A AELG homenaxea o teatro galego cos seus premios

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “O teatro galego sempre estivo cos que buscabamos que a Galiza fose outra cousa”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A Asociación de Actores e Actrices de Galicia elixiuno para elaborar o manifesto por estarmos “nun momento en que o papel que xoga a lingua resulta fundamental”.
– Cesáreo Sánchez (CS): Estamos nun momento no que a nosa lingua non ten o mesmo estatus no ensino que antes do Decreto de Plurilingüismo, no que a cultura creada en galego está en retroceso na súa actividade social; están a pechar coleccións de poesía, compañías de teatro. É evidente que a nosa lingua precisa dunha cidadanía consciente que saiba que, sen o galego, Galiza non vai a ningún sitio como país. É para min unha fermosa responsabilidade poder acompañar as xentes do teatro no día da celebración do traballo de todo un ano, a pesar das sombras que pairan sobre o sector.
– SG: Como contribúe o teatro para construír a nosa historia coma pobo?
– CS: O grande teatro, como é o teatro galego actual, ten a súa raíz chantada no humus da creación colectiva, como segunda pel no devir dunha sociedade. Todo o que aconteceu na nosa historia e, concretamente nos últimos 40 anos, está reflectido na creación dramática. Así, o teatro galego actual é o froito de toda unha xeración polo que o que está en risco é o conxunto de sacrificios individuais e colectivos que se entregaron con paixón á creación dramática.
– SG: Di vostede que o teatro fainos libres por subverter significados.
– CS: Creo que, para a sociedade consciente, o teatro foi sempre un referente ético por nos transmitir o acontecer da vida na súa verdade máis fonda. O teatro ispe os devires do ser humano até os seus significados máis esenciais, déixanos diante de nós mesmos e dános instrumentos para a análise da realidade, permitindo nos comprometer con ela individual ou colectivamente. É por isto que, o seu fin último, é facer de nós homes e mulleres máis libres.
– SG: Que paralelismos atopa entre a loita da súa admirada actriz Dan Thi Linhe e a nosa como galeg@s?
– CS: A través do teatro, esta muller, que era combatente do Viet Cong, sentía que axudaba o seu pobo a loitar pola independencia, mediante a palabra e os cantos dramatizados de poemas amorosos. O teatro galego sempre nos axudou a facernos galegos conscientes e a que nos orgullásemos de o ser, vendo que eran construídas unhas obras dramáticas á altura de calquera cultura de Europa ou do mundo. O teatro galego sempre estivo ao lado dos que buscabamos que Galiza puidese ser outra cousa, como dicía o poema de Novoneyra.
– SG: Denunciou que “os que non aman o teatro son os mesmos que deixan a sociedade desamparada”.
– CS: Pensar que na cultura se pode recortar, cando é unha necesidade vital do ser humano, e deixala sometida ás leis do mercado é unha agresión. A cultura é un dereito, un valor de uso, non de cambio e, polo tanto, empobrecela é quitarnos espazos de liberdade humana. Doutra banda, o teatro é un investimento produtivo, sendo que estamos a falar de postos de traballo nun sector de altísima cualificación. Un actor que vai o paro ou unha compañía que pecha representan a mutilación da nosa sociedade.
– SG: Cunha biografía de só 40 anos, debería o teatro galego ser protexido pola administración?
– CS: Debería ser apoiada na medida en que é unha riqueza cultural, mais tamén social, económica e laboral. Calquera país europeo é especialmente protector co seu teatro, pois que nel está depositado grande parte do sentir e pensar colectivo do seu pobo. Se as actrices e actores galeg@s saen do país, que sexa por vontade propia e non como unha forma de emigración máis porque aquí non teñen traballo. Non é o mesmo marchar a aprender inglés para interpretar a Shakespeare que ir a Londres a servir copas. Hai que demandar das administracións actuais todo o apoio que precisa o teatro galego e toda a cultura en xeral.
– SG: Como valora a elección dun executivo que vén do mundo imobiliario como Jacobo Sutil para presidir o AGADIC?
– CS: Este señor debería ser coñecedor do mundo da cultura e do peso desta na historia de Galiza polo que, unha elección como esta nunha institución como o AGADIC, é canto menos sorprendente.
– SG: O pasado ano, o responsábel de asinar o manifesto foi Méndez Ferrín. Dánase a cultura galega coa súa ausencia da Real Academia Galega?
– CS: A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propuxo este ano perante a Academia sueca a Méndez Ferrín como candidato ao Premio Nobel. Evidentemente é un dano para a cultura galega que o escritor máis recoñecido do país xa non estea dentro da Real Academia Galega. Se o propomos a esta candidatura é porque estamos convencidos que é merecente del e, polo tanto, debería estar na Academia.”

Cesáreo Sánchez Iglesias lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro nos XVII Premios María Casares

Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía de Castro para ler un texto propio no que destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano ó presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como “compañeiro de viaxe” nun momento en que a “lingua galega xoga un papel fundamental”. Ademais a xunta directiva subliña a importancia da “colaboración entre entidades vencelladas á cultura nun momento complicado para todos os ámbitos do sector” e agradécelle a Cesáreo Sánchez que acepte o convite para encargarse do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Deste xeito, o presidente da AELG únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o ex presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e, na edición de 2011, o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega.
“O teatro é testemuña e actor-activista da realidade cultural e social da Galiza. É unha arte enchoupada da alma colectiva”, explica Cesáreo Sánchez, quen sinala que no seu manifesto reivindicará o papel da escena no desenvolvemento do país. “O sector sempre participou na identidade de Galicia. Na biografía do teatro está a biografía cultural e social galega”, sinala Cesáreo Sánchez, quen lembra que “toda agresión ao teatro” supón unha “agresión contra a cultura”. Ademais, o escritor incluirá no manifestos referencias ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas. “Este 17 de maio será a celebración do teatro galego”, adianta.
Con estas premisas, Cesáreo Sánchez furará na consolidación identitaria do teatro no seu manifesto, que se poderá escoitar na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, GADISA, a Fundación AISGE ou a Fundación Autor (SGAE) implícanse nos Premios María Casares co seu apoio.”

Seminario Dramaturxias e Novas Linguaxes Escénicas, impartido por Afonso Becerra de Becerreá

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro. Non hai teatro nin espectáculo sen unha dramaturxia que o estruture e lle dea sentido. Nos métodos e modelos de composición dramatúrxica radica a efectividade dun espectáculo. É nese ámbito onde se toman as decisións fundamentais e onde sen marcan os retos que despois haberá que realizar na posta en escena. O teatro emprega unhas linguaxes escénicas, cun léxico e unha sintaxe específicas, que están en constante evolución, como acontece con outras linguaxes no resto das artes. A dramaturxia, entendida como enxeñaría teatral, ocúpase desta evolución das linguaxes e dos estilos, investiga e propón retos aos escenarios. Así pois, para facer teatro é importante coñecer os elementos e os procedementos básicos de análise, creación e composición dramatúrxica, tamén algúns dos referentes históricos e contemporáneos que cambiaron e cambian a concepción das artes escénicas. E isto non é só necesario para quen se dedique a facer teatro, senón tamén unha oportunidade de afondar na percepción que temos da arte do teatro e afinar aínda máis o goce do noso padal, porque o gusto tamén se educa e é cultural (Non só somos o que comemos ou o que lemos, en teatro tamén somos o que vemos). Máis información aquí: CONVOCATORIA CURSO AFONSO BECERRA.

Temario:
– A composición de accións no modelo dramático clásico e na dramaturxia posdramática.
– Análise dramatúrxica de espectáculos.
– A evolución das linguaxes escénicas. A educación do gusto e os hábitos de recepción (L’école du spectateur).
– Tipoloxías de acción. Composición e análise da acción. Tipoloxías de personaxe / actriz, actor / performer / figura, silueta. Composición e análise do personaxe.

Exercicios:
– Exposición e debate dos temas.
– Análise de documentos audiovisuais e gravacións de espectáculos.
– Composición e análise de casos prácticos.

O Docente: Afonso Becerra de Becerreá.

Datas e duración:
– 15 horas lectivas co seguinte calendario:
– Do 3 ao 7 de Xullo: 11:00-14:00 horas.
Día 7– Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.

Lugar: Auditorio Municipal de Cangas. Avenida de Lugo nº 25-27 36940 Cangas.

Prazas: 15 prazas.

Prezo: 50 Euros para socios de AAAG , A.C Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros

Inscrición:
Do 8 ao 22 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou mediante o formulario ao pé.
A organización comunicará a selección de candidatos o día 25 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 27 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre.

Seminario Obradoiro de escrita O curioso xogo de ordenar un mundo caótico, impartido por Santiago Cortegoso

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro. Non hai un método para ensinar a escribir. Igual que non hai un método para escribir. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritores”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero … Pódese dicir que as únicas claves fundamentais e imprescindibles son o traballo en soidade (ou non) e a perseveranza. Con todo, hai esquemas que nos poden axudar a ordenarnos e que nos poden afastar do pánico ao folio en branco, así como facilitar a comprensión do proceso no que estamos inmersos/as; existen recursos que nos poden enriquecer o labor: como construír personaxes, como compoñer historias, como xestionar a información, o espazo e o tempo no discurso… Hai moitas ferramentas que podemos ter en conta á hora de afrontar a escrita, para chegar a construír unha identidade propia e unha liberdade para expresarnos a través da escrita. Transmitir e compartir este material a partir do traballo práctico serán os obxectivos deste obradoiro. A proposta é xogar: xogar a que somos creadores sen límites, nin de presuposto, nin de tempo, nin de conciencia. Só temos ante nós moitos folios, un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan. Como individuo, observo e constrúo unha visión particular, unha sensibilidade, porque necesito ordenar o caos que me rodea. Non será a escrita unha maneira de expresar esta visión singular a través dun xogo creativo? Máis información aquí: CONVOCATORIA CURSO SANTIAGO CORTEGOSO.

Dinámicas:
– Análise de textos xurdidos nas sesións a partir de exercicios enfocados a abordar a escrita desde diferentes frontes.
– Análise de textos, proxectos e ideas aportados polos participantes.
– Análise de exemplos de escrita dramática clásica (Shakespeare, Valle-Inclán, Beckett…) e contemporánea (Thomas Bernhard, Rodrigo García, Sarah Kane…)

Algunhas claves:
– Procesos dramatúrxicos: da planificación á escrita automática.
– Especificidades da literatura dramática con respecto a outros xéneros: novela, poesía, guión cinematográfico, etc …
– A linguaxe dramática: acotacións, monólogos, diálogos e escenas colectivas.
– Escrita e posta en escena. Textos abertos e pechados.
– Construción de personaxes (unidireccionais, poliédricos, etc.) e conflitos (horizontais, verticais, tranversais, etc.).
– A espacialidade dramática. A intraescena e a extraescena. O espazo como xerador de significado.
– A temporalidade dramática. Tempo escénico e tempo referencial. Discurso lineal vs. discurso fragmentado.
– Xéneros dramáticos: comedia, drama, traxedia, etc..
Na última xornada haberá unha exposición dos traballos realizados no obradoiro en forma de lectura dramatizada aberta ao público.

O Docente: Santiago Cortegoso.

Datas e duración:
– 15 horas lectivas co seguinte calendario:
– Do 2 ao 6 de Xullo: Tarde: 18:00-21:00 horas.
Día 6: Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.

Lugar: Auditorio Municipal de Cangas. Avenida de Lugo, nº 25-27. 36940 Cangas.

Prazas: 15 prazas.

Prezo: 50 Euros para socios de AAAG, A.C. Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros.

Inscrición:
Do 5 ao 22 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou a través do formulario ao pé.
A organización comunicará a selección de candidatos o día 25 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 27 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre.