A
sexta feira 5 de xuño, ás 18:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, entregaranse os premios literarios convocados pola A. C. O Facho en 2015. Entre as persoas premiadas, figura Carlos Labraña, que obtivo o premio do Concurso de Teatro Infantil.
Arquivos da etiqueta: Carlos Labraña
Coñécense as obras gañadoras dos Concursos Literários da A. C. O Facho
“A
Agrupaçom Cultural O Facho tem a bem de informar das Resoluçons dos Concursos Literários convocadas pola Entidade:
Concurso de Poesía:
– Premio à obra: Nenaespiraes, de Tamara Andrés Padín.
Concurso de Contos de nenos para nenos:
– Premios da Categoría A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Primeiro premio: Mentres dormes, de María Carballo Rodríguez. Alumna do CEIP Concepción Arenal da Coruña.
Segundo premio: O roubo de Pontenova, de Clara Brage Amado. Alumna do CPI Virxe da Cela de Monfero.
– Premios da categoría B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Primeiro premio: Samaín, de Jéssica Lorenzo González. Alumna do colexio Filipenses Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa.
Segundo premio: Pecha os ollos, de Carme Castrillo Solto. Alumna do colexio Maristas Santa María de Ourense.
– Concurso de Teatro Infantil:
Premio à obra: Estrela… fugaz?, de Carlos Labraña.
Crunha, 20 de Maio do 2015″
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10
O
domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 9
– 18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
– 19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
– 20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.
Domingo 10
– 19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.
Carlos Labraña: o teatro para idades temperás
Entrevista
a Carlos Labraña en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti tes moitas pezas teatrais publicadas. Tamén tes presente a máxima de que “o teatro escrito precisa que se implique o lector no texto”?
– Carlos Labraña (CL): Por suposto, pero non só do teatro senón de calquera outro texto. A miña forma de logralo é contar as acotacións dun xeito narrativo para implicar ao lector na lectura. Eu penso que a única diferenza que leva a un lector a non escoller un texto dramático fronte a un texto narrativo ou doutro xénero é o descoñecemento. Se nas escolas os rapaces lesen teatro de maneira habitual non habería ese medo. Todo o contrario, xa que o texto dramático é moito máis áxil que o narrativo. De feito, o emprego do diálogo é moi habitual en novelas infantís e xuvenís. (…)
– NG: E axiña te vemos mergullado no proxecto do “Colectivo Garola”… Como naceu este colectivo? Que supuxo para ti -e para o noso teatro- este colectivo?
– CL: Como comentei anteriormente, logo de participar no certame “Xeración Nós”, hai máis de 25 anos, Fusa e mais eu decatámonos da situación deste teatro e da falta de textos en galego. A partires de aí, fundouse o “Colectivo Garola” coa intencionalidade de desenvolver o teatro para nenas e nenos tanto desde a escrita como a representación das pezas que escribíamos. Por iso comprometémonos a escribir, polo menos, un texto ao ano e representalo. E así fixemos durante bastante tempo, ata que o meu traballo fixo que cada vez me afastara máis de Cedeira. De tódolos xeitos, estamos falando de recuperar esa tradición agora que as ferramentas dixitais permiten traballar a distancia.
Respecto á importancia do “Colectivo Garola”, eu creo que é un referente no teatro infantil en galego, porque conxuga tanto a escrita de pezas teatrais, que logo foron publicadas en diferentes editoriais, como a representación das mesmas, pero de xeito independente. Así, as bibliotecas municipais e, sobre todo, escolares, comezaron a ter pezas escritas para seren representadas polos rapaces. (…)
– NG: Por outra banda, tampouco o mundo da edición de obras teatrais está como para botar foguetes…
– CL: Este é un dos problemas fundamentais. O teatro infantil, que sempre foi o xénero minoritario a nivel da edición, agora coa crise é case inexistente. Só unha editorial, Embora, ten unha colección específica de teatro infantil. O mundo editorial nunca creu no teatro para nenas e nenos, tampouco no dos maiores, coa desculpa da pouca venda de libros, que se fan fotocopias… Eu creo, que o que faltou pola súa banda foi pedagoxía. O libro infantil véndese fundamentalmente polas recomendacións dos colexios. Hai que transmitirlles ás mestras e mestres que un texto teatral non é só para a representación, senón vai máis alá. Os últimos estudos pedagóxicos subliñan que é o texto ideal para aprendizaxe da lectura, máis aínda cando os pequenos teñen dificultades coa mesma, porque se practica a lectura repetitiva, a lectura en voz alta, a entoación e pódese usar para unha lectura na que participen todos os alumnos na aula. Respecto ás fotocopias, o libro de teatro xeralmente é un libro cativo, apenas sen ilustracións. Cando o formato é bonito, a xente paga por el. (…)”
Carlos Labraña leva o VIII Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde
Cultura Galega:
“A pequena compaña é o título da obra coa que Carlos Labraña Barredo obtivo o VIII premio Estornela de Teatro para nenos. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez, destacou a “perfecta caracterización dos personaxes, a tensión dramática e o vibrante ritmo narrativo” así como a mestura de tradición galega e mitoloxía clásica da obra. O galardón que convoca de xeito bienal a Fundación Neira Vilas está dotado con 600 euros en metálico e mais a publicación da obra. Canda a este traballo, entre os 18 presentados, o xurado concedeu tamén mencións de honra ás obras As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro Martínez, e mais a As aventuras de Odiseo, de Xosé Luna Sanmartín.”
Carlos Labraña gaña o Concurso de Teatro Infantil da A. C. O Facho de 2014
“A
Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do concurso de Teatro Infantil na convocatória do ano 2014, segundo acordo do júri formado polos dramaturgos: Manuel Lourenzo, Carme Martínez Mosqueira e Rubén Ruibal.
– Obra: Moito morro corporation Sociedade Ilimitada.
– Autor: Carlos Labraña.
Agradecemos a colaboraçom das editoriais: Galaxia, Toxosoutos, Xerais; assim como a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos especialmente ao ganhador. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 6 de Junho às 19:00 horas, no Salom de actos da ONCE, Cantom Grande, 3 – Crunha.
Parabéns e cumprimentos.
Assinado: Henrique Sánchez Rodríguez, da Agrupaçom O Facho e Secretario do Júri.
Na cidade da Crunha, 24 de Maio de 2014.”
A Coruña: entrega dos premios Literarios da A. C. O Facho do ano 2013
“Com
o galho das Letras Galegas, o dia 7 Junho às 19:00 horas efectuará-se a entrega dos prémios literários: Concurso de Contos de nenos para nenos e Concurso de Teatro Infantil da A. C. O Facho. O acto realizará-se na sala de conferencias da ONCE sita no Cantom Grande, nº 3 da Corunha.
– Concurso de Contos de nenos para nenos
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos).
Primeiro prémio: A nube samaritana de Lucía García López, aluna de Ponferrada, O Berço.
Segundo prémio: A miña pequena gran historia, de Camila Mosquera Filak, aluna do CEIP Concepçom Arenal, A Crunha.
2º.- Prémios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos)
Primeiro prémio: A viaxe das fotos? de Ricardo Pazos do Muiño, aluno do IES Eduardo Blanco Amor, Ourense
– Concurso de Teatro Infantil
O júri acordou por unanimidade conceder o prémio à obra intitulada Espantallo. Aberta a plica correspondente, resultou ganhador D. Carlos Labraña.”
Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde
Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”
Carlos Labraña: “Son moi crítico co que escribo”
Entrevista
a Carlos Labraña en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Cando se fala da desconexión do público co teatro, non se formula se realmente se fai algo para crear esa conexión.
Carlos Labraña (CL): Xustamente son os espectáculos dirixidos aos nenos os que non teñen problemas. De feito, medraron bastante nestes anos as compañías profesionais que fan espectáculos para nenos e teñen moitas funcións. Se os cativos van ao teatro dende nenos, despois van a seguir indo. Iso si, aos pequenos teslles que ofrecer calidade porque os nenos non son os maiores: se algo non lles gusta, non lles gusta.
GH: Que é o teatro para os nenos?
CL: En principio, para eles é un xogo. O que máis lles gusta é disfrazarse e converterse nun superheroe, ou nun personaxe de acción.
GH: O libro publicarase en Embora. É unha forma de visibilidade?
CL: Eu que levo vinte anos publicando teatro infantil, aínda así sigo tendo problemas para publicala. É moi complicado editar. Agora, tiña dúas obras comprometidas e paráronse. O que primeiro que se sacrifica son as coleccións de teatro. Moitas veces, hai que acudir aos premios. Dígocho eu pero tamén cho pode dicir Manuel Lourenzo. Se non é cun premio, é difícil que unha editorial che publique un libro así.”
Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil
A
obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.