Actos do Día de Rosalía de Castro 2014 para o luns 24 de febreiro

BOIRO

CAMARIÑAS

A CORUÑA

A ESTRADA

FERROL

LUGO

MOAÑA

OURENSE

PONTEVEDRA

A RÚA DE VALDEORRAS

VIGO

A Estrada: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A cuarta feira 15 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións de Novagaliciabanco da Estrada, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Asociación Cultural Vagalumes e Queremos Galego da Estrada.

Todo a punto para o Día de Rosalía máis colectivo

Desde Sermos Galiza:
“Durante toda a semana mais de maneira especial nas vesperas do día, centros de ensino, concellos e asociacións conmemorarán o Día de Rosalía na que promete ser unha convocatoria multitudinaria. Así está a ser a resposta á convocatoria da AELG para que arredor da data do nacemento da escritora tivera unha especial relevancia social, de maneira singular no ensino.
Dúcias de centros educativos anotáronse xa para participar nas lecturas colectivas da obra de Rosalía nesta edición de especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro escrito integramente en galego que marca o renacemento da nosa literatura e está considerado fundacional nas letras galegas contemporáneas. Será o venres 22 de febreiro o día lectivo elixido para que os centros de ensino inclúan na súa xornada actividades especiais como lecturas e gravacións audiovisuais, das que se fará eco a páxina web da AELG coa idea de darlle visibilidade social. Imaxinativas propostas están a chegar á asociación de centros nos que o alumnado participará de maneira especial. Ábrese con este fin a sección “Poemas soltos” onde se deitarán as gravacións en vídeo dos poemas.
Para o sábado día 23, a partir das sete da tarde, cidades, vilas e locais de asociacións e entidades serán o escenario para as lecturas de poemas de Rosalía, estendendo a conmemoración a toda a cidadanía nunha festa colectiva para honrar á poeta. A AELG elaborará un manifesto conmemorativo para estes actos cívicos. A Biblioteca do Centro Ágora na Coruña, a Libraría Couceiro en Santiago, o Marco en Vigo ou o Refectorio do Museo Provincial en Lugo, o Salón de plenos de Cangas, a Casa da Cultura de Noia ou o Café Comercial en Madrid son algúns dos lugares nos que xa se prepara o acto público do sábado ao serán. As asociacións e colectivos culturais están a ter un especial protagonismo na organización destes actos que procuran unha lectura expansiva e colectiva da obra de Rosalía por todo o país. Varios concellos sumáronse tamén á convocatoria, organizando actos institucionais na memoria da escritora.
Acto poético nacional en Bonaval
O domingo día 24, data do aniversario de nacemento de Rosalía, a AELG centrará a atención no Panteón de Galegos Ilustres, onde está soterrada a escritora. Alí hase de desenvolver un acto nacional con lectura de poemas de Cantares Gallegos, alén dunha ofrenda floral.
A AELG agarda que a cidadanía responda ao seu chamamento agasallando cun libro e unha flor na conmemoración do nacemento da escritora fundadora da literatura galega contemporánea. A Asociación Cultural Vagalumes, xunto coa Sociedade Cultural Medulio, organizan o domingo 24 ás 19:00 horas na Estrada un acto sob o rótulo de Unha escenificación dunha viaxe pola obra de Rosalía de Castro.
Recitais, poesía e música
A poesía e a música pairarán por todo o país arredor do día do nacemento da grande escritora e, desta maneira, actos conmemorativos terán lugar organizados por distintas entidades que se suman neste ano especial a festexar o aniversario do nacemento de Rosalía.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña convoca para o venres 22 de febreiro un maratón de lectura e unha charla sobre Rosalía que comezará ás 18.00 horas.
Tamén o día 22 ás 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra abrirase para acoller os poemas de Rosalía a ritmo do rap de Aid e o blues de Sés na homenaxe que a Concellaría de Cultura da cidade lle rende á escritora, un acto literario e musical que conducirá Comba Campoy e contará coa participación das poetas Elvira Riveiro, Rosalía Fernández Rial e Marga do Val, alén do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O xoves 28, os Comités Abertos de Vigo preparan un recital ás 20:30 horas co apoio de Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.”

A Estrada: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes, con motivo do Día Internacional da Muller, realizará un acto de presentación do libro da profesora Aurora Marco Mulleres na guerrilla anfranquista galega, no que se proxectarán imaxes do documental As silenciadas, de Pablo Ces. No acto, xunto á autora, intervirá Francisco Pillado.

A Estrada: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O xoves 17 de marzo, ás 20:30 h., na Sala de Exposicións de Novacaixagalicia da Estrada a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural Vagalumes presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG. No acto, acompañando ao autor, estará tamén Xosé Luna.

A Estrada: acto de homenaxe e recordo a Xoseme (Xosé Manuel Mosquera Carbón)

O domingo 10 de outubro celebrarase un acto de homenaxe e recordo a Xoseme (Xosé Manuel Mosquera Carbón), poeta da Estrada nacido en 1960 e morto en 1982, autor do poemario Dame a túa man, na editorial A Fouce. O programa está formado por:
18:00 h. Cemiterio de Moreira (A Estrada). Ofrenda floral e recordo. Intervención poética e execución musical a cargo do gaiteiro Xián Herrera.
19:30 h. Sala Caixanova (A Estrada):
– Saúdo, benvida e agredecemento por parte da Presidenta da AC Vagalumes Clara Iglesias.
– Proxeccíón de DVD sobre Xoseme.
– Recitado de poemas alumnos do IES nº1 da Estrada.
– Intervención de: Paulo Porta, Xoán Herrera, Amancio Liñares, Xosé Manuel Malheiro, Olimpio Arca.
– Testemuñas de amizade (compañeir@s de Xoseme).
– Intervención musical do grupo Penadona (ao que pertenceu Xoseme).
– Intervención de familiares de Xoseme.
– Intervención da Vpte da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Antía Otero.

Organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada.