Armando Requeixo: Crítica literaria galega 2.0, ciberensaio e blogocrítica

Artigo de Armando Requeixo en Cadernos Redelibros:
“O universo cibernético que redimensiona a nosa realidade de cidadáns do século XXI disparou os procesos de produción-recepción literarios cara a novas rexións incógnitas ata o de agora, tronzando fronteiras e abrindo devasas que descoñeciamos. Naceu entón a ciberliteratura e o ciberlector, parentes próximos do autor e o lector tradicionais, mais con casa de seu e riscos definitorios privativos.
Así as cousas, non debería estrañar que tamén entre os axentes mediadores a figura do crítico literario sentise a necesidade —mesmo se vise dalgunha maneira impelido— a adaptarse ás novas regras de xogo, pois se o produtor e o consumidor son, en parte, outros, tamén quen lles serve de ponte de unión precisa reinventarse.
Doutra parte, non digo nada novo se afirmo que a prensa en papel (lugar no que adoitamos dende sempre exercer o noso oficio os críticos, amén de nas revistas especializadas de restrinxida circulación) está inmersa nun traumático proceso de reestruturación que aínda non sabemos a onde a levará, pero no que todo parece indicar que o espazo que se reservará ao comentario de libros será cada vez máis e máis exiguo e, quen sabe, talvez nalgún momento nin será.
Nesa encrucillada na que nos atopamos xorde a crítica literaria galega na Rede. E nace concentrando os seus esforzos, sobre todo, nos (we)blogs ou bitácoras, en menor medida nas páxinas de autor ou soportais corporativos, aínda que tamén.
Como particular derivación do ciberensaio, a blogocrítica galega entendo que ten xermolado dende a necesidade de ofrecer solucións viables a diversas problemáticas que nos acoraron de vello como profesionais. Do mesmo xeito, coido tamén que a blogocrítica é susceptible de se definir como un xénero singularizado respecto da crítica en soporte non internetiano. Nas liñas que seguen tentarei explicar máis polo miúdo ambas e dúas ideas. (…)”

Lugo: faladoiro O popular na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 2 de xuño, ás 19:30 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n.) de Lugo, terá lugar un faladoiro sobre O popular na obra de Álvaro Cunqueiro, acto organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do Ano Cunqueiro, no que participan Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo.

Santiago: presentación do poemario Doce de Mon G. Buhigas

O mércores 2 de marzo, a partir das 20:00 h., na editorial Follas Novas (Rúa de Santo Domingo da Calzada, 1, entrechán) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Doce, de Mon G. Buhigas, publicado por Follas Novas Edicións. No acto intervirán Armando Requeixo, Luis Alonso Girgado, a ilustradora Inés Casas Maroto e o propio autor, tendo lugar a lectura dunha pequena selección de poemas do libro.

Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista

O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).