios da provincia.

Ademais, o 6 de marzo, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá unha proxección de audiovisuais realizados en centros escolares arredor do Día de Rosalía, na que a pintura mural tamén terá protagonismo.

Narón

Noia

Ourense

Pontevedra

O venres 21 de febreiro, ás 11:00 horas, no Pazo Provincial, a Deputación de Pontevedra organizou un acto institucional aberto ao público no que actuou o grupo ‘Xardín desordenado’ interpretando poemas musicados de Rosalía de Castro. Ademais das intervencións da presidenta Carmela Silva e da deputada de Lingua María Ortega, a escritora vilagarciá Montse Fajardo leu o manifesto da AELG. Todas as persoas asistentes ao acto e as que se achegaron ao Pazo provincial durante todo o venres recolleron unha camelia e o último número da Colección Cíes da Deputación de Pontevedra, A conversa expansiva, froito do traballo no obradoiro internacional de tradución poética celebrado na Illa de San Simón en 2018 con 36 poemas e as súas correspondentes traducións do iraquí Abdul Hadi Sadoun, a portuguesa Rosa Alice Branco, a vasca Miren Agur Meabe, o indio Subhro Bandopadhyay, o alemán Timo Berger, e o galego Xosé María Álvarez Caccamo.

O luns 24 de febreiro, a Deputación recibiu a visita ilustre da escritora Rosalía de Castro e do pintor e escritor Modesto Brocos no pazo Provincial en Pontevedra e nas rúas da contorna pola mañá, de 11:00 a 12:00 horas, aproximadamente, onde foron recibidos pola Presidenta da Deputación e percorreron parte das instalacións desta institución e pasearon pola rúa para conversar coa xente e compartir a súa poesía. Pola tarde, ás 19:00 horas, fixeron un paseo polas prazas e rúas da Porta do Sol e contorna da rúa Chao, dedicada a un apelido moi ben acaído nesta ocasión polo seu vínculo co xornalismo e a edición no século XIX (Eduardo e Alejandro Chao), para rematar a representación na Sede da Deputación en Vigo. Rosalía e Brocos, representados polos Quinquilláns, Tero Rodríguez e Lucho Penabade, viaxaron no tempo e interactuaron con toda a xente que se achegou a eles para compartir a importancia da cultura e a literatura en concreto, cunha sociedade presente que segue a ter a esta muller do século XIX como un auténtico referente, porque como proclama o manifesto deste ano da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, “é difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga”.

Rodeiro

A Rúa

Santiago de Compostela

Coa inocencia propia da infancia, unha Rosalía aínda nena, foi debullando a súa vida entre versos, cancións e soños. Quen mellor que Rosalía para facelo? Moito se ten escrito da nosa poeta, pero aínda non está todo dito. Foi este un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras, a Rosalía defensora da muller, da súa terra, unha Rosalía reivindicativa, divertida… Vida e obra contada en primeira persoa ao xeito de teatro infantil.

A cita cos contos foi o sábado 22 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h., con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

Vilalba

O 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza da Constitución de Vilalba, celebrouse un recital poético polo Día de Rosalía. Acto que organizou o Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ. Voces como as de Marisa Barreiro, Miguel Díaz, Pilar Maseda, Luís Teixeiro Castro, Sesé Roca, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina MesaMartiño Maseda ou Vanesa Siso Calvo deron corpo poético aos versos de Rosalía de Castro ou da súa propia autoría. Tamén se realizou a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020, Errantes No Mundo, obra de Daniel Asorey. Pódese ver toda a información nesta ligazón de CulturaliaGZ.

Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:

  • CEIP de Galán (Oseiro, Arteixo).

  • CEIP Plurilingüe Montemogos (O Beluso, Bueu). O 28 de febreiro terá lugar unha lectura pública de poemas da autora, a cargo de adultos da contorna (alcalde, escritora local, familias, comerciantes…), nun lugar público de Beluso se o tempo acompaña e, de non poder ser, no salón de actos do centro. Aberto á asistencia da comunidade. Tamén se levará adiante a actividade Camiños de poesía, consistente na pegada de carteis con poemas de Rosalía, escritos e ilustrados polo alumnado do colexio, por toda a parroquia e unha copia de todos no centro de Beluso (no lugar donde se puxeron os anteriores anos, e que a veciñanza está xa a agardar).
  • CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas de Reis).
  • CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro (A Capela).

  • CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña).
  • CEIP Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene).

  • CEIP Lagostelle (Guitiriz). Seguindo o lema Errantes polo mundo, as actividades que realizamos son as seguintes: A maleta viaxeira de Rosalía, que consiste nunha maleta con obxectos relacionados coa vida da autora, para que o alumnado investigue sobre a súa figura; torneo de brilé Rosalía de Castro; recitado de poemas; maratón de lectura de poemas de Rosalía na biblioteca do centro en todos os recreos do mes de febreiro; mural “Noite estrelada rosaliana”, no que o alumnado decora estrelas homenaxeando a recente nomeada estrela de Rosalía de Castro; exposición de libros da autora no corredor do centro.

  • CEIP A Ponte (Lugo).
  • CEIP Rosalía de Castro (Lugo).

  • CEIP da Cruz (Campos, Nigrán).
  • CEIP Vistahermosa (Ourense). Desenvolveuse o proxecto “Galería de arte de Rosalía errante” (actividades encadradas no proxecto interdisciplinar de centro “A pintura” e co lema proposto pola AELG “Errantes polo mundo”), dirixido ao alumnado de 5º e 6º.  Materias: Lingua Galega, Música e Plástica. A información pode verse na páxina web do centro.
    • 1. Seleccionamos o poema “Adiós ríos, adiós fontes”
    • 2. Recitado do poema enfatizando no sentimento de despedida, dor, a tristura ao despedirse do fogar e da terra por ter que emigrar.
    • 3. Coloquio na aula sobre a emigración, tratar de comprender a situación de numerosos compañeiros e compañeiras.
    • 4. Interpretación da versión de Amancio Prada vocal e instrumentalmente
    • 5. “Galería de arte de  Rosalía errante” Cada grupo de 3/4 rapaces elixiu unha estrofa e pintou un cadro que mostre a emoción e os sentimentos que pretencía a poeta.
    • Na semana seguinte fíxose unha exposición coas pinturas realizadas.

  • CEIP A Carballeira (Lourizán, Pontevedra). Elaboráronse láminas con versos de Rosalía sobre a migración, engalanadas con composicións e debuxos ideados polo alumnado. Asemade, adobiouse o corredor principal cun mural colaborativo sobre a autora. Convocouse tamén un certame fotográfico sobre a migración con achegas das familias (aínda se están recompilando as imaxes). Poden verse as actividades nesta ligazón ao blog do centro.
  • CEIP Plurilingüe Os Tilos (Teo). Realizáronse as seguintes actividades:
    A Estrela Rosalía. Traballouse conxuntamente o poema rosaliano “Adios ríos, adios fontes” e cada aula transcribiu a unha estrela unha estrofa. Escolleuse este poema pola temática que representa; xa que fala da dor que lle causa non ver os elementos característicos da paisaxe galega e no proxecto deste curso tratamos de transmitir a importancia  do coidado da nosa contorna.
    Fotografías: Cada aula elixiu uns versos que traten da emigración e  buscou unha fotografía que os represente.
    Tríptico de Rosalía de Castro.
  • CEIP de Barrantes (Tomiño). Coas imaxes, debuxos e poemas escollidos polo alumnado elaborouse un mural e un libro dixital con audios das nenas e nenos recitando os versos escollidos para cada imaxe, que foi compartida na web do centro. Ademais, convidáronse ás familias a completar un mural de Rosalía continuando a oración seguinte: “Síntome Rosalía cando…”. Deste xeito, as familias compartiron coa comunidade educativa as súas vivencias, sentimentos, lembranzas, etc., asociados aos versos e á figura de Rosalía. Poden verse aquí e aquí as ligazóns ao blog do Centro coas actividades realizadas.

  • CEIP Carrasqueira (Vigo). O alumnado de 6º da ESO invadiu as aulas da escola rapeando uns poemas desta autora sobre a emigración.
  • CEIP Eduardo Pondal (Vigo).

  • CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo). Intentouse que o alumnado coñecese a precaria situación das correntes migratorias actuais, partindo da visión rosaliniana sobre a emigración, baixo o lema proposto: “Errantes polo mundo”. Os alumnos e alumnas traballaron nas aulas poemas da autora de temática migratoria, e que, por desgraza, dada a situación actual, se atopan en total vixencia a pesar dos cambios na sociedade. Quixeron plasmar o seu sentir con debuxos acompañados de versos de Rosalía. Con algúns confeccionouse un enorme mural ao que se lle deu visibilidade cara ao exterior; e con outros, unha pequena montaxe. O alumnado tamén compuxo algúns versos alusivos ao que podería ser a figura de Rosalía de Castro na actualidade, copiándoos nunha cartolina e decorando os corredores. Todo isto pódese seguir no blog de Dinamización da Lingua Galega.
  • CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril (Vilagarcía de Arousa).

  • CEP Carlos Casares (Alxén, Salvaterra de Miño). Confeccionáronse tres murais.
  • CPI Alfonso VII (Caldas de Reis). As actividades realizadas poden consultarse no blog do EDL do Centro.

  • CPI Ponte Carreira. Aquí pode verse unha mostra dos traballos realizados polo alumnado.
  • Escola Infantil de Xuvia (Narón). A Galiña Azul.

  • CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa). Estas son as actividades realizadas para conmemorar a figura de Rosalía e a súa obra (poden consultarse tamén no blog da Biblioteca do Centro):
    – Alumnas-os voluntarias-os da ESO fixeron unha pequena presentación adaptada a Infantil na que lles explicaron quen foi Rosalía e a importancia da súa obra. Despois desta breve explicación na biblio, realizaron un obradoiro de debuxo no que as nenas e nenos decoraron diversos debuxos relacionados coa vida e obra de Rosalía, axudados polas-os máis maiores. Finalizou a actividade cun recital poético onde alumnado da ESO recitou dous poemas sinxelos.
    -Organizouse tamén unha función de títeres para Infantil, onde a profesora de Música relatou, de forma poética e musical, os aspectos máis característicos da vida e obra de Rosalía.
    – Na ESO, concretamente nas materias de Oratoria, Lingua Castelá e Lingua Galega, e despois de traballar polo miúdo a súa figura, o alumnado deixou voar a súa imaxinación escribindo poemas sobre ela. Algúns graváronse en vídeo, outros empregando códigos QR e mesmo algúns outros se interpretaron en forma de rap.
    – Fíxose tamén unha exposición sobre a súa figura na que colaboraron todas as aulas do centro, cada unha ao seu nivel. A actividade consistiu en traballar un aspecto determinado da súa vida e obra e facer unha exposición final con todos os traballos. O mural foi colocado na entrada do centro. O alumnado de infantil colaborou cos seus debuxos, 1 e 2 EP traballaron sobre a súa infancia e Padrón, 3 e 4 EP sobre a súa etapa de madurez e a figura de Manuel Murguía, 5 e 6 EP sobre os últimos anos da súa vida e a importancia da súa obra en galego, e o alumnado da ESO traballou con detalle as súas obras e fixeron unha investigación sobre curiosidades relacionadas con ela, onde descubriron, por exemplo, que está presente en moitos lugares, dun xeito ou outro: nomes de prazas, avenidas, aeroportos, etc.
    Todas as actividades foron programas polo Equipo de Biblioteca e contaron coa colaboración de todo o profesorado e alumnado dun xeito activo.

  • CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Os nenos e nenas de EI e 1º, 2º, 4º de EP fixeron varias actividades: Matemáticas con Rosalía, intercambio de poemas, recitado. O alumnado de 6° de EP e de ESO lembrou a Rosalía de Castro no seu aniversario. Partindo do eixo temático “migracións actuais”, realizaron as actividades que consistiron en traballar poemas de Rosalía relativos a este tema relacionándoos coa actualidade. Cada neno/a trouxo unha foto referente a estas situacións, á que lle inseriron os seus correspondentes versos de Rosalía. Tamén elaboraron uns grandes carteis co lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20.

  • Colexio Fingoi (Lugo).

En 2º ESO elaboráronse murais con debuxos, imaxes, colaxes, etc. No mes de marzo, coincidindo co Día da Poesía e o da Árbore, tense previsto realizar estas actividades:

  • – Intercambio de postais (internivelares).
    – Elaboración de murais con poemas ilustrados e fotos sobre o tema das migracións (3º ESO).
    – Programa de radio e recital poético (organizado desde á área de Imaxe e Son de 3º e 4º da ESO, no que participa alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato).

  • Colexio María Auxiliadora (Lugo). O traballo feito consiste nas seguintes actividades: investigación previa sobre a vida e obra de Rosalía de Castro; lectura pública de poemas, escritos e textos de Rosalía de Castro diante do seu busto no parque de Lugo que leva o nome da autora; deseño de marcapáxinas con citas da autora que inclúan un código QR que enlace a un poema musicado, algunha páxina web sobre a súa vida ou obra, un filme … para repartir pola rúa; realización da “Estrela Rosalía”, un panel en forma de estrela con información sobre a autora que quedou na biblioteca; e un exercicio de redacción a modo de pé de foto para o cartel deste ano: buscáronse versos de Rosalía que tratan as migracións en todos os seus aspectos: a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos …

  • Colexio Concepción Arenal (Ourense).
  • Colexio Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). O alumnado de Secundaria elaborou postais co lema “Errantes polo mundo” nas que incluíron uns versos da obra da autora e unha foto relacionada cos mesmos e que intercambiaron no patio con outros compañeiras/os, xunto cunha camelia. Ademais, apoiando a iniciativa de rebautizar o aeroporto de Santiago co nome de Rosalía de Castro, todo o centro (Primaria e Secundaria) elaborou e lanzou desde as fiestras avións de papel de cores cos lemas “Errantes polo mundo” e “Voa, Rosalía, voa”.

  • Colexio Andersen (Vigo).
  • IES Manuel Murguía (Arteixo). Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estivo co alumnado do IES. Fixo un repaso pola súa biografía e pola súa obra, houbo representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que tivo ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional e deuse lectura ao Manifesto da AELG, escrito por Daniel Asorey. Foron dous días de encontro, 21 e 27 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.

  • IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). En 3º ESO fixeron uns carteis con fotos escollidas ás que lle tiveron que introducir un (ou varios) versos de Rosalía de Castro acaídos para a ocasión. Nas fotos reproduciron as temáticas propostas (emigracións do século XXI, mulleres migrantes, soidade…) e acompañáronse con versos da nosa autora homenaxeada. As persoas participantes foron:
    Rebeca, Alberto, Noa, Raúl e Laura (3º ESO) e Marta (4º ESO).
    Doutra banda, estas dúas imaxes achegadas por dúas rapazas do EDLG: Inés (3º ESO) e Anaís (4º ESO).

  • IES Nº 1 (O Carballiño).
  • IES Lamas do Castelo (Pedrafigueira, Carnota). O 28 de febreiro tivo lugar un recital poético coa participación de moito alumnado do centro, profesorado e algunhas compañeiras do Concello de Carnota. Leuse o manifesto elaborado por Daniel Asorey e un lote de poemas de Rosalía de Castro. Todos os textos foron traballados previamente nas aulas de Lingua e Literatura galega. Aquí pode verse o deseño da actividade.
  • IES Agra de Raíces (Cee). Aquí poden descargarse as actividades desenvoltas polo EDLG do Instituto.

  • IES Terra de Turonio (Gondomar). Xuntáronse as postais que realizou o alumnado nunha presentación para proxectar na entrada do centro e fíxose un programa de radio en que o alumnado de 1º da ESO leu o manifesto.

  • IES de Meaño. Neste curso fixéronse tres actividades:
    A primeira, traballada desde a materia de Plástica, foi a creación dun panel coa cara de Rosalía, imitando o deseño de Andy Warhol; neste caso as distintas cores utlizadas foron as da bandeira LGTBI e creáronse con poemas da autora con carga solidaria; nos beizos ían os versos “Daquelas que cantan as pombas i as flores” entre outros. De feito, este panel coloouse debaixo da pancarta de respecto LGTBI.
    O Departamento de Lingua Galega traballou en 2º da ESO os poemas de Rosalía, facendo recreacións actualizadas dos poemas máis solidarios.
    Finalmente, púxose un photocall na entrada do centro para que todo o alumnado, profesorado e persoal non docente se puxese na pel de Rosalía. Neste caso contouse coa inestimable axuda dun debuxante alleo ao centro, Manuel Ángel Marín Rodríguez.
    No blog da biblioteca do centro pode consultarse toda a información.
  • IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

  • IES Xograr Afonso Gómez (Sarria). Participou con dúas actividades:
    – A primeira foi o venres 21 de febreiro: consistiu na elaboración previa e publicación nesta data, a través das canles de comunicación do Centro, dun vídeo conmemorativo sobre Rosalía de Castro e a temática proposta para 2020: Errantes polo mundo.
    -A segunda actividade, o xoves 27 de febreiro, no Salón de Actos do Centro, consistiu nunha lectura ininterrompida da obra rosaliana durante toda a xornada escolar, na que participou todo o alumnado do IES. Asemade, durante a hora de lecer, a lectura estivo aberta a toda a comunidade educativa que desexase participar. Para a realización desta actividade tamén se usaron elementos escénicos, (estrela de Rosalía, maletas, carteis etc…), que lembraron a pervivencia do seu pensamento na sociedade actual.

  • IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
  • Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

As actividades a desenvolver no Conservatorio teñen lugar entre o xoves 27 e venres 28 de febreiro, consistindo na lectura de textos nas diferentes aulas.

Propostas da AELG para a celebración do Día de Rosalía no ensino

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión polo escritor Daniel Asorey.

O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.

Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 21 de febreiro a realización das seguintes actividades:

  • Suxerimos que o alumnado traballe fotos, debuxos, fotos pintadas, editadas, gravados… que tratasen o tema das migracións actuais, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20. As fotos, debuxos, gravados, etc., terán como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos…). Trataríase de textos que o alumnado e profesorado estimen interesantes (por exemplo, os poemas “Airiños airiños, aires”, “Adios rios, adios fontes”, “Castellanos de Castilla”, “Vivir para ver”, “Tecín soia a miña tea”, “Pra a Habana!”, “¿Que lle digo?”, “Tan sóio”, “Daquelas que cantan”, “Amores cativos” ou “A xustiza pola man”).

  • Tamén se podería ampliar a elección das fotografías, deseños e versos a aqueles teñan en conta a idea de errante na elección da identidade sexual, afectiva e de xénero, a partir, igualmente, dos versos de Rosalía que o alumnado considere acaídos.

  • Todas as fotos, deseños, gravados… cos seus versos como pé, poderían encher os corredores dos centros e divulgarse en redes sociais como Instagram, Facebook, Twitter…, tamén baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20

  • Como remate poderíase realizar unha actividade de Postcrossing (enviar esas postais cun verso de Rosalía no pé sobre o tema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 a outras persoas). As postais pódense enviar individualmente, entre clases ou entre centros, ben por correo postal ou empregando as redes sociais como Whatsapp, Telegram… Despois pódense compartir as recibidas, ben fisicamente, ben nas redes sociais.

  • En relación a esta proposta de actividades, recomendamos encarecidamente que se usen imaxes con dereitos de uso libre en internet (indicando, en todo caso, a fonte desde a que se obteñen).

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #ErrantesPoloMundo_rdc_20. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2020, para a irmos facendo constar na nosa web.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Redes sociais
#ErrantesPoloMundo_rdc_20