A Pobra do Caramiñal: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no salón de actos do Liceo d’A Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase o libro Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola A. C. Barbantia, participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Xesús Laíño, presidente de Barbantia e Jorge Abal Caamaño. Crónica posterior en Galaxia.

Xuño, Porto do Son: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e proxección de As silenciadas

O sábado 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Lugar da Agra, s/n, a carón do Centro de Saúde) de Xuño (Porto do Son), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, en que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, e organizado pola A. C. Barbantia, participarán, xunto á autora do libro, Pablo Ces e Xesús Laíño.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

Rianxo: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto, coorganizado pola editora, o Concello de Rianxo, La Voz de Galicia e a Asociación Cultural Barbantia, contará coa participación de Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado, Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Adolfo Muíños e o propio autor, e será completado cunha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e Iago Hermo (da Escola de Música de Rianxo). Ese mesmo serán inaugurarase a exposición Castelao Vive. Esculturas de Nuco Losada.

Noia: festa anual da A. C. Barbantia, e entrega dos premios Sereos

O sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia, a Asociación Cultural Barbantia, en colaboración con La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Noia presenta un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia e o Anuario de estudos do Barbanza 2011. Ao remate do acto, no que participan Manuel Cartea, Xesús Laíño, Javier Rodríguez e Rafael García Guerrero, entregaranse os Sereos, Premios Barbantia da Cultura, que este ano recaeron na Casa da Gramática, Paola García Paz e Eva Veiga.

Eva Veiga, Paola García Paz e a Casa da Gramática, gañan os Sereos, premios da Asociación Cultural Barbantia

“A Asociación Cultural Barbantia xa se prepara para a súa gran festa anual, que este ano vai ter lugar en Noia e contará con tres protagonistas de excepción: os galardoados cos Sereos, os premios instituídos pola asociación que acadan este ano a quinta edición. Na Traxectoria Cultural no Barbanza, a galardoada é a pintora Paola García Paz; a Iniciativa Cultural no Barbanza é para a publicación do IES Virxe do Mar de Noia, Casa da Gramática; e a distinción á Cultura Galega vai para a poeta Eva Veiga. A entrega das figuras de Sargadelos que substitúen ás de bronce que se viñeron dando ata o ano pasado, vai ser o acto máis solemne da cita fixada na Casa de Cultura Avilés de Taramancos da histórica vila de Noia, pero vai haber outros que xa son fixos na programación da principal entidade cultural da zona. Trátase, por exemplo, da presentación no Anuario de Estudos do Barbanza 2011, publicación na que se recompilan colaboracións de creadores barbanceses, un resumo dos actos que se desenvolveron ao longo dos doce meses baixo e epígrafe de Barbantia, a relación dos libros editados na comarca e outras achegas, do que falará Manuel Cartea, o coordinador da publicación. A designación dos premios Sereos fíxose por medio dunha votación entre os socios de Barbantia. O período para presentar as propostas rematou o pasado venres e o escrutinio foi feito polo presidente da asociación, Xesús Laíño; o directivo Antón Riveiro Coello e o coordinador da organización, Alberto Piñeiro.” Vía La Voz de Galicia.

Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro

O venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.

Boiro: presentación de Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato

O venres 30 de setembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Boiro (Rúa Principal, 65), terá lugar a presentación do libro Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato Martínez, publicado en Alvarellos. No mesmo acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Alvarellos Editora, a Galería Sargadelos do Barbanza e o Concello de Boiro presentarase tamén un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, ademais do autor, participan Xosé Ricardo Losada, Henrique Alvarellos, Jesús Lojo Alcalde, Alberto Piñeiro e Helena Teixeira Barcala.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 24 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Ler (Rúa Paz, 8) da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora, a librería e a Asociación Cultural Barbantia, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, Fidel Vidal, Xosé Ricardo Losada e Xesús Laíño.

Rianxo: presentación de Cadro artístico: Airiños. 75 aniversario

O sábado 28 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo presentan o libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e Xesús Santos.