A Coruña: actividades destacadas do xoves 2 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 2 de agosto son:

18:00 h.: Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicado en Galaxia. Paula Carballeira fará o propio co seu libro O principio, publicado en Kalandraka. Posteriormente levará a cabo unha sesión de contacontos.
19:00 h.: Presentación do libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, publicado pola editorial Bubela. Xunto cos autores do libro, participarán no acto Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval.
20:00 h.: Conversa de dous músicos de Berrogüetto con Francisco Castro arredor da súa biografía musical Berrogüetto. O pulso da terra, publicado en Galaxia.
21:00 h.: Presentación da tradución de Illuminations/Iluminacións, de Arthur Rimbaud, obra de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao tradutor, François Davo e Manuel Rivas.

Vigo: actividades destacadas do mércores 4 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do mércores 4 de xullo son:

– Desde as 11:00 horas, durante todo o día, Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicada en Galaxia.
19:30 h.Agustín Fernández Paz asinará exemplares das súas obras.
20:00 h.: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón de Elena Gallego, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Marcos Calveiro e Manuel Bragado.
21:00 h.: presentación de Atl , de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais, coa intervención de Manuel Bragado e o autor.

Ribeira: presentación de As fiandeiras, de Antonio Piñeiro

O venres 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala Museo Municipal de Ribeira (Rúa de Galicia, 19), a Asociación Cultural Barbantia organiza a presentación do libro <a href="As fiandeiras, de Antonio Piñeiro, Premio García Barros 2011, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Lema, Xesús Laíño e Elvira Pisos.

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.