Pontevedra: Obradoiro de poesía visual, con Baldo Ramos. Os ollos das palabras: Poesía para ver

O Obradoiro de poesía visual Os ollos das palabras: Poesía para ver, impartido por Baldo Ramos, cunha clase maxistral de Xosé María Álvarez Cáccamo, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

“Lemos cos ollos. As palabras sempre conteñen un significado visual, pero tamén poden ser un significante que comunica plasticamente. Acceder á poesía polos ollos. Escribir como o escultor que moldea unha forma ata que significa, ata que atrae a nosa ollada. Cicelar a poesía coas mans. Darlle a forma que nos permita compartir cos demais a súa materialidade, o seu xeito de ser corpo, de ser espazo habitable.”
Partindo dunha reflexión inicial sobre aspectos históricos e estéticos da poesía visual, e dun resumo da experiencia do autor neste ámbito, elaboraranse dous proxectos literarios diferentes:
Un libro de artista ou libro obxecto, confeccionado cos materiais (poéticos e plásticos) que xurdan do obradoiro.
Un libro colectivo, en formato de libro-acordeón, composto polas colaboracións das persoas participantes.”

Calendario e inscrición
Días: venres 16 e 23 de febreiro; sábado 3, venres 9, venres 16 e xoves 22 de marzo; venres 6 e venres 27 de abril; venres 4, venres 11, venres 18 e venres 25 de maio.
Horarios: de 18:00 a 20:00 en xoves e venres, e de 11:00 a 13:00 os sábados
– Lugar: Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.
25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
Nome e apelidos
Correo electrónico
Núm. do documento de identidade
Enderezo completo
Data nacemento
Ocupación
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.

Xa están dispoñíbeis as actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia

As actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia xa están dispoñíbeis. Poden descargarse na imaxe de abaixo:

Comunicado da AELG sobre a non asistencia da Xunta a catro Feiras internacionais do libro

Cremos que é unha decisión que debería ser responsabelmente reconsiderada. Unha feira internacional é a representación dunha cultura, a representación institucional dun país que ten institucións culturais propias, isto é do que se fai deixación. Abandónase, de facto, dar visibilidade exterior á literatura galega e renúnciase á súa internacionalización, o que nace de seu canda o seu propio proceso creativo.
Cremos que decisións tan importantes como estas, nas que está en xogo a imaxe exterior da cultura de todo un pobo, teñen que ser acordadas cos sectores que intervimos no proceso de creación. Sectores que son estratéxicos, cultural e economicamente, como ficou desenvolvido na vixente Lei do libro.
Só se pon en pé unha cultura con acordos, con suma de esforzos. Con esta decisión ficamos coa mensaxe de: “ou se fai como eu digo ou non se fai”, mais entendemos que as relacións teñen que ser fluídas e nadas como consecuencia dun mínimo de acordos con todos os sectores, de consensos creadores.
Á AELG ninguén lle consultou a súa opinión antes da toma dunha decisión de consecuencias tan graves como esta. Tampouco sobre os criterios de representación e participación das escritoras e escritores. Mais dixemos a nosa opinión sobre as feiras internacionais na Mesa do Libro á que fomos convocados recentemente, e na que nada desta posibilidade se falou. Ninguén imaxinaba que isto podía pasar, o que produce no sector máxima perplexidade e desconfianza.
Desde a AELG sempre nos pronunciamos a favor de que as delegacións asistentes ás feiras tiñan que ser o máis representativas, segundo criterios literarios, e do peso das obras de todos os xéneros sen exclusión. As Escritoras e Escritores galegos represéntanse a si mesmos e ás súas editoras, aos seus deseñadores, ilustradoras e maquetadores que fan do libro un obxecto marabilloso de arte. Fanse contactos, posibilítanse traducións, etc. É por iso que os criterios non poden ser nunca extraliterarios.
É determinante para a visibilidade dun país no mundo que sexa coñecido pola súa cultura nestes grandes escaparates internacionais que son as feiras do libro, polas que pasan millóns e millóns de persoas con interese cultural biodiverso, mesmo líderes de opinión nas culturas dos seus países e cos que é necesario contactar.
Unha cultura, sobre todo nestes tempos, é coñecida a través dos libros que escriben os seus Escritores e Escritoras, das entrevistas nos medios, das palestras que dan nestes lugares de privilexio, da calidade da iconografia que mostran os seus deseñadores, da capacidade expansiva da tradución.
Todo isto determina a visibilidade e mesmo a viabilidade económica da industria editorial, polos contactos que alí nacen, pois, mentres é visibilizada a cultura, os editores teñen que vender libros, dereitos de edición, comprar dereitos, etc.
As cámaras de comercio teñen que apoiar a industria editorial tamén, e non só o sector do automóbil, do mobiliario ou da exportación do granito. Mais quen ten que tomar decisións estratéxicas en positivo de política cultural é a Administración cultural que forma parte do goberno da Xunta.

Faleceu Isidro Novo

Con profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición OralPolafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das FestasGala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.

No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da súa traxectoria.

O seu corpo está no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo, s/n, Lugo –como chegar). A incineración terá lugar o venres 2 de febreiro, ás 19:00. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.

A Coruña: Encontro c@s amig@s arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Como peche do ciclo de actividades As chaves do tempo, arredor de Luísa Villalta, que organizaron a agrupación cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre o 19 e o 27 de novembro, celebrouse este encontro presentado por Xurxo Souto e Teruca Queiro. Interviron Pilar García Negro, Pancho Pillado, Ánxeles Penas, Blanca Silva, Ana Pillado, Maribel Longueira e Cesáreo Sánchez, ademais da familia de Luísa Villalta.”

A Coruña: recital poético arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Recital poético e de textos arredor de Luísa Villalta, dentro do ciclo de actividades As Chaves do Tempo. Interveñen Nacho Pena Maceda, Cesáreo Sánchez, María Xosé Bravo, Beatriz Maceda, Chisco Fernández Naval, Dores Tembrás, Eli Ríos, Lino Braxe, Marica Campo, Olga Patiño, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel. Inclúese unha montaxe sonora con texto de Xavier Campos, poesía de Luísa Villalta, locución de Eva Vieites e idea de Clara Soler. Foi celebrado no Monty da Coruña, o 25 de novembro de 2017.”

Mostra fotográfica arredor de Luísa Villalta



Mostra fotográfica feita a partir das achegas d@s twitteir@s durante a celebración do ciclo de actividades “As chaves do tempo” entre os días 18 e 25 de novembro de 2017, convocado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, arredor da figura de Luísa Villalta.

Antonio Reigosa fala sobre os 10 anos das Polafías

Desde Openradio:
Antonio Reigosa foi convidado por unha nova emisora de radio en internet, openradio.es. Esta achega do autor ao espazo E Tumba e Revira é un breve comentario sobre os 10 anos do proxecto das Polafías.
Pode escoitarse aquí.”