Entrevista
de Armando Requeixo a Carlos Negro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Carlos Negro (CN): Sóbralle cultura mortuoria, ese aire a defunto con coroas de flores. Fáltalle aparato loxístico, verdadeiro apoio institucional, márketing sen complexos e quizais unha maior independencia con respecto á mitoloxía política xurdida do nacionalismo do século XX. Fáltalle, como a case todas as literaturas do mundo, un público lector máis consciente e masivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CN: Chove, pero non sei cando escampará. Sobre todo a nivel de uso da lingua, pois se a sociedade do século XXI deixa que se esfarele o idioma como signo distintivo, tanto dará se un grupiño de toleiráns escribimos ben, mal ou regular. (…)”
Arquivos da etiqueta: Carlos Negro
Laíño, Dodro: homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, o sábado 17 de novembro
O
sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, terá lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón.
Ser unha foula en resurxir constante
ou un navío en colisión coa noite.
Iso é o que importa.
Eusebio Lorenzo Baleirón, Gramática do silencio.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro, quen este ano faría os 50 anos, co seguinte programa:
• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
• Laudatio de Paulino Vázquez.
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón.
• Descubrimento dunha placa conmemorativa.
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro.
• Remata o acto cunha interpretación musical.
O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.
Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: “Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo”. “O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta.”
Recensión en Sermos Galiza.
Santiago: XIII Xornadas de expresión oral
“Tíralle da lingua é
un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”
XIII XORNADAS DE EXPRESIÓN ORAL
PROGRAMA
Venres 16 de novembro
– De 16:30 a 17:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 17:00 a 18:30 h. Para que serven as imaxes?, Eva Mejuto, OQO Editora.
– De 18:30 a 20:00 h. O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade), Carlos Negro Romero, docente no C. P. I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor. Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
Sábado 17 de novembro
– De 10:00 a 11:45 h. En galego, todo vai rodado, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral. O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Moviemaker, parar realizar dobraxes de trailers e películas.
– De 12:00 a 14:00 h. Expresión audiovisual dos nativos dixitais, Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
– De 16:00 a 17:30 h. Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba.
– De 17:30 a 19:00 h. Canto conto!, Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador. Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
– 19:00 h. Clausura.
Solicitada a homologación por 10 horas lectivas. A matrícula é gratuíta, realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoa que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.
Fene: tertulia de Francisco Castro con Carlos Negro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor
O xoves 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Francisco Castro, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Neda en 2005, coa novela Spam, falará sobre esta obra nun acto conducido por Carlos Negro.
Santiago: presentación de Gratas e boas novas e Pasaxeiras
O
xoves 25 de outubro, ás 18:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse os libros Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín e Pasaxeiras, de Carlos Quintá e Celso Fernández Sanmartín, ambos os dous libros publicados por Alvarellos. No acto participan tamén Carlos Negro e María da Pontragha.
Santiago: O berro de Lord Byron: obradoiro de creación literaria, impartido por Carlos Negro
Froito
dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), convócase para os vindeiros meses un Obradoiro de escrita creativa.
Carlos Negro será o encargado de conducir este obradoiro de escrita creativa que, baixo o título O berro de Lord Byron pretende lograr que os participantes adquiran o hábito da escritura como outra maneira de gozar do tempo libre, á vez que afondará na afección pola lectura e na valoración do feito literario como produto lingüístico, estético e sociocultural.
O Obradoiro vaise realizar no Centro Sociocultural de Conxo, comeza o sábado 27 de outubro ás 11 da mañá e desenvólvese en dez sesións de dúas horas cada unha.
A inscrición é de balde ata completar as 20 prazas para persoas adultas que se ofrecen, e cómpre formalizala dirixíndose ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago:
981 54 24 09
dlg@santiagodecompostela.org
Vexa aquí o cartel do obradoiro.
Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa
A
Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.
María Concepción Álvarez Lebredo gaña o V Premio Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, con Distancias e simetrías
“O
xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora María Concepción Álvarez Lebredo. O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.
“É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”, fundamentou o xurado na súa acta final. “Fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes”, agrega. “Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe”, afírmase no escrito. O xurado que estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, sinalou que “O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes”.
María Concepción Álvarez Lebredo é profesora de Lingua Castelá e Literatura. Naceu en Vigo no ano 1970. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e acadou a licenciatura no ano 1993.” Vía Instituto de Estudos Miñoranos.
Coñécense os tres finalistas do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns
“Dos cincuenta
e un orixinais enviados ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, foron elixidas finalmente 3 obras finalistas, cos títulos Mensaxe para Siria, Distancia e Simetrías e Oso, mama, si? O xurado deliberou o pasado xoves 30 de agosto de 2012 e estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.”
As manías d@s escritor@s de noso III
Desde o blogue Trafegando Ronseis:
“Hai un ano comezamos con esta interesante sección do blogue que nos axudaba a coñecer un pouco máis aos nosos escritores e escritoras. Recoñezo que pasou demasiado tempo, pero volvo a retomar agora o traballo tentando achegarvos novas entregas. Isto, claro, se eles e elas así o desexan. Déixovos aquí as ligazóns do ano pasado: I e II. Volvo dar as grazas a tod@s el@s, pola súa xenerosidade, e a Fran Alonso e a Ramón Nicolás pola axuda imprescindible que sempre están dispostos a ofrecerme. É Ramón Nicolás quen me proporcionou os datos sobre Álvaro Cunqueiro e Fran Alonso mandoume o texto que el publicou en novembro de 1990 no Diario 16 de Galicia sobre o mesmo tema: a información sobre Avilés de Taramancos provén del.
– Álvaro Cunqueiro: nunha autobiografía do 1935 afirma cando se lle pregunta polo seu xeito de traballo: “Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela luz, van saíndo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema”.
– Séchu Sende: afirma non ser moi consciente de ter moitas manías. Asegura que lle gusta escribir despois de se duchar, co pelo aínda mollado, e prendéndose nel unha pinza de madeira (das da roupa).
– Carlos Negro: porfía asemade que a percepción que ten de si mesmo é a de non ser maniático. Iso si, escribe en roupa de casa –chándal, zapatillas- e sen música, pero cunha botella de auga sempre a man. E agradece a soidade e o silencio (non sempre conseguidos por ter un neno pequeno).
– Suso de Toro: sempre leva con el unha libretiña e bolígrafo ou estilográfica. Nela anota as ideas que vaian xurdindo… De esquecela, terá que procurar desesperadamente un anaco de papel para anotar a inspiración fuxidía.
– Diego Ameixeiras: traballa a calquera hora do día, pero prefire facelo a primeiras horas da mañá, sempre escoitando música, e cunha cita da novela de Jim Thompson na que recomenda non “soltar as palabras dunha vez” nin “divagar sobre estrelas que escintilan e se mergullan nun profundo océano opaco” (The killer inside me).
– Concha Blanco: sempre anda cunha libretiña ou cun simple papel dobrado no que poida escribir en caso de precisalo tanto nos bolsos coma na mesiña de noite amais dun lapis ou bolígrafos minis, co único obxectivo de cazar palabras, ideas, descricións, vivencias, soños… que sempre ten medo a perder ou esquecelos se non os recolle por escrito.
– Antón Dobao: asegura que máis que manías o seu son rarezas. Gústalle deixar que o tempo lle pase a un texto antes de retocalo para a súa publicación. Tampouco escribe varias obras á vez, prefire terminar o que está a escribir antes de comezar cun novo proxecto. Se é unha rareza, declárase tímido e non comenta nada sobre o que escribe antes de que saia do prelo.
– Celso Fernández Sanmartín: escribe de cabeza, andando, paseando, na horta, lendo, ou escoitando. Toma apuntamentos en papeliños e cando isto dá o seu froito, aparece a escritura máis consistente.
– Antón Avilés de Taramancos: escribía sempre na súa taberna típica, cun bo viño para quen alí se achegase, no tempo libro que lle deixaban as visitas, e pondo música para illarse das voces dos clientes. A súa obsesión era escribir moi abrigado para sentir calor, “quizais porque veño do trópico”, afirmaba.
– Ramón Loureiro: tamén declara non ter manías. Escribe sempre a man, con pluma estilográfica.”

