A Coruña: entrega dos premios Literarios da A. C. O Facho do ano 2013

“Com o galho das Letras Galegas, o dia 7 Junho às 19:00 horas efectuará-se a entrega dos prémios literários: Concurso de Contos de nenos para nenos e Concurso de Teatro Infantil da A. C. O Facho. O acto realizará-se na sala de conferencias da ONCE sita no Cantom Grande, nº 3 da Corunha.

Concurso de Contos de nenos para nenos
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos).
Primeiro prémio: A nube samaritana de Lucía García López, aluna de Ponferrada, O Berço.
Segundo prémio: A miña pequena gran historia, de Camila Mosquera Filak, aluna do CEIP Concepçom Arenal, A Crunha.
2º.- Prémios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos)
Primeiro prémio: A viaxe das fotos? de Ricardo Pazos do Muiño, aluno do IES Eduardo Blanco Amor, Ourense

Concurso de Teatro Infantil
O júri acordou por unanimidade conceder o prémio à obra intitulada Espantallo. Aberta a plica correspondente, resultou ganhador D. Carlos Labraña.”

Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”

Carlos Labraña: “Son moi crítico co que escribo”

Entrevista a Carlos Labraña en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Cando se fala da desconexión do público co teatro, non se formula se realmente se fai algo para crear esa conexión.
Carlos Labraña (CL): Xustamente son os espectáculos dirixidos aos nenos os que non teñen problemas. De feito, medraron bastante nestes anos as compañías profesionais que fan espectáculos para nenos e teñen moitas funcións. Se os cativos van ao teatro dende nenos, despois van a seguir indo. Iso si, aos pequenos teslles que ofrecer calidade porque os nenos non son os maiores: se algo non lles gusta, non lles gusta.
GH: Que é o teatro para os nenos?
CL: En principio, para eles é un xogo. O que máis lles gusta é disfrazarse e converterse nun superheroe, ou nun personaxe de acción.
GH: O libro publicarase en Embora. É unha forma de visibilidade?
CL: Eu que levo vinte anos publicando teatro infantil, aínda así sigo tendo problemas para publicala. É moi complicado editar. Agora, tiña dúas obras comprometidas e paráronse. O que primeiro que se sacrifica son as coleccións de teatro. Moitas veces, hai que acudir aos premios. Dígocho eu pero tamén cho pode dicir Manuel Lourenzo. Se non é cun premio, é difícil que unha editorial che publique un libro así.”

Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil

A obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Presentación en Compostela d’ “Os sons da buguina”, de Carlos Labraña

A presentación do libro Os sons da buguina, de Carlos Labraña, terá lugar en Santiago o mércores día 2 de maio, ás 20:30 horas, na carpa da Feira do libro de Compostela (Paseo da Ferradura). Intervirán, ademais do autor, Ánxela Gracián (tradutora e escritora) e Xoán M. Pazos Castelo (Baía Edicións).